Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Máxicos roteiros

Mitoloxía da Gallaecia

Máxicos roteiros

Gocei coma o pícaro grande que sigo sendo ao ler Vento e chuvia, a Mitoloxía da Antiga Gallaecia novelada por Manuel Gago, un auténtico todoterreo do ensaio e divulgación entre nós, que tanto avanta no ciberxornalismo de vangarda dende o seu referencial Capítulo 0 e as aulas da USC como escava poboados coordinando iniciativas arqueolóxicas ou escribe libros para foodies e gourmets.

Tal portento natural de curiosidade non podía menos que desembocar nunha minuciosa e fascinante pescuda das nosas divindades da Idade do Ferro e, valéndose das máis rigorosas investigacións históricas e arqueolóxicas, fabular unha cosmogonía da que participan os dez deuses de Vento e chuvia, fantasía ilustrada por Manuel Cráneo e editada por Xerais.

As historias sagras que puideron ser contadas na noite dos castros, as andainas e fazañas dos deuses galaicos son a materia coa que se constrúen os soños deste volume, agora publicado por Xerais na súa colección "Libro X" e dous anos atrás avanzado como grande álbum polo mesmo selo.

Os dez relatos mitolóxicos que nos presenta Gago narran as orixes e principais heroicidades de Reue, deus maior, señor do gran cabalo branco Ecoine; de Bandua, o deus amigo dos homes, "caxato para os pobos"; do terrible Cossue, belicoso e vingativo; da fluvial e irimega Nauia, señora de todas as augas; de Lugoue o habelencioso, o mellor conselleiro; de Berobreos señor das illas e augas ártabras, príncipe abisal; de Poemana a que corre libre, natura de forza extraordinaria e piadosa nai; de Bormánico o custodio das fontes Tamáricas, fillo de Berobreos e a ninfa Sula; das arcanas Sulas Nantugaicas (Sula Abana, Sula Ebura e Sula Conventina), señoras dos destinos, vontades da noite das idades, as que todo o ven; e de Vestio Alonieco, proxenie de Bandua e Nauia, sangue das dúas idades, viaxeiro do mundo e do outromundo.

O libro complétase cun longo capítulo de "material adicional" no que se achega un ameno ensaio sobre "Os pobos de Ferro" e uns valiosos "Roteiros para explorar o mundo de Vento e chuvia", pois cada remate de relato mitolóxico ofrece unha explicación dos vestixios arqueolóxicos e coñecementos históricos sobre os que se fabulou a narración, mesmo abrindo a posibilidade por veces de consultar novas informacións seguindo códigos QR.

Un exhaustivo índice onomástico e toponímico, unha extensa bibliografía especializada e unha ben útil xenealoxía das familias, sangue e descendencia destes deuses completa a obra, concibida como unha "edición de campo", máis manexable como guía coa que andar os camiños da nosa mitoloxía e, neste sentido, complementaria á edición de consulta que a propia editora publicara hai un par de anos en gran formato e da que pode saberse máis en ventoechuvia.com

Unha delicia ler Vento e chuvia de Manuel Gago, o noso mellor Tolkien.

GAGO, Manuel, Vento e chuvia, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats