Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os ollos que pensan de José Suárez

Arredor dunha mostra definitiva

Una das fotografías de Suárez expostas na mostra da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

Con produción da Xunta de Galicia, na Cidade da Cultura estase a expor unha amplísima panorámica da obra e vida do grande fotógrafo galego José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974). Un proxecto que conta cunha montaxe deseñada por Alfonso Penela e coa publicación dun atractivo catálogo que reproduce as obras de José Suárez, alén de amplísima documentación, e que vai acompañado de textos de Juan Manuel Bonet, Alberto Martín, Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez-Canal, estes dous últimos, comisarios da exposición, que realizaron unha completa, e en moitos puntos inédita, aproximación á figura e á obra do fotógrafo alaricano.

José Suárez é a figura de referencia na fotografía realizada por galegos nos anos da República e no longo exilio da posguerra. A el débense -xunto con Carlos Velo no cinema- os intentos de crear unha imaxe galega, liberada dos tópicos costumistas. Ambos, para Luís Seoane, recollerán "da realidade galega a verdade da vida dos nosos labregos e mariñeiros e a súa mentalidade, imprimindo á súa obra unha alta forma estética pola calidade e autenticidade da fotografía dos exteriores que reflectiron coa cámara". As palabras de Seoane podemos estendelas ao ámbito universal, aos máis diversos mundos fotografados polo fotógrafo galego: América, Xapón; Sudáfrica, o Mediterráneo ou La Mancha.

A obra de José Suárez hai que situala nos parámetros do documentalismo, sempre desde un fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación mais cun extremo rigor formal.

A súa posición a respecto do traballo fotográfico cómpre inserila dentro das tendencias que nos anos vinte e trinta se espallan polos Estados Unidos e Europa, a chamada Nova Obxectividade, que pretende tocar temas variados, examinar rigorosamente o ser humano, o mundo, os obxectos e a natureza, procurando unha grande nitidez na imaxe.

Suárez realizou, nesta liña formal, nos anos trinta, series de temas galegos: traballos, oficios, festas, entre as que se pode salientar os da "Romaría de San Vitoiro" (1933) no seu concello natal de Allariz.

En 1935-36 realiza a serie "Mariñeiros", que precede á rodaxe do filme Mariñeiros (1936), que non pode rematar en Galiza debido ao comezo da Guerra Civil, que o vai levar ao exilio por mor da súa posición ideolóxica nitidamente de esquerda.

Na Arxentina Suárez mantén estreitos vínculos cos intelectuais do exilio e abre a súa obra a novas temáticas, mantendo a pulcritude e rigor formal que o caracterizan, como nas series dedicadas á Pampa e a Patagonía ou en "Nieve en la Cordillera" (1941), sobre as montañas andinas, un exemplo perfecto desta paixón analítica que caracteriza a fotografía de Suárez. Da Arxentina vai, en 1950, para Punta del Este, Uruguai, onde rexenta a librería El Yelmo de Mambrino, de nome nitidamente cervantino.

Cómpre salientar a súa xeira xaponesa, país no que vive entre 1953 e 1955, como correspondente de prensa, e do que fica engaiolado, tendo como resultado fotografías que seguindo as pautas da súa produción teñen un certo ar poético, na evocadora beleza das paisaxes e dos tipos físicos representados.

Título: José Suárez. Uns ollos vivos que pensan

Artista: José Suárez

Comisarios: Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez-Canal

Local: Cidade da Cultura, Museo Centro Gaiás, Santiago de Compostela

Até o 27 de marzo de 2016

O retorno

  • En 1959 volve a Galiza seguindo o seu labor fotográfico, retomando os temas do campo e mariñeiros, e tamén fotografa a cidade de Compostela.En 1965 realiza as súas fotografías sobre La Mancha o que lle serve para conseguir un importante encargo da editora inglesa Cassell, para a que vai realizar unha serie sobre a festa dos touros, publicada co título de The Life & Death of the Fighting Bull.As fotografías realizadas en La Mancha caracterízanse unha presenza lumínica de forte intensidade, precisión e claridade que vai parella a unha minuciosa preocupación coa situación de todos os elementos da escena, coidando dunha forma moi especial as poses, as olladas e as expresións e as arquitecturas.En xeral, ao conxunto da súa produción pódeselle aplicar o que Fernand Leger dicía en 1923 a respecto da beleza do fragmento, cando se refería a que había que captar o valor plástico dos anacos da vida e dos obxectos comúns. Este sentido e esta captación é perceptíbel en moitas das fotografías de Galiza, América, Xapón ou La Mancha, nas que se pode observar a paixón pola natureza e pola análise do home e o mundo que o rodea. Son todas fotos que evidencian a vontade de comprensión da relación do seu humano real coa vida, transmitindo as súas arelas e toda a complexidade vital. Nelas percibimos o que Eduardo Blanco-Amor sinalaba das súas fotografías, a captación afastada do tópico e a plasticidade da súa linguaxe fotográfica, na que o emotivo está presente, pero sempre dosificado, delineado.Estamos, pois, perante unha mostra imprescindíbel que recupera unha figura central da modernidade estética galega do século XX.

Compartir el artículo

stats