Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con coidadoso estilo

Con 'Meu amor, eu morro' o lector permaneza atento ao texto dende os primeiros compases do relato

FICHA TÉCNICA

  • Título: Meu amor, eu morro
  • Autor: Kristín Ómarsdóttir
  • Editorial: Rinoceronte, Cangas
  • Prezo: 18,50 euros

Kristín Ómarsdóttir (Reykjavík, 1962), residente na capital islandesa, estudou literatura e español na Universidade de Islandia. Nos seus inicios profesionais, foi quen de compatibilizar o seu traballo como xornalista por conta propia co de escritora, que foi gañando terreo devagar. Tocou todos os xéneros literarios, ademais de expor as súas ilustracións e traballar no campo das artes visuais. Gran descoñecida no noso contexto literario e cultural, é autora de Elskan mín ég dey, que vén de traducir o cangués Elías Portela. Meu amor, eu morro, gañou o Premio Cultural DV de Literatura e foi candidata ao Premio Literario do Consello Nórdico en 1999. Como non podía ser doutra maneira, é Rinoceronte Editora quen nos ofrece a posibilidade de ler en galego a Ómarsdóttir, cousa que aínda non podemos facer en ningunha das outras linguas peninsulares, renovando unha vez máis o seu compromiso de apostar por autores de calidade de ámbitos culturais e artísticos inéditos na nosa lingua.

A historia, que sobresae polo seu estilo coidado, sentencioso e cambiante, fai que o lector permaneza atento dende o primeiro momento, no que catro irmáns e o seu pai viúvo asisten ao velatorio do corpo de Jóhanna, a última muller que queda na familia, que vén de aparecer envurullada en plásticos no mar, como Laura Palmer o fixera na afamada Twin Peaks. Ómarsdóttir traslada o lector ao máis profundo de Islandia, a unha vila onde esta familia, que xa viu morrer á nai e a outra irmá, Ólöf, se dispón agora a preparar o cadáver da que acaba de morrer preñada; situación angustiosa e tráxica que a autora resolve, cun característico sentido do humor, recreando un universo paralelo, o reino celestial, en que os defuntos conviven e onde teñen un sofisticado sistema para ver os inferiores mortais, ademais de poder gozar de antollos como un Bacardi dobre, que Deus servirá en bandexa e de compartir vida con Leonardo da Vinci e Ernest Hemingway.

Altérnanse os capítulos que narran a vida na terra cos que describen a vida no ceo, artellando Ómarsdóttir unha particular e envolvente estrutura que atrapa o lector, dando unha de cal e unha de area, pois o realismo e as traxedias do mundo terreal contrastan co absurdo e as situacións cómicas que se viven no ceo. Coa morte de Jóhanna, semella que os homes están predestinados a atoparse pronto coas mulleres da familia e sucédense episodios mortuorios que provocan que os vivos vaian facer un recoñecemento médico co fin de descubrir a causa de tanta morte.

Suicidios, adulterios, sexo e erotismo... Todo transcorre mentres a "gramola da eternidade" soa no ceo.

ÓMARSDÓTTIR, Kristín, Meu amor, eu morro, Ed. Rinoceronte, Cangas, 2015, PVP. 18, 50 ?

Compartir el artículo

stats