Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Produción e proceso

A Colección DKV no MARCO

Varios aspectos da mostra nas salas do MARCO. // FOTOs: ELI REGUEIRA

Producións e procesos na Colección DKV, a interesante proposta que presenta o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO até o 24 de xaneiro suxire dúas liñas de reflexión, ambas de enorme actualidade no panorama artístico contemporáneo.

En primeiro lugar, salienta o que respecta á orixe dos fondos expostos, xa que se trata dunha selección da Colección DKV, unha empresa de seguros que incorpora a arte ao seu programa de proxección de imaxe corporativa indo alén do simplemente publicitario. Para eles o mesmo concepto e punto de partida como coleccionistas, incluso desde a perspectiva da adquisición de obras, semella conformar unha postura de diálogo coas diferentes creacións, dándolles un papel relevante, actuando como axentes creativos que permiten que as obras dialoguen entre si, o que posibilita e facilita o xurdimento dunha grande diversidade de lecturas.

E este último aspecto é o que nos leva á segunda faceta que a mostra nos ofrece, porque nesta ocasión o que se nos presenta nas obras escolmadas pola comisaria Alicia Ventura é unha reflexión sobre conceptos xenéricos: as ligazóns entre producións e procesos, por medio de artista das xeracións máis novas. Este argumento desenvólvese a partir de tres fíos condutores: as obras ligadas ao proxecto cuidArt que se desenvolve no Hospital Marina Salud de Dénia, espazo dependente da empresa DKV; traballos resultado de colaboracións co centro LABoral de Xixón; as bolsas de produción que levan o nome da mesma empresa; finalmente un terceiro núcleo é conformado por pezas que son froito da colaboración da empresa con múltiples actores do sistema artístico.

A teor do observado na mostra do MARCO, son os dous últimos os ámbitos máis interesantes, resentíndose no primeiro caso as obras en contacto cun medio tan marcado como é un hospital privado. Nestes casos é ben difícil separar o social, o político do puramente artístico e en Vigo sobre hospitais xa non cremos os que pretenden tomar o rábano polas follas. Arte e propaganda son dous fenómenos tan ligados desde hai séculos que non é preciso lembralo, mais cando a propaganda quere pasar por proceso artístico reflexivo acaba evidenciando aínda máis esta ligazón.

De todos os xeitos, e volvendo ao fío expositivo, o resultado presentado é un interesante mosaico de certos aspectos da arte actual, en que abundan as imaxes especulares; os espazos de vida e traballo como marco relacional e creativo; as referencias temporais ao pasado e futuro e, finalmente, as imaxes de tensión dramática co corpo e o individuo como centro do discurso.

Neste sentido salientan obras como Prótesis discursiva (una conversación alquímica) (2014) de David Ferrnado Giraut, unha animación dixital con son que nos envolve con referencias á tecnoloxía do pasado en ligazón co noso presente. Outro diálogo coa tradición, abrupto e intensamente lúcido, é o que realiza Misha Bies Golas empacotando, "dixerindo" e trousando libros e folletos en O ceo non é humano (2015). O corpo aparece con toda a súa intensa problemática na obra de Alex Francés: La casa del cuerpo (2015) e na fascinante recreación da Vera Icon (2014) de Eulàlia Valldosera, todo unha reflexión sobre o sentido da imaxe e as súas sombras.

Máis ligada ao social está a obra de Núria Guell Too Much Melanin (2011) que incide nun dos temas máis presentes na arte actual, o nomadismo, as tensións dos movementos de poboación e o individuo vítima destes procesos. O espazo é obxecto de análise en Alicia Kopf, coa súa alterada cartografía en Àrticatartic, Panorama (after Henry Courtney Selous) (2013) e en Karlos Gil: The Moon Museum (2013). Tamén, dun xeito distinto, na instalación de Martín Freire Behind the Scene (2015).

En xeral, a captación do temporal e a súa visualización no ámbito plástico, un terreo de enormes suxestións ao longo da historia da arte e nas expresións artísticas contemporáneas, está moi presente na mostra que nos transporta a sensacións como fugacidade, ambigüidade, emocións intensas ou circunstancias vitais.

Título: Producións e procesos na Colección DKV

Comisariado: Alicia Ventura

Artistas: Patricia Dauder; Misha Bies Golas; Rosalía Banet; David Ferrando Giraut; Alex Francés; Martín Freire; Karlos Gil; Núria Güell; Alicia Kopf e Eulàlia Valldosera.

Local: MARCO, Vigo

Até o 24 de xaneiro de 2016

Espello dunha xeración

  • A colección DKV, pois, amósanos algúns dos camiños andados pola arte desde a asunción da cultura de masas como materia creativa, e como consecuencia a súa manipulación crítica da mesma, chegando en exemplos como algúns dos agora expostos á decostrución do discurso por medio de vídeos, pinturas e fotografías que poñen en cuestión os mecanismos que domina a nosa realidade global, sen faltaren incisivas olladas sobre a nosa sociedade, desde os seus aspectos máis banais e cotiáns -a linguaxe máis superficial- até o sentimentos máis fondos e universais -o berro a dor-, que nos fan ver a través do espello da imaxe consumida e de reprodutividade xeneralizada

Compartir el artículo

stats