Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cineuropa 2015

Unha proposta alternativa

O cineasta portugués Miguel Gomes, homenaxeado en Cineuropa 2015.

Os festivais de cine ofrecen un foro importantísimo para intercambiar experiencias e funcionan como unha vía fundamental para a circulación e coñecemento dunha gran parte dq produción que non atopa acomodo nos circuítos comerciais, cada vez moito máis opacos. O cancro da crise expandiu a súa metástase polos órganos máis sensibles da sociedade industrializada que, por desgraza, adoitan ser os relacionados con ámbito cultural por seren considerados polos gobernantes como algo prescindible e superfluo.

Porén, pese a todas as pedras que obstrúen o camiño, a cidade de Santiago de Compostela, un ano máis, e xa van vinte e nove, celebra desde o pasado día 6 e deica ao vindeiro 29 de novembro o Festival Cineuropa, que proxecta en catro salas distintas un total de 300 películas, divididas na sección oficial e a sección OFF-Cineuropa. Moitos dos filmes que desembocan neste certame chegan precedidos de estreas exitosas e recoñecementos da crítica mundial, como o é o caso da venezolana Desde allá (2015), dirixida por Lorenzo Vigas, que levou o León de Ouro na última edición do Festival Internacional de Cine de Venecia; Taxi Teherán, fita iraní gañadora do Oso de Ouro do Festival de Berlín, realizada por Jafar Panahi, outrora encarcerado polo goberno do seu país; ou Sparrows, de nacionalidade islandesa, danesa e croata, merecedora da Cuncha de Ouro no Festival de Donostia e que foi dirixida por Rúnar Rúnarsson.

Ademais, os espectadores que se acheguen aos pases das películas tamén poderán visionar Frankenstein-04155, un documental dirixido por Aitor Rei que profunda no tráxico accidente do tren Alvia acontecido en Santiago hai máis de dous anos e que custou a vida a oitenta e un viaxeiros. O filme, que será estreado nos cines en decembro, tamén foi proxectado a semana pasada no Parlamento Europeo. Outro tema de actualidade presente no festival é o drama dos refuxiados, grazas a películas como Flotel Europa, un documental con material de arquivo do director novel Vladimir Tomic, quen narra a experiencia propia como refuxiado da guerra de Bosnia cando, xunto coa súa familia, chegou a Dinamarca onde foron obrigados a permanecer nun barco xunto con miles de desprazados. Pola súa parte, Mediterránea é un documental sobre o drama da inmigración polo Mediterráneo, finalista do Premio LUX do Parlamento Europeo e proxectada o pasado día 11 de novembro no Festival Cineuropa simultaneamente con outras sete cidades europeas. Nestes premios do Parlamento Europeo tamén compite outra película que exhibe Cineuropa: trátase de Mustang, longametraxe francesa de Deniz Gamze Ergüven que fala do destino de cinco irmás turcas.

Xunto coas proxeccións, o Festival tamén brindará tres recordatorios: a Manoel de Oliveira, o director portugués que faleceu aos 105 anos o pasado mes de abril, Vicente Aranda, morto tamén este mesmo ano -ambos premiados no seu día polo festival- e aos artistas galegos Chichi Campos -humorista gráfico- e Toñito Blanco, responsable do filme La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos (1993).

En definitiva, Santiago de Compostela, durante o mes de novembro, convértese no paraíso terreal para os entusiastas da sétima arte grazas a un Festival que vén sendo unha antoloxía do cine do 2015. A suposta democratización do cine que prometían as novas tecnoloxías segue a depender de propostas como Cineuropa que loitan, fronte a ventos e mareas, por sobrevivir no mundo dos multicines que comparten espazos nos centros comerciais con tendas de roupa e establecementos de comida rápida.

Ripstein e Gomes

  • Á marxe da exhibición de películas, Cineuropa pretende render homenaxe a dous cineastas de alto calado, como son Arturo Ripstein e Miguel Gomes. O debut no cine do realizador mexicano produciuse hai cincuenta anos, grazas á filmación do western Tiempo de morir, a partir dun guión escrito por Gabriel García Márquez e Carlos Fuentes, e a súa andaina chega deica aos nosos días, coa súa última película titulada La calle de la amargura, baseada nunha historia real sobre dous ananos de loita libre que foron asasinados por dúas prostitutas que os drogaron para roubarlles. Ripsten, quen aprendera o oficio de director á bendita sombra de Luis Buñuel, para quen traballou sen crédito en El ángel exterminador, consolidou unha carreira de prestixio ata situalo no podio dun dos mellores directores mexicanos de todos os tempos.Algo máis curta, pero igual de prometedora, resulta ser a traxectoria do director portugués Miguel Gomes, que vén de presentar no Festival de Cannes o tríptico As mil e uma noites, unha adaptación libre da recompilación de contos tradicionais de Oriente e dividida en tres películas: O inquieto, O desolado, O encantado. O escenario trasládase ao Portugal actual, no que unha fermosa Sherezade narra historias tristes sobre un país empobrecido pola crise económica

Compartir el artículo

stats