Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cintilar na escuridade

Juan delGado na Fundación Laxeiro

Mostra na Fundación Laxeiro (Vigo).

A Fundación Laxeiro presenta na súa sede viguesa unha exposición do artista español afincado en Londres, Juan delGado (Cartagena, Murcia, 1965), trátase do proxecto intitulado The Flickering Darkness que non fora aínda amosado en ningunha mostra no estado español.

Trátase dunha peza audiovisual realizada en 2009, durante unha residencia de tres meses na cidade de Bogotá. Producida orixinalmente pola colombiana Universidade dos Andes, como parte do programa de residencias artísticas entre Colombia e Reino Unido, o proxecto foi financiado polo British Council, o Ministerio de Cultura e mais o Consello das Artes UK.

Apoiado no discurso preocupado esencialmente pola definición e a percepción de valores como as formas de exterioridade na sociedade contemporánea e as relacións co cotián, a videocreación The Flickering Darkness constrúe unha narración rítmica en que se insiren as experiencias colectivas, unhas experiencias que aparecen moi marcadas pola súa situación nun espazo ou un tempo ben definidos.

O video articúlase ao redor do mercado Corabastos que é o mercado máis grande de Sudamérica, con 420.000 metros cadrados de superficie, e unha poboación flotante de 200.000 persoas diarias, fornecendo todo tipo de alimentos á cidade de Bogotá e a súa área metropolitana. Nesta obra, Juan delGado explora a viaxe percorrida polos alimentos dende a súa chegada ao mercado, até a súa chegada final ao consumidor. O filme, proxectado en tres canles, amosa a cidade nas súas cores típicas, nas súas texturas, silencios e sons, para capturar o sentido do caos e a contradición, e convidar o espectador a reflexionar acerca dos estratos sociais e a xestión dos recursos alimentarios, facéndonos percibir aspectos da realidade dunha sociedade de fortísimos constrastes no acceso aos bens materiais imprescindíbeis. A utilización de recursos como o plano fixo e o son directo, cos que acada unha sensación de obxectividade, acentuada coa edición do material en tres canles, tres puntos de vista que se complementan para formar un único relato que vai poñendo de manifesto as múltiples e complexas relacións entre a comida e os diferentes grupos sociais e, en última instancia, as contradicións existentes nos procesos de produción e consumo.

Título: The Flickering Darkness. Autor: Juan delGado. Comisario: Javier Pérez Buján. Tipo de obra: vídeo - proxección.

Lugar: Fundación Laxeiro, sala B. r/Policarpo Sanz, nº 15, 3º, Vigo. Financia: Unlimited; Consejo Británico de las Artes; British Council-Colombia; Universidad de los Andes, Bogota, Fundación Laxeiro; Concello de Vigo; Deputación de Pontevedra; Xunta de Galicia. Até o 31 de xaneiro de 2016.

Plasticidade visual

  • Utilizando a plasticidade visual como reclamo, o artista vai construíndo unha obra visualmente atractiva e impecábel dende un punto de vista formal que, unha vez que nos engaiola, fálanos de aspectos concretos que a delGado lle interesa resaltar, aspectos normalmente silenciados polo discurso oficial que o autor, á maneira dun arqueólogo, consegue facer agromar. O resultado fainos lembrar algúns traballos da artista norteamericana Lorna Simpson (Nova York, 1960) no tratamento do ritmo e a cor e tamén na vontade de facer explícito o socialmente silenciado desde o mundo cotián.Malia a atractiva sucesión de imaxes, ese cintilar na escuridade ao que se refire o título inglés, o traballo de Juan delGado non amosa un camiño tranquilo, nin plano, polo que o espectador pode discorrer placidamente. O seu decurso descúbrelle a quen o contempla lugares e experiencias que con certeza o confrontan coas súas propias nocións ao redor dos feitos sociais, históricos e estéticos... e o que é máis significativo, coas difrentes estratexias de ocultación, negación e categorización que nos rodean. O seu achegamento aos procesos de produción dos alimentos e en concreto no mercado de Corabastos, supoñen unha pescuda nesta liña, pondo en evidencia as contradicións da xestión alimentaria e as desigualdades que leva aparelladas.Mais, desde o punto de vista estético, o interesante é que o traballo de Juan delGado estimula estas reflexións por medio dun exercicio visual que irradia certa placidez coas tres pantallas creando ritmos atractivamente pictoricistas, que nos lembras ese traslado do pictórico a outros soportes, tan presente en moita arte actual. Así, enxergamos un cromatismo que escorre dunha pantalla á outra, cruzándose, distanciándose ou superpóndose, mexendo o espectador nun vaivén ambiguo entre o que ve e o que intúe, sen dirixir nin cara a un lado nin cara a outro.Porén, estamos perante unha obra que vai alén do puro esteticismo, que funciona como un apelo. Lémbranos que hoxe máis que nunca, imponse reforzar a vixilancia sobre as fontes a que acudimos para lexitimar o coñecemento do mundo que nos rodea, e intensificar a nosa atención lúcida sobre os feitos sociais xaralmente agachados nos discursos oficiais.Parabéns, pois, á Fundación Laxeiro por nos ofrecer, novamente, un traballo de indubidábel rigor e interese.

Compartir el artículo

stats