Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Joyce en galego (I): A publicidade

Valéry Larbaud, impulsor do Ulises

O escritor irlandés James Joyce.

A publicación do Ulises de James Joyce (1922) foi un dos puntos culminantes das vangardas literarias do século XX, sostén a profesora alacantina Maribel Corbí. Nesa mesma liña, non cabe dúbida que tamén foi salientable para a crítica literaria da Galiza a aparición duns anacos desta novela en galego da man de Otero Pedrayo (s, núm. 32, agosto de 1926). Deixemos sentado isto. Sen embargo, e despois que o asunto quedase esquecido durante cincuenta anos, a crítica contemporánea segue a debater se tal versión foi feita directamente do orixinal inglés ou se Otero Pedrayo tivo algún tipo de ferramenta auxiliar (material ou persoal).

Unha das eivas de tales análises -sen obviar algunhas actitudes de parti pris- é que na súa inmensa maioría proceden das filoloxías inglesa ou galega (entre eles os de X. González-Millán, A. R. de Toro, C. Millán Varela, C. Noia, C. Patterson ou K. A. McKevitt); é dicir, do estudo da lingua fonte/ou da lingua meta no caso do Ulises. Pero ninguén analizou como puido chegar a novela ás mans de Otero Pedrayo.

Para iso e para entender o papel de Valéry Larbaud temos que situar, por obvia que sexa, a traxectoria da súa edición. Mentres avanzaba na redacción do Ulises, Joyce publicouna por entregas en The Little Review (Nova York) en 1918, pero en 1920 foi suspendida por obscena. Desde París, o escritor e crítico Valéry Larbaud retomou a empresa e procurou a complicidade das libreiras Sylvia Beach e Adrienne Monnier, responsables respectivamente de Shakespeare & Co e de La Maison des Amis des Livres.

En decembro de 1921, e xa co manuscrito do Ulises rematado e no prelo (editado por Beach), Larbaud quixo presentar a Joyce e a súa recente obra en público na libraría de Monnier. Asistiron unhas duascentas cincuenta persoas, que pagaron vinte francos polo privilexio, tal como anunciaba unha folla volante (sen máis contido). Monnier propuxo que o tradutor fose J. Benoist Méchin (coa supervisión de Joyce), non sendo o resultado do agrado de Larbaud.

En febreiro de 1922, e con subscrición previa, apareceu a primeira edición do Ulises. Larbaud quixo celebralo coa publicación do texto da conferencia na Nouvelle Révue Française aínda que non conseguiu que Jacques Rivière, o seu editor, aceptase incluír os fragmentos lidos en francés. Porén, algúns apareceron no número 1 da revista británica The Criterion en novembro daquel ano.

Ben axiña Larbaud promoveu a versión francesa integral da novela e para iso procurou o concurso dun tradutor solvente malia a súa mocidade, Auguste Morel, que foi asistido por Stuart Gilbert. Aproveitou a súa colaboración no primeiro número de Commerce (verán de 1924) para publicar uns anacos de tal tradución (e non dos lidos en 1921, que polo visto se perderan, como apuntou K. A. McKevitt). Publicou outro anaco -de vinte e cinco páxinas, da versión de Morel- no número 1 de 900. Cahiers de l'Italie et de l'Europe (Roma, outono de 1926); aquel mesmo ano apareceron anacos en italiano: nas revistas Il Convegno, traducidos por Carlo Linati (malia que considerou Ulises intraducible), e L'Ora, por un autor anónimo. En 1927 Larbaud publicou máis anacos en Les Feuilles Libres (París, núm. 45-46 en homenaxe a Léon-Paul Fargue) e en 1928, por fin, na NRF.

Este percurso estaba marcado polas eivas que presentaba o orixinal: texto inglés con moitos irlandesismos e neoloxismos, erros de corrección a causa das dificultades visuais de Joyce e obvio descoñecemento da lingua orixinal por parte dos tipógrafos da imprenta Darantière (sen esquecer, por exemplo, a menor frecuencia nas caixas de imprenta francesas do w, circunstancia que dificultaba a confección das pranchas).

Cando don Ramón ollaba a París

  • Otero Pedrayo confesouse sempre debedor da cultura francesa, especialmente da do século XIX. Cando residiu en Madrid coñeceu a produción de diversas editoriais francesas. De regreso a Ourense, decote tivo que se conformar as máis das veces con catálogos e referencias indirectas a revistas literarias de alén Pirineos. Sucede, niso das revistas que disque Otero Pedrayo tiña, que hai moita máis lenda que realidade. Moitos críticos repetiron o asunto, entre eles o lembrado amigo Xoán González Millán, quen non dubidou en falar de "exemplares da luxosa revista", por Commerce.Pois ben. En Trasalba non se conserva ningún exemplar dela nin tampouco da NRF, nin hai indicios de que chegasen. Non constan no catálogo da biblioteca nin N. Dulin Bondue a menciona en El granito y las luces (1987). Aínda máis. As referencias a revistas francesas nas páxinas de A Nosa Terra e de Nós apareceron entre 1920 e 1923 (todas feitas por Risco) e algunhas entre 1929 e 1931. E non foi ata 1927 cando Otero Pedrayo publicou unha crítica referida (parcialmente) ás letras francesas, concretamente da moda das revistas literarias (os Cahiers), á que seguiron outras sobre temáticas diversas. Pero non amosou especial interese polas novidades literarias de vangarda que se editaban en París

Compartir el artículo

stats