Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"A miña obra é o meu corpo"

Helena Almeida en Serralves

Aspecto dunhas das salas da mostra.

Para calquera galego coñecedor ou afeecionado á arte contemporánea internacional, o nome de Helena Almeida (Lisboa, 1934) é dabondo coñecido e respectado, pois xa o CGAC lle fixera en 2000 unha grande exposición. Almeida e Paula Rego (Lisboa, 1935) veñen ser as dúas grandes damas da arte contemporánea portuguesa. E resulta que ambas autoras fan do corpo fotografado ou pintado a cerna do seu traballo, o campo de batalla plástico onde se desenvolve a representación. No caso de Helena Almeida, trátase decote de representacións do seu propio corpo, de aí que titule esta mostra de Serralves A minha obra é o meu corpo, o meu corpo é a minha obra, frase que resulta ben expresiva e denotativa do que é para Almeida o feito artístico.

Sendo, pois, unha artista tan coñecida, certamente o maior aporte que teña a exposición sexa ver aquelas obras anteriores á Helena Almeida de sona internacional, as datadas en 1968 ou 1969 e onde a artista racha coa rixidez do lenzo para convertelo ou nunha persiana ou nunha contra onde a xanela é o propio mainel, ou nunha tea azul desfondada que mesmo se engurruña e prega. Obras esas nas que se adíanta así en máis de 40 anos ao feito na actualidade polas novas xeracións de "deconstrutores" da pintura, e penso por exemplo na nosa galega internacional Ángela de la Cruz. Trátase desas "vellas glorias" que foron as verdedeiras pioneiras de moitas das cousas que agora fan as novas xeracións e que as grandes galerías internacionais pretenden vendernos como "inéditas" ou "rachadoras", esquecendo a mantenta os seus verdadeiros iniciadores. Sobre estes traballos dinos a artista: "Nunca fiz as pazes com a tela, o papel ou qualquer outro suporte. Creio que o que me fez sair do suporte, atravês de volumes, fios e de muitas outras formas, foi sempre uma grande insatisfação em relação aos problemas do espaço. Quer enfrentando-os, quer negando-os, eles têm sido a verdadeira constante de todos os meus trabalhos." (...) "Comecei com uma linguagem familiar (...). Não ia fazer arte abstrata, e pouco a pouco todos estes elementos começaram a sair do quadro. Depois, a tela começou a autodestruir-se. Era uma espécie de destruição, uma necessidade de acabar com a pintura (...) como uma janela que se abre, uma persiana que se enrola, uma tela que se estica (...). Digo a destruição porque a tela acabou por ficar antropomo?rfica. Acabou por identificar-se comigo."

Así chegamos á altura de 1975 e ao inicio desas fotografías en branco e negro que a catapultarán ao escenario artístico internacional e onde aparece retratada polo seu marido. A pintura é agora o seu propio corpo. Reparemos nesas fotografías. Parece unha muller consagrada á relixión da arte, unha virtuosa e unha devota que exercita perante a cámara fotográfica do seu home unha pregaria plástica onde hai pintura dentro e fóra da fotografía e tamén uns rituais do corpo, dos acenos que a converten nunha meiga e nunha sacerdotisa. Pintura azul sobre fotografías en branco e negro porque como nos di ela mesma: "Uso o azul porque é uma cor espacial. Se pusesse verde ou amarelo, ficaria um desastre. Ou castanho. Tem de ser azul. Ás vezes ponho vermelho; é uma tinta que tem outros significados, é o peso. Uso-o quando não estou a querer fazer o espaço. Uso o azul para mostrar o espaço; ou quando abro a boca, ai ponho o azul. É mesmo o espaço, é engolir a pintura, e? pór o espaço na pintura. É agarrar na pintura... Tem de ser o azul."

Ao pasear entre as fotografías últimas de Helena Almeida, penso nesa figura súa xa tan familiar para todos nós, á que fomos vendo envellecer en cada serie. Penso, daquela, na vellicie física á que ela resposta cun espírito novísimo, afoutado, que reclama a inmortalidade, malia o deterioro físico. Daquela non podo máis que lembrar o falecido John Coplans (Londres, 1920), un artista que co que, coido, existe un certo espírito de familia, unha certa afinidade espiritual. Velaí os nus fotográficos do vello Coplans en convívio con esa muller de negro: a viúva, a beata, a santa de corpo reconcentrado, e ambos á procura da súa alma inmortal.

Título: Helena Almeida: A minha obra é o meu corpo, o meu corpo é a minha obra.

Lugar: Serralves, Porto

Datas: Até o 10 de xaneiro

O Abrazo, 2006

  • Nunha das series máis recentes de Helena Almeida atopamos a presenza, por fin!, do fotógrafo Artur Rosa, o seu marido. Nesa soberbia peza de sete grandes fotografías fúndense os volumes negros de Helena e Artur. A artista dinos que Artur "e? outro espaço. Ele é o que estava fora de mim. Eu estava cansada de fazer os dois espaços, e não havia maneira de dar bem. E depois, de repente, pedi ao Artur para me pôr a mão na cara e fotografámos. E depois o pé... Tudo foi desenhado. Depois fomos fazer o banco. O banco era muito pequenino, de propósito. O Artur tinha cinco segundos para chegar ao pé de mim. Era o tempo da máquina?"No Serralves ese gran políptico convive con outra pequena fotografía pendurada á altura dos xeonllos onde vemos unha perna dela enleada á do Artur cunha corda. Unha metáfora dese convívio de arte e vida en común que une esas dúas persoas?

Compartir el artículo

stats