Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedro Feijoo: "Non hai historias imposibles"

'Morena, perigosa e románica' é o título da última novela do escritor vigués tras do éxito dos dous títulos anteriores

Pedro Feijóo en Vigo // Eli Regueira

Morena, perigosa e románica (Edicións Xerais) é o título da última novela de Pedro Feijoo. Tras do éxito acadado polos dous títulos anteriores, Os fillos do mar e A memoria da choiva, o escritor vigués cambia de rexistro para adentrarse nunha comedia trepidante, cun surrealista plan de "roubo do século" polo medio, que ten un nada doado obxectivo: facer escachar de risos aos seus lectores.

- Que lle resulta máis difícil: facer rir ou manter o lector intrigado ata o final, para averiguar quen é o asasino (como fixo nas súas dúas anteriores novelas)?

-Pois eu diría que facer rir mentres manteño ese mesmo lector intrigado ata o final da novela, intentando averiguar como raio vai ter que facer esta panda de inútiles para sacar o seu plan adiante...

-Describe Vde. con moito detalle o escenario do roubo. Para non desvelar misterios: cando decidiu que ese ía ser o obxecto que os protagonistas ían roubar: antes ou despois de coñecer dito "escenario"?

-Sempre traballo cunha serie de ideas ou posibilidades concibidas de antemán, claro. Pero nunca lles dou saída ata non estar certo de que isto se pode facer de tal ou cal xeito. Para min é totalmente imprescindible ser honesto co lector, por iso nunca emprego localizacións que non coñeza, nas que non estivera, ou que non poida describir a calquera hora do día... O cal é unha faena, porque supoño que cun método de traballo tan lamentable, xamais poderei escribir unha novela sobre a vida en Plutón...

-Unha das posibilidades que manexa o grupo de ladróns que Vde. reúne na novela é o secuestro do futbolista Messi. Por que non se decantaron polo secuestro? Non cre que sería aínda moito máis divertida (e comercial) a trama ou botouse atrás por medo a que lle reclamasen dereitos de imaxe ou tal vez porque o alcumasen de madridista e anticulé?

-Home, eu creo que a estas alturas, logo de máis de dez anos con Marta, exercendo como "culé consorte", o meu barcelonismo xa é, para ben e para mal, máis que coñecido. Así que non, por aí non van os tiros. Igual máis nada é que son un fulano moi torpe, pero a min parecíame máis divertida a outra opción. Non sei, pero eu non creo que a imaxe de Messi amarrado á baca do coche e dando a bendición urbi et orbi a toda a Cidade Condal funcionase do mesmo xeito...

-Falemos do grupo de ladróns. Abofé que son todos moi peculiares. Están inspirados en personaxes reais ou "calquera parecido coa realidade é mera coincidencia"?

-Ben, como comedia que é, boa parte dela bebe de certos clisés máis ou menos preconcibidos. Xa que logo, confeso que esta vez non tiña ningunha intención de ocultar ningunha personaxe real baixo ningún deses clisés. Así pois, calquera parecido cunha persoa real... é unha putada para esa persoa!

-O personaxe protagonista (sobre todo pola súa profesión de manager de "artistas imposibles") seméllaseme moito ao dunha película de Woody Allen. Acerto?

-Sempre recoñecín o traballo de Woody Allen como un dos meus maiores referentes, así que si, por aí vén algo de Dante Odeón. Pero non é menos certo que tamén bebe dese detective tolo de Eduardo Mendoza, da locuacidade barata de Groucho Marx, da capacidade do Wilt de Tom Sharpe para verse enleado en enredos que non existen, ou de Marvin, o androide depresivo de Douglas Adams.

Pedro Feijóo en Vigo // Eli Regueira

-Cal cre que é a característica que fai de Woody Allen un xenio do humor?

-Supoño que, de sabelo con claridade, non estaríamos agora aquí falando... Pero, se tivese que quedarme cun trazo (á parte dun talento prodixioso para un humor intelixentísimo), diría, con todo o medo a equivocarme, que boa parte do éxito radica nesa ilusión de naturalidade, a falsa sensación de estar ante alguén que realmente é así, rompendo a distancia entre actor e personaxe (co que, xa postos, aproveito a oportunidade para dicir que non: eu non son Simón, nin moito menos Dante!)

-A que outros humoristas e/ou cómicos admira?

-Pois, ademais de todos os que cito anteriormente, declárome absolutamente devoto do humor de xente como Les Luthiers, os Monty Python, practicamente todo o humor inglés, Roberto Benigni, o ex-ministro Wert e mais Mariano Rajoy.

-Quen é o escritor (ou cal o libro) que máis o fixo rir (no bo sentido, claro)?

-Non me atrevo a dicir "o que máis", pero si o último: Ha vuelto, unha especie de fábula na que Timur Vermes fantaseaba cun posible espertar do mesmísmo Hitler na Alemaña actual. Iso, e certos números do BOE, como aquel no que explicaban as reformas na materia de relixión. Insuperable...

-Ademais de humor, esta novela ten unha acción desas que se definen como trepidantes, sen descanso para o lector. Era necesario darle ese ritmo á trama para facer crible unha narración que, a,priori, semellaba imposible?

-Mira, nun día a día no que un candidato á alcaldía da cidade se ve involucrado nun tiroteo a membros doutro clan xitano, cun disparo no cu; ou onde un par de pringaos sen oficio nin beneficio deciden que o mellor que poden facer para meter droga de contrabando en Galiza é construíren eles mesmos un submarino en Gondomar (que, entre outras particularidades, resulta que non ten mar), que me veñas a falar de historias "imposibles" déixame un pouco parvo...

-Outra influencia que intúo na novela é o das historietas tipo Mortadelo e Filemón, Anacleto, etc?

-Pero iso é porque o meu editor me recomendou que lese a Ibáñez. Vese que el se refería a Vicente Blasco Ibáñez, pero cando quixo introducir o matiz eu xa estaba moi lonxe de alí...

-A novela contén tamén unha historia de amor, á que por certo trata Vde. con moito respecto. É que, acaso, co amor no se pode facer tamén humor?

-Por suposto que si! Pódese facer humor con absolutamente todo. O que xa é máis complicado é facer o amor con absolutamente todos...

- Os fillos do mar xa foi unha novela que "cheiraba" a versión cinematográfica. Imaxínase un Os fillos do marMorena, perigosa e románica

-Tendo en conta que vivimos baixo un goberno que cada vez que escoita a palabra "cultura" bota a man ás tesoiras (ou ao dicionario...), calquera opción de sacar adiante unha película non só me parecería ben, senón que mesmo me devolvería a fe en Deus, aínda que estivese protagonizada por tomates e berenxenas!

-Por que nesta ocasión decidiu que as versións galega e castelá fosen publicadas ao mesmo tempo?

-Que eu o decidín!? Quen nos dera aos escritores galegos ter potestade sobre ese tipo de decisións...

-Escribiu a novela ao mesmo tempo en galego e castelán ou primeiro en galego e logo traduciuna?

-Son un fulano que escribe, pensa e vive absolutamente todo en galego, desde a lista da compra ata as decisións máis profundas (como, por exemplo, coller o metro). Todos os meus traballos son concibidos e realizados en galego, e o resto son traducións. Ao castelán, ao inglés, ao swomi...

Compartir el artículo

stats