Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos del FARO

Chegan os Neos

A obra dos novos creadores poéticos, caso de Berta Dávila e Gonzalo Hermo, fascina aos críticos e interesa aos lectores

Teñen menos de trinta anos. Son intelixentes, posúen un discurso poético sólido e carecen de medo. Así son os Neos, a nova xeración de poetas galegos. Nos últimos anos, sacodiron os Premios da Crítica con Raíz da fenda de Berta DávilaRaíz da fenda e Celebración de Gonzalo Hermo, dous poemarios que, como subliñou no seu día a ideóloga literaria Iris Cochón, beben máis da inspiración dionisíaca dos noventa que da postura apolínea dos oitenta. O Premio Nacional Miguel Hernández para Hermo [é a primeira vez que o consigue un poeta galego] confirmou, ademais, que forxan unha linguaxe [innovadora e constructiva] de vocación cosmopolita. O galardón, subliñou Hermo ao saber que o futuro chamaba á súa porta ,"é un recoñemento á poesía nova que se fai en Galicia, e en xeral a toda a poesía galega".

A obra dos Neos fascina aos críticos, interésalle aos lectores e serve de diálogo [audaz, sen complexos] coa tradición e coas correntes contemporáneas, tanto as que emerxeron no país nos últimos anos como as externas. Berta Dávila (Compostela, 1987) posúe, apesar da súa xuventude, unha longa traxectoria. Iniciouna no 2007 co poemario Corpo baleiro (Espiral maior) e inclúe exitosas propostas novelísticas, como Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos 2008) e O derradeiro libro de Emma Olsen (Premio Repsol 2013). Gonzalo Hermo (Taragoña, 1987) é un poeta de obra menos extensa pero de gran impacto. O seu debut con Crac (2001) conmocionou baseamentos líricos e Celebración afianzou a súa proposta de rebentar o canon con frio cortante e alento vermello.

Pero non están sós. A máis precoz dos Neos vén ser Alicia Fernández (Escairón, 1987): aos oito anos gañou o seu primeiro concurso e na década seguinte creou unha obra de intensidade inédita. De momento, ten un único libro, Botar o mar polos ollos, que sinalou en 2005 a emerxencia do grupo. Estreitamente relacionado con ela e con Hermo, está Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985), un prodixio conceptual. Memorial e danza [Premio Pérez Parallé], revelouno o pasado ano como un poeta radical, de metáforas mastigadas e humor abrasivo.

Gonzalo Hermo // FARO

Máis alá de Oriana Méndez [Vigo, 1984], unha das autoras referenciais da xeración con Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007) e Cero (2011), os Neos son poetas realmente novos. Os máis mozos naceron nos anos noventa: o brillante Ismael Ramos [autor de Os fillos da fame] en 1994 e Xesús Castro, gañador do Premio Nélida Piñón de relatos con O vello e o minotauro, en 1992. Para algúns críticos, no conxunto [fornecido de nomes que superan a barreira dos trinta, como Lara Rozados (1982) ou Samuel L. París, do colectivo Tinta de Lura], poden distinguirse catro correntes. Unha delas estaría influenciada polo maxisterio de María do Cebreiro e Helena de Carlos, cunha poesía ligada á experiencia, de linguaxe limpa e mesmo antirretórica. Nela integraríanse, Alba Cid (1989), Lara Dopazo (1985) [autora do sorprendente Dende Illa peixe] e Celia Parra (1990), ademais dos xa mentados Xesús Castro, Ismael Ramos ou Berta Dávila. Unha segunda corrente, afastada das formas experiencias e ligada á poesía-pensamento de Chus Pato, Xabier Cordal ou doutros autores relacionados coa indagación das identidades, nútrese coas obras de Cortegoso, Hermo e Méndez.

A terceira corrente agruparía propostas abertamente militantes, como a de Xabier Xil Xardón [no 2007 publicou Cando menos a derrota] e a de Andrea Nunes [cos seus dardos feministas]; ou liñas de afirmación reintegracionista como a de Charo Lopes, gañadora do premio Fiz Vergara con De como acontece a fin do mundo. Por último, e en paralelo a outros autores sen filiación [o catalán Eduard Velasco, autor de Ruído de trens], habería unha cuarta corrente que vén influenciada polo exemplo de Ronseltz e Rompente, que busca desacralizar a poesía ou esculca aínda expresións non estritamente literarias [en liña con Lucía Aldao], como Daniel Landesa, do colectivo Poetas da Hostia.

Todos eles vñen conformar, pois, a xeira dos Neos: a última xeración poética do século XX e, ao tempo, o primeiro banzo lírico do novo milenio.

Compartir el artículo

stats