Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras para o FBI

Entre espías e espiados

Ernst Hemingway, Nobel e dobre axente?

"¿Debemos impedir a este cerebro funcionar?" foron as palabras do fiscal do ministerio público, Michele Isgrò para fundamentar a reclusión de Antonio Gramsci en 1926. Cantos esforzos para impedir que certos cerebros traballen! Sabemos hoxe os nomes de intelectuais sometidos á espionaxe e algunhas das peculiaridades deste exercicio de violencia administrativa. Abraia descubrir que, baixo a nosa fantasía de técnicas sofisticadas, a realidade desta práctica revela moitos erros.

García Márquez foi unha vítima sometida ao escrutinio do FBI dende 1961 deica a 1985. Claro que o escritor non foi o único con este privilexio. No caso de García Márquez hai información moi sensibel para a seguridade como o prezo da habitación onde se instalou en Nova York en 1961, para traballar para na axencia Prensa Latina. Descubriron que estaba coa súa muller e mais o seu fillo e que falaba con pouca habilidade en inglés. García Marquez perdeu o seu traballo aos dous meses de contrato por non ser un verdadeiro membro do Partido Comunista.

Os expedientes dos escritores activistas polos dereitos civís dos afroamericanos como James Baldwin multiplican por dez a cantidade de documentación acumulada. Entre 1935 e 1972 a axencia americana estivo dirixida pola mente inquietante de Edgar Hoover que traballaba para establecer relacións que consideraba incuentionábeis, como a conexión entre negros e comunismo. Sen menosprezar outras relacións non menos transcendentes, como as escondidas debaixo da conduta sexual dos espiados, outro ámbito onde Hoover puxo a proba a claridade das súas cavilacións. Un obxectivo perseguido neses anos foi Claude McKay, un poeta xamaicano que a axencia considerou como un "negrata revolucionario de mala reputación". Outros cincuenta escritores afroamericanos foron espiados e sometidos á análise dos seus textos. Queda por desvelar como se seleccionaban as mentes destinadas a este labor de exame intelectual para descubrir a semente do mal entre os versos subversivos.

Norman Mailer? Non se pode reducir a actividade dun espía a controlar só o poder da palabra, estando a poboación exposta a reforzadores máis poderosos das motivacións humanas. Que sería das nosas vidas sen sexo? Porque é de supoñer que diso estamos a falar cando pensamos en Mailer como obxectivo dunha cuadrilla de espías, observadores do sexo alleo, dirixidos polas ruminacións dun director con fama de obsesivo. Unha sociedade, a humana, necesitada de compensar as propios e inconfesábeis represións fisgando con ánimo moralizante nos gustos sexuais dos outros. Pode que, entre o morbo sexual e a fascinación polas personalidades provocadoras podamos comprender a necesidade de entremeterse na vida de Truman Capote porque non atoparemos na súa existencia motivos vinculados a seguridade pública.

Hemingway tamén. Con esas historias que non sabemos moi ben se son froito da pluma ou dunha realidade paralela. Crónicas que falan dunha habilidade especial do escritor para convencer as mentes máis sensatas das axencias de intelixencia internacionais das mais disparatadas misións de espionaxe. Non menos excéntrica parece a súa insistencia en rexistrarse baixo pseudónimos para ocultar a súa identidade cando era tan popular como unha estrela de Hollywood. Nicholas Reynols, un historiador da CIA manifesta que as calidades do premio Nobel como dobre axente están más preto da personalidade de Jim Wormwold, o personaxe de Graham Greene, que das dun profesional da espionaxe.

Entre políticos sen ideas e intelectuais sen poder, o produto do intercambio non é unha mestura equilibrada. Pero o maldito e o socialista, coa fin da Guerra Fría, deixaron de ser perigosos e convertéronse nun residuo obsoleto. Superado o paradoxo entre a crítica e o servilismo, e atravesando a realidade da función dos intelectuais a través de Gilles Deleuze, Michel Foucoult, Umberto Eco entre outros, chegamos á actualidade onde o cambio non está neles mais que como amplificadores dos discursos dos "outros". O intelectual non pode facer nada máis que dar a palabra, como diría Umberto Eco: "? as revolucións feitas por intelectuais son sempre moi perigosas?"

Compartir el artículo

stats