Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A lección dun cidadán libre

Víctor Said Armesto na Fundación Barrié

Algunhas das fotografías mostadas na exposición que realiza a Fundación Barrié de la Maza (Vigo).

A Fundación Pedro Barrié de la Maza presenta na súa sede na cidade de Vigo unha mostra dedicada ao sobranceiro intelectual Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871- Madrid, 1914), figura central da cultura galega do seu tempo, finado hai pouco máis de cen anos cando se encontraba na plenitude vital e creativa.

Escritor, erudito, etnógrafo, folclorista e musicologo foi o primeiro catedrático de Literatura galego-portuguesa da universidade española, en concreto na de Madrid, desenvolvendo a maior parte da súa vida entre a súa cidade natal Pontevedra e a capital do estado. Said Armesto tivo un papel moi relevante no mundo cultural galego "entre dous séculos", participando con persoeiros como Manuel Murguía na constitución da Real Academia Galega en 1905 e sendo parte fundamental da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, institución sobranceira vinculada á súa persoa na que traballa en estreita colaboración con Casto Sampedro y Folgar, outra figura central da cultura galega desa altura. Cómpre lembrarmos que a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, creada en 1894, foi unha das iniciativas sobranceiras do período rexionalista en todo Galiza, coa finalidade de estudar, catalogar e conservar o legado histórico-artístico da nosa nación.

O labor de investigación e creación de Víctor Said Armento insírese, xa que logo, nun proxecto rexeneracionista, de valoración e recuperación do patrimonio galego lingüistico, literario, musical e etnográfico -daquela abandonado de vez-, ligado a un espírito de estimanza dos factores identitarios prenacionalista -lembremos que as Irmandades da Fala se van crear pouco tempo despois, en 1916-.

O contexto do labor de Said Armesto é, pois, o da vontade da recuperación da cultura galega do pasado, especialmente a popular e mais a medieval, velaí a súa tese de doutoramento Notas para el estudio de la "materia de Bretaña" en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV de 1911, ano en que tamén realiza con Casto Sampedro o Cancioneiro musical de Galicia.

De por parte, este marco político-cultural sintonizaba plenamente co que xa desde mediados do XIX se facía en Francia, Inglaterra ou Cataluña. Un contexto internacional que, sen dúbida non pasou inadvertido no ambiente intelectual do rexionalismo galego, que mantiña vínculos e unha esencial sintonía co catalanismo e que seguía atentamente o ámbito de creación cultural europeo, nomeadamente o francés.

O labor de Said Armesto e a creación da Sociedad Arqueológica de Pontevedra cómpre entendelo, pois, inserido no movemento intelectual galeguista, un fenómeno que non é produto do azar nin do encontro casual de sensibilidades afíns e espalladas, senón que é consecuencia, moi meditada, dun proceso ideolóxico e político, que levará ao nacionalismo político moderno.

Moitos intelectuais e artistas, como é o seu caso, van asumir nunha altura dada a identidade básica ou cultural de Galiza como elemento nuclear de inspiración sen que iso os leve necesariamente a unha militancia nin sequera a pertenceren a un único grupo ideolóxico. Mais esa procura da "esencia do país" que vén de Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Eduardo Pondal supón captar a profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado con ollos novos por escritores, artistas e pensadores.

Título: Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre

Local: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Sede de Vigo

Produción: Fundación Pedro Barrié de la Maza

Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra

Até o 28 de febreiro de 2016

Completa visión

  • A exposición Víctor Said Armesto: a lección dun cidadán libre -un título ben fermoso e atinado- contextualiza con rigor a figura do polígrafo, a través da voz dos seus contemporáneos e da documentación do propio Said e salienta dous trazos de personalidade que son tamén trazos intelectuais: a independencia de criterio e a solidez e coherencia coa que Said se interna nos máis diferentes ámbitos culturais e humanísticos. Por iso non existe solución de continuidade entre a súa actividade política, filosófica, xornalística e filolóxica, e toda ela está impregnada dun sentimento de fondo amor ao seu país.A mostra traza unha completa visión intelectual e humana da figura de Víctor Said Armesto, a través do seu legado escrito, dándolle voz aos seus contemporáneos e contextualizando a súa obra, co fin de rescatala do esquecemento. Por ela transitan os amigos, mentores e interlocutores de Said: Manuel Murguía, Miguel de Unamuno, Indalecio Armesto, Emilia Pardo Bazán, Ramón María del Valle-Inclán ou Carolina Michaëlis de Vasconcelos; as cidades que marcaron a súa vida: Pontevedra e Madrid ou os temas de relevancia universal nos que Said foi quen de facer unha achega orixinal como o mito de Don Juan ou o de Tristán, que Said alumeou dende a tradición recollida en Galiza nas fontes literarias e populares.

Compartir el artículo

stats