Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Enriquecedor hipertexto

Na irmandade de imaxes e palabras

Enriquecedor hipertexto

Chega ás miñas o libro Mundo onírico que, máis ben, é dous libros, ou tres volumes nun. Explícome. A obra contén vinte e tres cadros de Xulio Fontes (Quintela de Leirado, Celanova, Ourense, 1951), pintor autodidacta que gosta de xogar coas cores, tratando un monte de temáticas diversas desde distintos ángulos onde non é menor a irrupción da paisaxe. Estas pinturas deseñan un orbe plural que vai desde as fonduras do rigor campestre até a visión dunha cidade, Vigo, desde a outra beira da ría, pasando polos territorios africanos da emigración, a contemplación de monxas case místicas, de casas isoladas, de montañas nervosas, de sapos ensimesmados, de cepas en xexún, de mulleres á procura da fertilidade, en fin, un mundo variopinto trazado en reproducións tecnicamente moi ben artelladas que van plasmando un xentil cromatismo polas páxinas.

Xa anunciei que esta nova entrega da Editorial Elvira é algo máis que unha colectánea de pinturas. Alberga tamén unha notábel cantidade de información para aqueles seguidores da estética representada por Xulio Fontes. Acompañando a cada unha das ilustracións podemos ler un breve texto onde o autor dos cadros nos vai desgranando a intencionalidade das súas obras, a inspiración que o levou a realizalas, as circunstancias concretas que quixo representar con elas. Tomemos como exemplo a peza "O vento", onde lemos: "Canto máis forte era máis eu gozaba, posto nos camiños e cos brazos en cruz, de costas cara onde viña o vento, deixábame levar pola súa forza. Tamén cando de noite, na cama, o ruxir e o abanar das árbores era cousa que daba lugar a aconchegarse entre as mantas".

A segunda parte do libro contén vinte e tres textos, máis un prólogo de Alfonso Álvarez Cáccamo, que, desde diversas perspectivas (a analítica, a biográfica, a narrativa, a lírica), van uníndose a cada un dos cadros para completar o mosaico deste volume insólito. Deste xeito, podemos atopar páxinas de Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villavarde, Modesto Hermida, Ramón Rodríguez Otero, Antón Patiño, Xosé González Martínez, Luís Martínez Risco, Constantino Prol, Emilio R. G. Bonome, Xosé L. Sebio, Mª del Carmen López Mayán, Antonio Piñeiro, Alfonso Eiré, Ánxeles Fuentes, Avelino Muleiro, Manuel Veiga, Brais González, Vidal Estévez, Emilio Fernández, Jesús de Juana e poemas de Gonzalo Navaza, Xiao Roel e Luís M. García Mañá. Sen dúbida o irmanamento entre a imaxe e a palabra dá como resultado un hipertexto enriquecedor, no senso de que nos vincula a unha obra, clarifícaa, saliéntaa, incrústaa no mundo verbal que, como a pintura, tamén é onírico pois provén das profundezas máis arduas do ser humano, dos seus soños

FONTES, Xulio, Mundo onírico, Ed.Elvira, Vigo, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats