Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De soños e mulleres

Sobre da praia apenas luxada

De soños e mulleres

Comentamos hoxe Cheiro de choiva, un libro de Rodolfo Alonso (Buenos Aires, 1934) e temos, necesariamente, que presentalo ao público lector galego. Para o facer, debemos botar man do emotivo texto con que Xosé Luís Méndez Ferrín prologa e prolonga o poemario. Saberemos, entón, que Rodolfo Alonso é un escritor galegoarxentino, daqueles que tiveron unha infancia bilingüe, que adquiriron a lingua vernácula nunha terra e nun país ben lontano do noso. E que o conservaron no corazón ao longo da súa vida. Trátase dun amor profundo e subterráneo por unha patria que non viron e que algúns nin sequera chegarán a pisar. Rodolfo Alonso estreouse como poeta nos anos cincuenta con Salud o nada e participou activamente no movemento poético da revista Poesía Buenos Aires. Xunto coa publicación de numerosos libros traduciu ao castelán a Pessoa, Ungaretti, Paul Celan, Pavese, Éluard, Drummond de Andrade, René Char e un longo e extraordinario etcétera.

O volume que agora comentamos reúne a súa produción en galego. Descubrimos, entón, diversos rexistros. O primeiro catívanos pola súa contundente beleza: "invítovos/a pasear o amor entre os indiferentes/a súa cor sen moral o seu altar sen armas/a súa feroz identidade que inauguran os nenos". Se o sentimento fulcral que temos neste inicio inunda boa parte do discurso poético, non é menos certo que o fulgor da paisaxe tamén ás veces aparece convocado: "Nace moita bondade nestas augas". Noutras ocasións atopamos fermosos xogos de palabras: "iso que ves/mírate/e nos teus ollos mírase/O que ven/e mais non ven/o que ese ceo mira". Tampouco escapa a súa inspiración ao ciclón rosaliano: "Como, sen chorar, chorou?/Como xemeu sen xemer?/Miña nai morou sen ver/xardíns na súa nenez" que desvela, sen dúbida, o drama íntimo da emigración. Como bo arxentino o xogo da intelixencia non prescinde do aforismo que entraña, el só, toda unha filosofía e, mesmo, toda unha tradición literaria que vai desde Julio Cortázar a Jorge Luis Borges. Como podemos ler neste espléndido exemplo: "Sobre da praia apenas luxada, case virxe aínda, non é o pé de Venres o que espanta senón a implícita ameaza: outros, o Outro, que cecais nos inclúe". Do mesmo xeito, non podemos esquecer o poema de homenaxe ao poeta brasileiro Lêdo Ivo, magnífico na súa disposición: Lêdo, quedo./Ivo, vivo?/Cedo, Lêdo./Vivo, Ivo./Non tes ido,/Lêdo Ivo". Completa a presente edición un texto en prosa "Trobadores: linguaxe e nación".

Aquí temos unha poesía unilateralmente melancólica, enchida de soños e mulleres que imitan o ímpeto das árbores, o estupor ante a vida, a paciencia do desterro. E a lucidez da amizade coa terra e coa linguaxe.

ALONSO, Rodolfo, Cheiro de choiva, Ed. Barbantesa, Cangas, 2015, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats