Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Joyce en galego (e II)

De como Ramón Otero Pedrayo converteuse en tradutor ao galego da novela Ulises

Os analistas que se achegaron á tradución galega duns anacos do Ulises non profundaron na maneira en que esta novela chegou ás mans de Otero Pedrayo (no fondo da Fundación Penzol non hai rastro de contactos con Larbaud). Ata a aparición deste, a única presenza francesa nas páxinas da revista Nós foi a de Philéas Lebesgue entre 1920 e 1922. Larbaud tamén exercería de antena francesa pero para que enviase un exemplar do Ulises e mais o libro de Simone Tery precisaría -sospeitamos- dun padriño ou avalista de solvencia. Tal vez quen fixo de alcaiote intelectual fose Joan Estelrich.

A loa que Risco lle fixo a Larbaud sería excesiva se apenas exercera o papel de correo. Por iso supoñemos que tivo unha actuación máis activa, tal vez uns anacos da novela en francés que lle servisen a Otero Pedrayo para vertelos en galego. Non xulgaremos aquí en termos de moralidade tal feito, pois daquela era habitual se temos en conta as limitacións que tiñan cara ás linguas estranxeiras que non fosen o francés.

O certo é que, segundo lle contaba á súa nai nunha carta datada en Santander o 14 de agosto de de 1926, "entretengo parte de la tarde dando lección de inglés". Cativo proveito tiraría se temos en conta que regresaron a Ourense o 10 de setembro. E se lembramos o protagonista de Arredor de si, Adrián Solovio apenas sabía inglés. Daquela, por que unhas clases nuns poucos días? Quen sabe se, como din Patricia Arias e Mónica Pazos, aquel "profesor muy bueno" fose un guía para cadrar unha primeira tradución de urxencia (en castelán ou en galego?) do orixinal inglés do Ulises nuns anacos acoutados nunha versión francesa. Como tampouco podemos perder de vista que Nós non saía do prelo nas datas que figuraban na cabeceira senón semanas despois (baste con repasar as referencias a revistas portuguesas).

Ramón Otero Pedrayo

O que resulta evidente -polo menos en relación aos textos traducidos- é que houbo interferencia dunha versión en francés. K. A. McKevitt sinalou que hai erros que só se explican por inxerencia francesa; outros analistas fixeron evidentes as limitacións de Otero verbo da lingua inglesa. Nese senso, non esquezamos o apostolado que Larbaud exercía verbo do Ulises: dálo a coñecer malia as obvias dificultades do orixinal. Por iso non sería de estrañar que co envío a Ourense viaxasen outros materiais auxiliares, quen sabe se un anaco da tradución de Morel.

Por iso cansa a insistencia que, sen demostrar a competencia de Otero Pedrayo cara ao inglés en 1926 (nunca traduciu máis nada), teima na pureza da tradución deses anacos do Ulises. Máis aínda cando tradutores desde o inglés (Linati, o propio Larbaud) recoñeceron as dificultades da súa lectura. Daquela, por que Otero deixou páxinas do Ulises sen tallar? Entendeu dabondo a novela como para que a súa intuición coincidise, nin que fose parcialmente, coa de Larbaud?

A cuestión máis importante a considerar, en definitiva, é se a tradución foi boa e se a súa publicación influíu na literatura galega posterior. Canto ao primeiro asunto a resposta non pode ser afirmativa: Otero non foi capaz de captar a vontade paródica de Joyce na enumeración de palabras técnicas e estranxeiras (hebreas, gaélicas, latinas); coa apropiación enxebrista que fixo (en axeitada definición de M. C. Millán Varela), alterou a precisión verbal do autor. E canto ao segundo, e vistas as súas obras posteriores, apenas tivo repercusión na narrativa oteriana ou doutros escritores do seu tempo. Risco e Otero anunciaron un sinal da vangarda literaria europea pero foron refractarios á modernidade que contiña.

O escritor e xornalista mallorquín Joan Estelrich (1896-1958).

Joan Estelrich, o embaixador

  • A crítica literaria galega non reparou bastante (case que nada) na importancia que tivo Joan Estelrich para poñer en contacto o galeguismo emerxente das Irmandades da Fala co nacionalismo catalán conservador e as respectivas manifestacións culturais. Con todo, non foi ata tempos recentes (cómpre salientar o traballo de Jesús Revelles) cando desde a crítica en catalán se tomou en consideración a súa figura, unha vez quedaron superados moitos dos prexuízos que pesaban sobre el, especialmente pola súa adhesión ao réxime franquista desde os anos da guerra civil.Nacido en 1896 nunha familia conservadora de Felanitx (Mallorca), foi escritor e xornalista precoz e xa en 1918 xestionou o achegamento de Francesc Cambó a intelectuais e políticos portugueses e galegos. Ben axiña apareceron artigos seus en A Nosa Terra e en 1922 sucedeu a Tomàs Garcés como corresponsal catalán de Nós, papel que exerceu ata os anos trinta. Profundamente iberista e europeísta, procurou a amizade de intelectuais europeos comprensivos coa pluralidade española, entre eles Larbaud, a quen presentou na conferencia que deu en Barcelona en 1923.Interesado e asemade xeneroso, puxo a disposición de Vicente Risco os seus contactos para así axudar a dar corpo ao nacionalismo cultural galego.

Compartir el artículo

stats