Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sinxeleza e espontaneidade

Percibindo unha especial friaxe

Sinxeleza e espontaneidade

Recollendo lembranzas e anticipando remates constrúe Manuel Rivas uns relatos que, tendo como marco temporal e cultural o Nadal, trascenden a época e o espazo e se instalan no convencionalismo máis arbitrario, na emoción da aceptación, na fuxida cara adiante como forma de vida ou no frío reencontro para petar na conciencia ou avivar reflexións.

O carácter xenuíno dos contos, no sentido de que non posúen rasgos alleos á súa natureza e que conservan as súas características propias ou naturais, maniféstase dende o comezo cando aparecen representados nas vidas das persoas a transparencia, a sinceridade e a nobreza de quen sente e padece os avatares da vida, buscando, a miúdo, o ben do próximo, ademais do ben propio.

Dalgunha maneira os personaxes das historias actúan empuxados polas circunstancias que eles mesmos crean ou que outros propician e que se converten en estruturas operativas capaces de superar os atrancos ou manexar situacións difíciles. O neno que chega a casa sen a barra de pan, os compañeiros que animan a Félix, aínda que sexa por interese, ou a nena que reciben o agasallo do pai que vén de Alemaña non son máis ca exemplos da cotidianeidade coa que se aceptan as cousas en cada momento. Nada resulta máis real ca a actuación espontánea e natural de quen asume as consecuencias dos seus actos e sabe que quizais irá contracorrente ou terá que pagar un prezo elevado por iso.

A forma de expresión que o autor elixe, xunto co punto de vista adoitado en primeira ou en terceira persoa convértense nun tipo de discurso que chega ao lector como retallos de pensamento que, sen buscar a complicidade de ninguén, participa do entendemento global da mensaxe transmitida.

A sinxeleza e espontaneidade que se relacionan co rexistro oral e as formas populares da narración e que son características constantes na obra de Manuel Rivas, voltan unha vez máis a amosar a súa capacidade de relacionar elementos aparentemente contraditorios aos que dota de graza e tenrura e en virtude dos cales é quen de mesturar o social e o cotián e extraer deles a esenza máis recendente.

Os personaxes elixidos, os espazos nos que os sitúa e a forma de facelos desfilar polas historias fan de Madonna e outros contos de inverno auténticas esceas xélidas onde o frío se percibe dunha forma especial.

RIVAS, Manuel, Madonna e outros contos de inverno, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 11, 80 ?

Compartir el artículo

stats