Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fulgores da arte

O mosteiro de São Martinho de Tibães

Arcada do claustro. // daniela maia

São Martinho de Tibães, antiga casa nai da congregación benedictina portuguesa, ubícase nun fermoso lugar a seis quilómetros ao noroeste de Braga, na mesma parroquia que lle dá nome. Fundado a finais do século XI, cando o Condado Portucalense comezaba a florecer e os monxes de Cluny introducían a regra de San Bieito, transformouse -co apoio real- nun dos máis ricos e poderosos cenobios do norte de Portugal. Restaurado e clasificado como Imóvel de Interesse Público desde 1944, sorprende tanto pola súa magnífica arquitectura como polos seus espazos exteriores e interiores. Os xardíns supoñen un momento de unión coa natureza entre fontes e un lago rodeado de árbores centenarias. Dentro, cada sala, corredor, parede ou teito fala da historia dos monxes que aquí viviron e da pegada deixada polos mestres que fixeron deste mosteiro un epicentro da arte en todas as súas manifestacións.

A reforma do conxunto, que levou máis de vinte anos, tiña asociadas dúas vertentes: a cultural, seguindo o concepto de Museo Monumento e Xardín Histórico, que permite percorrer, ver e sentir os espazos e os seus tempos, e a de acollida, onde a intervención do século XXI adoptou a parte do edificio máis arruinada ás necesidades dunha comunidade relixiosa, con dependencias á parte de hospedería e restaurante.

A importancia do longo pasado do Mosteiro de Tibães mídese tamén polo papel que desempeñou como auténtico obradoiro-escola dun conxunto de arquitectos, mestres canteiros e carpinteiros, imaxineiros e escultores -entre outros-, cuxo traballo e proxección en todo o noroeste peninsular quedou unido á mellor produción da arte portuguesa dos séculos XVII e XVIII. O vello mosteiro románico experimentou co paso das centurias amplas campañas de reconstrución e ampliación, de decoración e redecoración, que ademais de deixarlle marcas estilísticas de todos os tempos, viñeron transformalo nunha maxestuosa peza arquitectónica, nunha xoia monumental digna de coñecerse tanto por dentro como por fóra. En 2009, tras máis de vinte anos de obras, as intervencións para a recuperación total do conxunto chegaron á fin. A antiga casa nai da congregación benedictina recuperaba todo o seu esplendor coa inauguración tamén da referida hospedería, un restaurante e un local de estudos.

No centro de recepción de visitantes, que ocupa as dependencias das antigas cabaleirizas, pode verse a maqueta do mosteiro ao completo, así como uns vídeos interactivos que ilustran acerca da vida dos monxes e a función que tiña cada unha das estancias. Este punto de arranque interpretativo da historia do cenobio continúa cun percorrido polo claustro e mais a igrexa, impresionante coa súa talla dourada. O templo é o xerme do edificio, en torno ao cal se constituíu a congregación monástica. Construída no século XVII sobre o eremitorio anterior románico, a entrada está flanqueada por dúas esveltas torres campanario, aínda que a súa máis significativa impresión está no interior, con rica decoración barroca e rococó e numerosos retablos en talla dourada, moitos elaborados por José Ferreira Vilaça, monxe da orde. Destacan as esculturas en madeira de castiñeiro de San Martín de Tours, San Benito ou o grupo escultórico de San Joaquín, Santa Ana e o retablo da Sagrada Familia, entre outros. Desde o coro alto obtense unha magnífica panorámica do templo. Despois de pasar pola sancristía -con espellos de Bohemia e chan de mármore- accédese ao piso superior, onde se poden visitar os aposentos do abade, dos monxes, a hospedería, a botica e a espectacular Sala Capitular. Calquera que visite Tibães quedará asombrado tamén coa Sala do Taco, onde os monxes pasaban as súas horas de lecer xogando ao billar ou ao xadrez. O mosteiro organiza visitas guiadas, libres e numerosas actividades ao longo do ano.

Historia e natureza

  • Preto de Braga, Tibães ofrece unha paisaxe en plena natureza que se dá a man coa historia. Exemplo disto é a Cerca do Mosteiro de São Martinho, construída entre 1725 e 1734, situada nas abas que descenden do monte de São Gens ata o lugar de Mire de Tibães e ao río Cávado. A Cerca alberga a capela de São Filipe, a capelinha de São Bento e parte do propio cenobio.Segundo algúns rexistros históricos, unha das súas funcións principais sería a de servir á comunidade relixiosa, que neste espazo verde recollería legumes, froita, liño, tería leña, animais e proveríase doutros bens esenciais. Actualmente ofrece un amplo horizonte de froiteiros, hortas, xardíns, lagos e acuedutos que relacionan a paisaxe natural coa cultural. Esta panorámica pode gozarse desde o monte São Filipe, o punto máis alto da freguesia de Mire de Tibães, que goza dunha vista privilexiada de toda a parroquia, a Cerca, o mosteiro e o río Cávado. Neste escenario aparece a maxestosa abadía que ofrece toda unha experiencia para os sentidos, unha partitura barroca que coexiste coa cor, a luz, o movemento, a proporción e a harmonía. O mosteiro conta cunha exposición que explica a historia e desenvolvemento do conxunto monástico ao longo dos séculos e a súa posterior rehabilitación. Organiza tamén actividades específicas segundo a época, como encontros micolóxicos ou magostos.

Compartir el artículo

stats