Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vindicación da diversidade

Polos vieiros da arte alternativa

Vindicación da diversidade

Tócanos comentar hoxe Veredevere de Guilherme e Bastardo, un libro publicado por Axóuxere Editora na súa colección "Euterpe" que contén un CD coa música dos textos. Tamén, un emocionado prólogo de Teresa Moure e os deseños de Séchu Sende. Se a todo isto agregamos que nesta obra participan, en ilusionada colaboración, Najla Shami, Xavier Carreira, José Pons, Olga Alonso, Mig Seoane, Franz Sanz e Déline Rabartin, podemos deducir que estamos, indubitabelmente, perante unha obra colectiva e arriscada, onde non faltan, obviamente, textos de autores consagrados convivindo con outros novidosos. Tamén agudiza a orixinalidade deste proxecto literario-musical o feito de ser publicado baixo unha campaña de crowdfunding que recadou os fondos necesarios para a presente edición e para a súa posterior difusión.

Antes de nada temos que aclarar que Guilherme é Xurxo Nóvoa Martins, que ten publicado poesía e microrrelatos en diversas revistas e libros colectivos. Tamén letrista de múltiplos cantores e bandas, actor ocasional e colaborador do colectivo poético A porta verde do sétimo andar. Por outro lado, Bastardo é Alfredo Dourado que, como instrumentista, formou parte da banda de folk galego A Roda e que logo dirixiu o seu interese cara á arte interdisciplinar (compositor, multiinstrumentista, autodidacta) e pola paixón filolóxica.

Veredevere contén doce temas. Os textos son de Álvaro Cunqueiro, Farruco Sesto, Xelís de Toro, Márcio André, Celso Emilio Ferreiro, Xurxo Nóvoa e Cremildo Bahule. Entre eles e dentro dalgúns deles, atopamos estrofes populares, unha canción popular changana, un poema de Raida Rodríguez Mosquera e outro de Arthur Rimbaud. Adornando todo o volume debuxos e poemas diversos con moi coidada edición tipográfica onde percibimos a furia da revolta, a ansia da mudanza, o afán por abrir un mundo fortemente alternativo que rompa co corsé do establecido por unha sociedade pacata que non respeita os dereitos das persoas, da lingua e da comunidade. Todos estes enunciados postúlanse desde a radicalidade (lembremos, radical vén de raíz) o cal non deixa de ser unha metáfora agraria da necesidade de arrancar as herbas más, aquelas que estrangulan a liberdade, que asfixian a igualdade e derruban a fraternidade.

De igual modo, a vindicación da diversidade verifícase na pluralidade de músicas que podemos ouvir e que aquí se invocan. Desde a de raíz popular (outra vez a metáfora) á da irada mocidade internacional pasando pola rebeldía tonal. Todo isto se enmarca no que se ten denominado, creo que axeitadamente, Arte alternativa. Arte elaborada desde a consciencia transformadora e desde o furor creativo. Desde logo que si.

GUILHERME E VASTARDO, Veredevere, Ed. Axúxere, Rianxo, 205, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats