Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor do sexo prohibido

Entre apolíneos e dionisíacos

Arredor do sexo prohibido

Hai vinte anos, apareceu en galego unha versión da novela de Thomas Mann A morte en Venecia, na versión de Laureano Xoaquín Aragujo Cardala. Agora volve as librerías baixo o selo de Rinoceronte esta novela curta da que moitos tiveron noticia, por primeira vez, a partir da película de Luchino Visconti do mesmo título. Aínda que hai moitas diferenzas entre o filme do aristócrata italiano, próximo ao Partido Comunista, e a novela do premio Nobel de Literatura de 1929, ambas as dúas amosan algo que Freud puxo de manifesto: que detrás do discurso da razón hai un mundo escuro, descoñecido, reprimido e irracional, moi ligado ao sexo prohibido.

Antes de defender unha cultura racionalista, Thomas Mann mantivo unha actitude a prol da "Kultur" alemá fronte á francesa; coma o seu mestre Goethe, sentía que el era a encarnación das letras xermánicas e do propio país. As obras anteriores á I Guerra Mundial están marcadas por problemas estético-culturais. En 1901 publica Os Buddenbrook, novela sobre tres xeracións dunha familia burguesa, que lle dá sona mundial e na que xa aparece a contradición entre a vida e a arte. En Tonio Kröger, un mozo, despois de dedicar a súa enerxía á creación literaria, sente nostalxia do seu mundo burgués, do mesmo xeito que Thomas Mann é presa da contradición entre as inhumanas esixencias artísticas e os sentimentos de amor cara ao humano.

A loita entre o mundo apolíneo dos que se aventuran con disciplina extrema para conseguir a grande obra de arte e os que caen prisioneiros das paixóns dionisíacas cristaliza plenamente na novela de Mann de 1912: A morte en Venecia, novela de ideas, moi na liña do autor, e na que un vello escritor viaxa á cidade das canles para sucumbir á beleza andróxina de Tadsio, un preadolescente polaco que está de turista nun luxoso hotel da illa de Lido. O protagonista, Gustav von Aschenbach, vive as contradicións entre a ética do traballo e os desexos do corazón, e acaba morrendo, vítima dunha epidemia de cólera, xa que o amor prevalece por riba da vida ordenada e burguesa. Gustav acaba por saber que as autoridades esconden a verdade sobre a epidemia que se estende pola cidade e provoca estrañas desgrazas, pero permanece cerca dun suxeito amado que nos traslada a un modelo de beleza próximo ao Fedro e a O banquete de Platón.

A morte en Venecia revela un Thomas Mann influído por Nietzche canto ao tema da relación entre arte e vida. Foi escrita cando o autor tiña un concepto aristocrático do mundo e rexeitaba a democracia e o igualitarismo. Nas súas páxinas cargadas de erudición, preocupacións filosóficas e comentarios ás veces máis abstractos que líricos laten elementos autobiográficos. Pero se queren coñecer os avatares da vida do escritor alemán, as relacións co nazismo, o exilio, a súa suposta homosexualidade, ou as diferenzas entre o guión cinematográfico e a fermosa novela, nada mellor que a introdución do tradutor.

MANN, Thomas, Morte en Venecia, (trad. de L. X. Araujo Cardala) Ed. Rinoceronte, Cangas, 2015, P.V.P. 16 ?

Compartir el artículo

stats