Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pequena peza mestra

Para axitar os corazóns

Pequena peza mestra

Hugin e Munin vén de traducir unha novela escrita en lingua alemá, cun título -O xinete do cabalo branco-, que nos podería lembrar unha das catro monturas da Apocalipse, xustamente a branca, o cabalo da vitoria, portador dun arco e dunha coroa. Pero se alguén estaba máis lonxe de acadar o triunfo dos seus ideais, ese era o protagonista da narración de Theodor Storm, o Deichgraf Hauke, que chegaría a ser o responsable dos diques e das esclusas dun territorio hostil da histórica Frisia setentrional, no que nacera o autor.

O anterior responsable da administración dos diques naquela terra inquietante fora un individuo que tiña que recorrer á súa filla para facer os seus cálculos. Hauke, que comeza de axudante del, acaba por casar coa filla e de sucedelo nas súas tarefas, pero ten un proxecto, e quere demostar aos viciños que non herdou o cargo por unha cuestión de meritocracia matrimonial. Nun escenario de marismas, no que un mar embravecido amosa unha forza case diabólica, as diferentes xeracións dunha aldea foron construíndo diques para asegurar as propiedades e terreos para as granxas e os pastos, e agora Hauke quere construír un novo dique. Esta obsesión será motivo de discordia cos viciños e orixe da traxedia final.

A obra recrea unha lenda popular, a través dunha historia que un día de temporal, nunha pousada, lle conta un mestre ao narrador, despois de que este vise un xinete espectral montado sobre un cabalo branco, esquelético e de longas patas. O narrador fai de transmisor do relato.

Theodor Storm (1817-1888) mantén a intriga e o misterio ata o final, mesturando elementos fantásticos nunha narración realista. Nunha paisaxe de gran beleza, que nos trae á memoria os naufraxios de Turner, ou a natureza embravecida dos cadros de Caspar David Friedrich, canta a estética gris e salvaxe dunha terra indómita. A narración retrata unha sociedade illada, afeita a loitar coa adversidade extrema, unha aldea de xente supersticiosa, bastante inculta, tradicional, na que o Deichgraf debe ser o home con máis propiedades e talento para protexer das desgrazas á colectividade. E nese mundo, Hauke vaise illando nun proxecto que choca cos demais, aínda que conta cunha muller entregada á súa causa, e que despois de anos de espera lle dará unha nena, iso si, con problemas típicos dun personaxe naturalista.

Nesta obra resulta particularmente interesante a loita entre a actitude racionalista do protagonista e o mundo fantástico e supersticioso dos habitantes da aldea, moi vencellado ás lendas xermánicas de carácter folclórico da rexión de Schleswig-Holstein.

A novela apareceu na revista Deutsche Rundschau no ano 1888. A historia encadrada dentro dun marco máis amplo, transcorre no século XVII, e déixanos conmovidos pola paixón dos personaxes, a viveza dos diálogos, as fermosas descricións da paisaxe que se baña no Mar do Norte, e pola precisión narrativa, que exclúe toda arborescencia. O resultado final é unha pequena peza mestra, sombría, que axita os nosos corazóns

STORM, Theodor, O xinete do cabalo branco (trad. R.M. Gómez Pato), Ed. Hugin e Muni, Santiago, 2015, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats