Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura e diglosia

Marxes e centros para a socioloxía

O ensaísta e profesor Antón Figueroa.

"En situacións nas que unha cultura e unha lingua sen senten en perigo, consciente ou inconscientemente tratan de afirmarse botando man de todos aqueles elementos que poñen de manifesto a propia identidade. Hai entón tendencia a recorrer a todo aquilo que é identificado como propio (con razón ou sen ela, a función é a mesma) fronte aquilo que se considera alleo". Esta é unha das reflexións de Antón Figueroa que recolle o volume Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural, que vén de editar Laiovento.

A recepción da literatura nun contexto diglósico é unha das cuestións que vertebran este libro, unha escolma de textos preparada por Alejandro Alonso Nogueira, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Teresa López, Laurence Malingret e Elias Torres. "Iso fai", -continúa Figueroa coa análise anterior-, "por exemplo, que se recorra ao folclore, sobre todo nas primeiras etapas dos procesos, que se recorra á historia, á propia historia literaria como medio de autoidentificación. Iso sucede na lectura, na crítica, nas propostas de lectura, etc. Paréceme probábel que en Galiza se lea máis a Rosalía do que en Francia se le a Stendhal".

Noutro ensaio publicado pola mesma editora antes que Marxes e Centros, titulado História literária e conflito cultural, Isaac Lourido subliñaba as achegas de Antón Figueroa neste sentido. Na cuestión da recepción literaria, -explica-, "o contributo básico de Figueroa consiste no desenvolvimento dum esquema de receçom literária para cenários em que a concorrência lingüística deriva em situaçons de conflito diglóssico". Así, -subliña-, Figueroa traballa coa hipótese de que, fronte a un sistema literario autónomo no que o criterio sería máis ou unicamente estético, nunha sociedade diglósica prodúcese no proceso creador e receptor unha necesidade de atender ao código lingüístico en si mesmo.

E a existencia desta lectura "filoloxizada", -sinala Lourido-, tende á posta en práctica de mecanismos de escritura e de lectura de validez fundamentalmente interna para ese grupo que se sente ameazado, "que nom desiste do seu empenho resistente e que, polo menos, é propenso à leitura dos textos em chave épica". Xa que, -indica Figueroa no artigo recollido en Marxes e centros-, "o texto tende a ser valorado como obxecto (máis na súa materialidade que na súa capacidade relacional), como medio de identificación cunha realidade, incluso como medio de autoafirmación da propia cultura, cousa que indubidablemente é, ou debe ser, pero non só nin así".

E esa afirmación da propia identidade por medio do texto, segundo Figueroa, "tende a converterse nunha acción pragmática, "política", todo o interesante que se queira, pero que tende a destruír o texto como tal texto". Así, -engade-, "o que ás veces se chama texto comprometido, se non recibe un tratamento estético válido, equivale en realidade á literatura de consumo (inmediato)". Segundo apunta Lourido, estas consideracións de Figueroa entroncan coa definición do sistema literario galego como "dependente, fraco e marxinal" que realizara X. González-Millán.

Figueroa relaciona, -lembra Lourido- un ideal de funcionamento autárquico, autónomo, con posicións progresistas no campo político que incorporan unha dimensión de resistencia e autoafirmación nacional e cultural que, ao recorrer aos espazos do folclórico ou o pasado mítico xeran falta de dinamismo dentro do sistema. González-Millán fala en A narrativa galega actual (1975-1984) da "persistente influencia do nacionalismo literario" que "actúa como un muro de contención" en escritores e críticos "que ven na crecente autonomía do campo literario unha dinámica contraria ás súas funcións sociais durante as difíciles décadas do franquismo".

A autonomía do texto

  • Segundo González-Millán, na historia da crítica literaria galega a relevancia de textos como Cantares Gallegos "ía sempre da man da súa condición de textos alegóricos: a súa hipotética literalidade dependía dunha determinada afiliación nacional". Pero a partir do 1975 "o texto literario gaña en independencia con respecto ás imposicións do nacionalismo literario, e os axentes e institucións que protagonizan esta nova lectura reclaman a lexitimación da súa propia autonomía".Mais conceptos como diglosia tamén comezaron a ser cuestionados. No volume Contacto de linguas, hibridade, cambio, publicado polo Consello da Cultura Galega, Bieito Silva aseguraba que "a ríxida distribución de usos e situacións comunicativas entre o galego e o castelán, que ilustraba de forma paradigmática o concepto clásico de diglosia, foise facendo máis permeable, aumentando, entón, aqueles espazos compartidos entre os dous idiomas".Porén, tal como e advirte Pilar García Negro no seu libro Sobre o racismo lingüístico, o apelo ao plurilingüismo "tradúcese na práctica nun podio a tres", cos postos xerarquizados, co "ouro e prata" para o inglés e o castelán e o "bronce" para o galego, deixando sen resolver o "problema concreto, cotidiano, empírico"; é dicir, a diglosia e mais a substitución progresiva do galego polo castelán

Compartir el artículo

stats