Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Catálogos nazis

Os fondos privados dos xudeus ricos foron saqueados despois de abandonados

Hai operacións que, malia a súa perversidade, non son senón a tapadeira que agocha o verdadeiro obxectivo: tirar proveito particular. Os que temos memoria e certa perspicacia lembramos operacións secretas, entre nós, feitas por aprendices da "raison d'État" que, en realidade, buscaban facerse con parte dos chamados "fondos reservados". Daquela, que proveito non tirarían cando, desde o propio Estado, os xerarcas nazis, sen escrúpulo ningún, decretaron o saqueo, persecución e eliminación dos xudeus? A escusa ideolóxica e demagóxica era a pureza racial, a hexemonía aria. As vítimas evidentes, os xudeus pobres, os que non puideron fuxir porque non tiñan cartos -para viaxar, para subornar- nin contactos para teceren complicidades. Persoas dobremente marxinadas polos nazis que constituíron a carga que queimou nos campos de exterminio.

Ese era o obxectivo aparente aos ollos da poboación alemá. Pero os xerarcas nazis que deseñaron tal operación pensaban non xudeus ricos: industriais, banqueiros, profesionais de prestixio e posición, artistas. Moitos deles de espírito avanzado e posuidores de importantes coleccións de arte de vangarda; a mesma que foi cualificada de "dexenerada" polos xerarcas metidos a moralistas. E eses fondos privados foron saqueados sistematicamente despois de seren abandonados ou mal vendidos cando os seus propietarios non tiveran outra disxuntiva que fuxir ou morrer.

Co desembarco aliado de 1944, a U.S. Army tivo unha unidade especializada en recuperar obras de arte: os "Monument Men" da recente película de George Clooney. Pero seguían, sobre todo, o destino daqueles obxectos de propiedade pública, os máis das cales pasaran ao tesouro do III Reich. Pero como os seus altos xerarcas se tiñan por parte do Estado, algúns deles -como Göring ou o propio Hitler- desviaran para gozo privado moitas das obras espoliadas.

Da man de Jean-Marc Dreyfuss (historiador especializado no Holocausto), Flammarion ven de editar Le catalogue Goering. Leva prólogo de Laurent Fabius -actual ministro de Relacións Exteriores francés e fillo e neto de anticuarios xudeus espoliados- quen en 2010 publicou Le Cabinet des douze, subtitulado "cadros que fixeron Francia". Súa foi a orde dada en 2012 de dixitalizar o catálogo, escrito en coidada letra.

Hermann Göring e Adolf Hitler contemplando algúns dos cadros do Museo do Louvre.

Neste estudo reprodúcese -coa tradución francesa- o manuscrito do inventario de todas as obras -adquiridas legalmente ou espoliadas- que Göring chegou a atesourar entre 1933 e 1944: 1376 nada menos (tamén fixo unha fortuna con empresas espoliadas). Os títulos transcritos van acompañados de cadansúa fotografía da época. Sería prolixo pormenorizar o contido, nin que fosen apenas algúns. Esta obra vense a engadir a estudos anteriores sobre o tema do espolio feito polos nazis, como o de Héctor Feliciano, O museo desaparecido, publicado en 1995.

Pero a perversidade moral dos xerarcas nazis non pode levar a distracción. Non foron eles os únicos que tiraron proveito -nin que fose efémero- da persecución dos xudeus. Hildebrand Gurlitt -cuxo fillo Cornelius gardou en Munich 1.200 obxectos e cadros ata 2011, cando foi descuberto-, foi vítima como galerista por ser neto de hebrea nos primeiros anos do réxime nazi. Mais recuperado por este, en 1940 pasou a formar parte do operativo ERR, montado en Francia para o espolio artístico. E tamén foi membro da chamada Banda dos Catro, dedicada a vender a colegas de negocio obras obtidas da pillaxe ou de ventas forzadas. Uns beneficios que chegaron tamén a galeristas franceses e, cos anos, á propia República: en 1949 foi interrompida a procura oficial con mil obras recuperadas, desde entón apenas cincuenta foron devoltas.

Arte dexenerada

  • Con frecuencia, por non dicir case sempre, o menos importante dos fenómenos é a cor coa que se presentan. E cando un proxecto político -e máis aínda cando se constitúe en realidade, en réxime- censura determinadas expresións artísticas, está claro que a liberdade corre perigo. Isto sucedeu cando o nazismo, desde o primeiro momento de estar no poder, decretou como arte dexenerada (Entartete Kunst) toda manifestación plástica que non representase a exaltación patriótica alemá.Obviamente, nesta consideración entraban as obras de xudeus e de vangardistas (expresionistas). Unha prohibición que impedía a produción, venda e exhibición destas obras e que mesmo podía acadar á docencia por parte dos sancionados. Entre os afectados, Chagall, Ernst, Kandinsky, Grosz o Klee. Pero, malia a exhibición exemplarizante de tales obras, os xerarcas nazis non dubidaron en apropiarse delas para vendelas ou trocalas por obras clásicas.Pero tal reacción antimodernista non foi moi diferente á que impuxo o estalinismo cando proclamou a única vixencia do chamado "realismo socialista" (versión soviética da "arte heroica" dos nazis), que pasou a negar o vangardismo, aliado do leninismo. Así foron marxinados artistas como Malévich ou Ródchenko e outros, en aparente paradoxo, que tamén o foron do nazismo (Chagall, Kandinsky).

Compartir el artículo

stats