Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Constelacións de ollares

Luís González Palma no CGAC

"La lotería. La luna. El rey y la muerte".

O Centro Galego de Arte Contemporánea percorre o universo do fotógrafo Luis González Palma (Guatelama, 1957) nunha retrospectiva que aglutina máis de oitenta obras. Na mostra explora as posibilidades técnicas e formais da fotografía experimentando coa aplicación de betún de xudea e o pan de ouro, redefinindo os límites entre a fotografía e a pintura, combinando imaxes e textos ou propoñendo unha experiencia escultórica da imaxe.

A exposición exhibe a serie "Vieiros", realizada polo artista para a Fotobienal de Vigo en 1996, que foi a súa primeira exposición no estado español, e o proxecto Ara solis (2010), que foi concibido para a exposición Costa da Morte, comisariada por Manuel Sendón no faro de Fisterra e no Museo do Mar de Vigo. Ambas as series están estreitamente vinculadas con Galiza quer pola súa temática, quer por seren aquí realizadas.

O primeiro que chama a atención do traballo de Luis González Palma é a vontade de dignificación e a intensa valoración cultural da identidade do seu pobo que reflicten as súas imaxes; un pobo sometido, aldraxado e historicamente preterido por parte dos sucesivos círculos do poder dominantes en Centroamérica desde a colonización española e que dalgún xeito "fala" nas súas fotografías desde un silencio intemporal.

O achegamento que fai González Palma prodúcese desde o ollar, captado en toda a súa intensidade, e que é expresión manifesta da soidade, da protesta muda e da angustia dos que non teñen nin a posibilidade de faceren sentir a súa voz.

Este achegamento realízao coa súa depuradísima técnica fotográfica á que dota dunhas calidades pictóricas e a partir dunha fonda reflexión sobre a tradición cultural do seu país, que se manifesta desde o tipo de coloración dominante até as escollas icónicas fortemente enraizadas nos valores dunha cultura milenaria.

Guatemala é unha nación dunha riquísima tradición artística precolombiana -nomeadamente a de cultura maia- e tamén posúe unha interesantísima arte colonial, que nas súas manifestacións máis populares deixa sentir o sincretismo coa cultura indíxena, sempre viva na inmensa maioría da poboación.

Luis González Palma utiliza nas súa fotografías as tonalidades ocres e negras, con resaltes brancos, características da cerámica maia do período clásico, as mesmas tonalidades dominantes que se poden tamén observar en moita arte colonial, como é o caso de abondosas Virxes dos séculos XVII e XVIII. Mais, sobre todo, onde se aprecia este diálogo co pasado é na utilización de referencias á pintura e iconografía da arte relixiosa do período de dominio español. Así podemos ver como moitas fotografías remiten a motivos de devoción popular, a un indixenismo relixioso: anxos; motivos alados; orlas de flores; virxes coroadas que reproducen motivos doadamente identificábeis ou meniños que se poden relacionar co Meniño Cristo do barroco hispanoamericano. Esta última -que aparece frecuentemente na Guatemala colonial- é unha iconografía contrarreformista que se espalla na devoción doméstica especialmente no século XVIII e que representa unha visión premonitoria da paixón coas súa coroas de espiñas.

.O barroco tamén aparece explicitamente citado na serie -realizada este mesmo ano- na que establece unha ligazón temática e visual con pintores como Murillo, Zurbarán ou Rubens.

González Palma recrea estes temas sobre a base de retratos de mulleres e nenos, como virxes barrocas coroadas, amosando os seus rostros hieráticos, ás veces enmarcados en orlas ou cofias ou nenos-sol que se ligan ao mundo das divindades prehispánicas nunca esquecidas. Son imaxes que, desligadas do seu primitivo referente relixioso, gañan en rotundidade e eficacia visual, e que postas en relación cos títulos ideados polo autor, revelan un mundo de suxestións que van desde a ligazón coa tradición á crítica social e que neste sentido son dunha contundencia equiparábel á súa riqueza plástica.

Título: Constelacións do intanxible. Comisario: Alejandro Castellote.

Artista: Luis González. Palma. Local: CGAC, Santiago de Compostela. Até o 13 de marzo de 2016.

Mirada crítica

  • Ao conxunto de chaves estéticas vinculadas á tradición do seu país, González Palma acrecenta elementos de crítica social, títulos e fotos como La mirada crítica (1998-2015) lembrándonos a experiencia, o terror e o silencio a que foi sometida a poboación guatemalteca nun pasado recente, aínda non superado, e patentizan a expresión e mais a vontade de dignidade colectiva, de teimosa autoafirmación, presente en todos os ollares, en cada ollar.As obras de González Palma provocan unha sensación no espectador ben semellante á que producen os retratos funerarios de Al Fayun do Exipto romanizado ou os do pintor mexicano do século XIX Hermenegildo Bustos, non por influencias formais senón por unha actitude de fonda verdade á vez histórica e atemporal, por esa capacidade de dialogaren connosco desde o recoñecemento dun "outro" que é un ser único, unha persoa, mais tamén é todo un mundo de referencias compendiado nuna face, nun ollar.

Compartir el artículo

stats