Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cristian Silva: "Na miña música influíu tanto Budiño como Michael Jackson"

Músico polifacético presenta en Pontevedra o seu primeiro disco: Ego

Perfil

  • Músico polifacético, con dominio en varios estilos e instrumentos, Cristian Silva presenta en directo, o próximo sábado (Hora: 18.30), no Culturgal que se celebra en Pontevedra o seu primeiro disco longo: Ego (Inquedanzas Sonoras), un álbum que, non só produce el mesmo, senón no que tamén toca medio cento de instrumentos. Ao resultado chámalle "indie-pop", malia que el mesmo confesa que non gusta das etiquetas.

- Dada a súa, xa longa, traxectoria, semella que tomou Vde. tempo para publicar o primeiro disco. Por que non o fixera antes?ou por que agora veu ser o momento de facelo?

-Levo facendo temas dende que era pequeno, pero cústame moito ensinar as cousas que fago, porque non as considero o suficientemente boas para seren mostradas. A medida que foron pasando anos, fun madurando musicalmente grazas a coñecer moita xente, escoitar moita música e participar en diversos proxectos, e todo isto foi necesario para que puidese atopar o meu estilo e coller confianza en min mesmo, coller ego. Como produtor, teño a experiencia de Tradiphonías, o disco que sacamos co cuarteto O Chupacabras no ano 2011, e polo tanto xa era consciente do custoso que é sacar adiante unha produción musical, así que decidín tomalo con calma, en parte tamén debido a outras obrigas profesionais. Eu son moito de enerxías e de momentos, e a pesar de que xa tiña temas feitos para o disco, outros fixeronse ex profeso. Por exemplo, "A insignificante historia do home astronómico" gravouse nunha fin de semana en marzo do ano pasado, pero tiña claro que non sairía á luz ata que conseguise darlle vida á historia que escribín xunto coa música, xa que considero o conxunto como unha declaración de intencións. O resto dos temas foron madurando entre o meu estudio de Carril e o estudio de Rafael Iglesias en Rianxo, e ao non ter presións de ningún tipo, esperei ata que o disco dixese el mesmo cando quería saír.

-En Ego

-Como aínda non conseguín unha máquina de clonación, comecei a traballar para o disco con outros aparellos como samplers e pedaleiras de loops para intentar reducir a formación de directo se fose necesario. O ideal sería levar unha gran banda e contar con diversos convidados regulares, pero hai que ser realista e consciente da situación actual do panorama musical, así que os concertos serán como o espazo e o momento os demande.

-Coida que o disco tamén gustará aos que habitualmente escoitan música folk?

-En Ego hai material moi diverso cun denominador común: a gaita galega, e gustaríame que todo o mundo puidese atopar un tema neste disco que lle fixese sentir algo especial ou simplemente pasar un bo momento. O das etiquetas xa é subxectivo: podemos chamarlle de mil maneiras, eu fago folk, fago pop... pero non me paro a pensar como se chama o que fago, simplemente emprego as sonoridades que me pide cada tema.

-Unha das músicas coas que mistura é o flamenco. Que teñen en común o flamenco e mais a música galega?

-Non é nada novo que a música galega e o flamenco teñan conexións, a escala frixia é unha escala moi poderosa e está presente nas dúas tradicións musicais. Casualmente teño moito material orixinal dese estilo, e algún tema quedou fora do disco porque non quería repetir estilísticas. No disco, o tema en cuestión nesta onda é "Cantos Roubados", que é un compendio de cantos da tradición oral galega tocados xunto ao fantástico guitarrista Xosé Piñeiro, quen aporta dende a Illa de Arousa a dualidade necesaria para facer máxica esta fusión.

-Que músicos galegos (ou non galegos) son os seus principais referentes, os que máis influiron en Vde.?

-Son tantas as influencias ao longo dunha vida que é difícil citar a alguén. Cando escoito as cousas de todo tipo que fago no estudio, ás veces lémbrame por fragmentos a Bunbury, a Michael Jackson, a Maga, a Budiño, a Stockhausen ou a outra cousa dos millares de discos de diversos estilos que levarei escoitados na miña vida. Seguramente non teña nada que ver, pero sempre atopamos algo que nos evoca a algo que xa escoitaramos antes. É curioso que todos os residuos musicais que se almacenan na nosa cabeza acaben batidos e cuspidos en forma de composicións orixinais con sonoridades totalmente diferentes.

-Marcos Campos, actual director de Xarabal, dicíanos hai uns días que hai os suficientes bos músicos en Galicia como para facer posible un boom do folk galego semellante ao que se viviu nos 80. Vde. tamén o pensa así? Que habería que facer para que iso fose posible?

-Dáme bos recordos que me faledes de Marcos Campos, porque foi unha moi boa influencia para min o primeiro ano que me instalei en Vigo e comecei no Obradoiro da Universidade Popular e en Xarabal. Creo que o boom dos 90 é irrepetible, e non ten nada que ver cos músicos, xa que é evidente a calidade da música en Galicia, e moito é debido a ese boom que serviu para dar visibilidade e multiplicar centros de ensinaza e proxectos musicais. O problema é a situación actual da música na sociedade. É bastante difícil manter un proxecto e unha banda hoxe en día e conseguir concertos nunhas condicións mínimas. Creo que é o público o que debe demandar este tipo de espectáculos se de verdade quere consumilos e non conformarse cos contidos cheos de fume que lle ofrecen. Pero para isto debemos mellorar a educación artística dende a raíz, xa que hai moitísima carencia de actitude crítica.

-Cales estima Vde. que son as principais aportacions que están a facer os músicos da súa xeración ao respecto do que fixeron os da xeración dos 90?

-Partindo de que a técnica na gaita evolucionou moito, agora hai máis fidelidade cando se interpreta música tradicional ou músicas de museo, respéctase a estilística e a reconstrución dos instrumentos e tamén hai unha maior pulcritude interpretativa, pero aínda queda moito por facer, creo que a gaita aínda segue a ser unha grande descoñecida para a maioría dos gaiteiros.

-A Vde. parécelle ben que á música galega aínda sexa definida como "música celta"?

-O das etiquetas é unha cousa subxectiva, é algo que serve para clasificar contidos en estanterías. A min paréceme dificilísimo clasificar a música, pero ás veces é necesario crear unha etiqueta para unificar varios estilos musicais, aínda que logo nos atopemos cousas dispares dentro desa denominación. Eu digo que fago música de gaita independente ou indie folk porque creo que encaixa perfectamente co que eu fago, pero podería encaixar dentro doutras etiquetas.

-Falemos, se lle parece, da súa experiencia como profesor de gaita. Cal é o primeiro consello que lle dá a a un rapaz que diga que de maior quere ser gaiteiro?

-O verdadeiro consello para todo, non só para a música, é que se queres algo tes que facer todo o posible para conseguilo, ser insistente, non abandonar nunca, non hai trucos nin camiños rápidos, e isto non é ningún segredo, todo o mundo o sabe. Un dos mellores consellos que me deu un profesor foi que non me dedicase á gaita, que se me daban mellor outros instrumentos. Quizais foi iso o que me fixo ensinar os dentes, parva saepe scintilla magnum incendium insperato excitat.

Compartir el artículo

stats