Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ADN e determinismo

Os fundamentos biolóxicos da nosa igualdade

O antropólogo norteamericano Marshall Shalins.

O capitalismo é un sistema económico bárbaro, responsable da desnutrición crónica e a falta de acceso á auga potable dunha gran parte da humanidade; do empobrecemento de amplos sectores da poboación mundial? e, en definitiva, das desigualdades sociais. Non obstante, malia a responsabilidade das clases dominantes nese proceso de empobrecemento das clases populares e traballadoras, o discurso ideolóxico dominante conseguiu difundir a crenza que as desigualdades son o resultado das nosas capacidades, físicas ou intelectuais -incluídas as 'espirituais', fálase de espírito emprendedor-, que están estreitamente vinculadas á nosa bioloxía.

Ora ben, de onde xorde ese discurso determinista? Ten algún fundamento biolóxico?

A orixe cómpre buscala no momento en que as clases dominantes de Europa e América atoparon n´A orixe das especies (1859) de Charles Darwin un discurso acaído aos seus intereses, polo que puxeron en marcha unha estratexia que perverteu radicalmente a teoría darwinista para producir un novo discurso ideolóxico: o socialdarwinismo, do que foron promotores principais algúns dos científicos darwinistas da primeira xeración -como o alemán Ernest Haeckel, un férreo detractor do socialismo- e o filósofo liberal Herbert Spencer.

Daquela, en plena era vitoriana (1848-1886), o socialdarwinismo, unha doutrina que non ten nada que ver co darwinismo -que tamén ten contidos filosóficos implícitos e reflexións morais contrarias ás que sostén o socialdarwnismo-, ofreceulle á burguesía un discurso ideolóxico que lle permitía atopar un fundamento biolóxico para o progreso e representar as desigualdades sociais como o resultado da 'loita pola supervivencia do máis apto' (lembremos que industriais como Carneggie ou Rockefeller presentábanse a si mesmos como exemplos desa loita), o que permitía naturalizar as relacións sociais. Velaí as razóns do éxito dese discurso que, dende finais do século XIX, foi renovado en varias ocasións.

Efectivamente, ao longo do século XX as clases dominantes promoveron dúas variacións dese discurso ideolóxico inicial: o innatismo, que xustificaba o que definiu como os nosos instintos naturais máis brutais (a violencia en todas as súas formas: guerras, violacións?) como consecuencia da nosa condición biolóxica, do noso instinto animal asasino?

O seguinte paso, relacionado co desenvolvemento da xenética, chegou da man da sociobioloxía, que establece que os nosos xenes determinan o noso comportamento individual, polo que, en última instancia, son os responsables das estruturas sociais que son o resultado do noso comportamento individual, xa que en todos estes discursos a sociedade non é máis que a suma de individuos.

Ora ben, o que demostra a ciencia liberada de deturpacións ideolóxicas é exactamente o contrario do que defenden o socialdarwinismo e os seus epígonos modernos. Efectivamente, de acordo cos coñecementos achegados pola paleoantropoloxía e mais a primatoloxía, a xenética, a psicoloxía (incluída a psicoloxía dos primates) e a neurofisioloxía, pódese afirmar: primeiro, a igualdade de orixe de todos os membros da humanidade actual; segundo, a pertenza de todos os membros da humanidade a unha comunidade de iguais, facendo da nosa diversidade biolóxica a condición necesaria para a reprodución e supervivencia da especie humana; e, terceiro, a importancia da aprendizaxe, da experiencia e da interrelación social no desenvolvemento das nosas capacidades psíquicas.

Neste sentido, cómpre afirmar, en contra do que pretende o determinismo, que a nosa natureza biolóxica é o fundamento da nosa igualdade e que, en tanto que non somos seres determinados, existe un espazo para a liberdade e a acción, para a transformación do mundo.

Non está nos xenes

  • Dende hai uns anos é habitual ler na prensa que se descobren xenes que determinan o cancro de próstata, a osteoporose, a necesidade neurolóxica do sono?, que se mesturan con outras nas que se fai aos xenes responsables dunha serie de condutas sociais: as relacións de parella, a elección sexual?, como se os dous casos fosen comparables. Velaí a estratexia do determinismo biolóxico: equiparar a noso comportamento social coa nosa natureza biolóxica e presentar as desigualdades humanas como inmutables e a nosa organización social como inalterable porque son expresión da nosa propia natureza.Na denuncia deste discurso ideolóxico xogou un papel de primeira orde o xenetista norteamericano Richard Lewontin (1929), autor, xunto co biólogo Steve Rose e o psicólogo Leon Kamin, do libro Not in our genes (1984), e do libro The doctrine of DNA (1993), este último traducido ao galego pola editorial Laiovento no ano 2000.Así mesmo, xunto ao labor de Lewontin cómpre mencionar, entre os detractores do determinismo biolóxico a autores da talla de Ashley Montagu, quen desmontou as falacias dos innatistas de mediados do século XX, a Stephen Jay Gould, autor do libro The mismeasure of man (1981), e a Marshall Sahlins, autor do libro The use and abuse of biology: an anthropological critique of sociobiology (1976).

Compartir el artículo

stats