Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máxico simbolismo

Dunha tenra inmersión

Máxico simbolismo

A lúa cobra para Xoán un significado especial logo de experimentar con ela unha aventura fascinante polas alturas siderais e polas profundidades dun mar enigmático no que o rapaz pescuda a saúde de seu pai.

Despois dun duro día de faena, un mariñeiro volta a casa doente e o seu fillo desvívese por facer que a rutina sexa de novo unha realidade. Mais ás veces, as circunstancias, a miúdo caprichosas, afánanse en romper o equilibrio e desbaratar a tranquilidade cotiá. E é entón cando as respostas non se fan agardar: o rapaz acode á imaxinación para aliviar a pena que lle produce ver ao seu pai enfermo e atopa rapidamente resposta en forma de fantasía.

En clave metafórica non só dende o punto de vista literario senón tamén plástico, artella Carme Solé Vendrell unha historia na que o protagonista, afouto e decidido, non se limita a agardar a que chegue a solución ao seu problema, senón que toma as rendas dos acontecementos e sae na procura dun remedio eficaz. O medo a que seu pai lle suceda algo grave, a soidade ou a tristeza pola perda dun ser querido convértense en motivo de profunda reflexión e someten o lector a un proceso de tenra inmersión, facéndoo cómplice dunha aventura terapéutica que, por unha banda dulcifica a temática e, por otra, permite abordar con naturalidade situacións complicadas como unha grave doenza.

Pola súa parte, o corpo celeste satélite da Terra convértese na luz que guía os pasos do neno no seu percorrido cara ao abismo, como sucede todas as noites nas que lle fai compaña, mentres seu pai está ausente. Deste modo a lúa alíase co mozo, préstalle a luminosidade e achégalle as forzas precisas para vencer o medo que nun primeiro momento o tiña paralizado, pero que tamén lle serve de motor capaz de poñelo en funcionamento.

A lúa tense convertido nunha constante na literatura. Quizais a súa relativa proximidade ou o espectáculo constantemente renovado das súas fases produce na paisaxe nocturna unha fascinación que non pasa inadvertida aos escritores que non dubidan en facela protagonista ou espectadora de historias alleas. Na súa vertente real ou imaxinaria preséntase como reflexo da relación que o home mantén dende os primeiros tempos co astro da noite.

A lúa de Xoán non é máis que un exemplo máis desa utilización do noso satélite e a historia, unha mostra máis da súa función emotiva e evocadora.

O relato prendado dun forte simbolismo -as ondas do mar, os acantilados, o cemiterio, o ciprés, as gaivotas, o polbo- vai acompañado dunhas imaxes moi suxestivas que farán gozar ao lector da maxia do trazo e das palabras.

SOLÉ VENDRELL, C., A lúa de Xoán, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats