Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mensaxeiras funcionais

Como espellar o diferente. María Reimóndez anima a aproveitar a diferenza como fonde de poder

Mensaxeiras funcionais

Esta obra forma parte d'"O ciclo dos elementos", un proxecto de sete novelas con personaxes e historias que se entrecruzan, ao que tamén pertencen as xa publicadas Dende o conflito e En vías de extinción. A que agora nos ocupa continúa, pois, na mesma liña, e céntrase na biografía da cantante MK, moza da protagonista da anterior entrega, Gaia, quen neste caso actúa, igual que no primeiro título, coma personaxe secundaria, aínda que crucial.

Se En vías de extinción eran as árbores as que nomeaban os capítulos para facer patente a ambientación, aquí son dez pistas en orde inversa as que, con acaída estrutura, divídense en tres tempos marcados como play, forward e rewind para indicar o presente, o futuro e o pasado, con segmentos da biografía da insegura e dependente Manimekelai, desarraigada cando nena da calor da súa aldea támil e transplantada aos fríos de Escocia, onde a súa pel escura e a súa condición de lesbiana non facilitan, precisamente, a súa integración. Invisible se non para ser desprezada, vai medrando, á vez allea e influída polas dúas culturas, sen atopar un lugar de seu. Por iso cando, xa no instituto, a branca Liv a escolle como parella, entrégase sen reservas a unha relación complicada que comezará a deteriorarse en paralelo ao seu ascenso profisional. A música acompaña sempre a Manikelai (os nomes de cancións e intérpretes serven, de feito, de indicadores cronolóxicos) e, pese á oposición inicial da súa familia, comeza a explotala coma vía de expresión animada por unha profesora perfecta -case unha fada madriña-, chegando logo ao público por unha oportunidade do azar. Logo dunha -de certo, previsible- traxedia, MK, xoven, rica e famosa, fica esnaquizada, mais, grazas ao desinteresado amor da tradutora Gaia, galega global, non só logra sacar forzas para tirar partido dos anacos e volver a actuar, senón tamén para saber como dar e darse en igualdade. Liv e Gaia, caracterizadas en marcado contraste (chantaxe/mediación, posesión/xenerosidade, desequilibrio/firmeza de conviccións) modelan o desacougo vital de Manikelai, maleable e un tanto pasiva -a irritación de Liv chega, ás veces, a compartirse- na súa humildade e timidez. Así mesmo, as consecuencias que nela provoca a relación coas súas amantes impúlsana a tomar -con resultados diferentes- as únicas determinacións sobre a súa vida que semellan libres e propias, non directamente suxeridas, permitidas ou impostas por ninguén.

O concepto migratorio e transversal deste ciclo de novelas semella condensar o carácter da ampla produción de Reimóndez, quen -dependendo o que agarden os lectores, xa que as súas posicións resultan manifestas- se imita -demasiado?- a si mesma; tanto, que con frecuencia provoca déjà-vus. Cunha apelación á toma de conciencia sobre as realidades silenciadas, non homoxéneas nin heterosexuais, a súa escrita propón modelos onde espellar o diferente, ao tempo que anima a aproveitar, precisamente, a diferenza como fonte de poder. Estas mulleres na periferia, sólidas ou en construción, extraordinarias no traballo e fráxiles nos sentimentos, incansables na loita contra todo abuso e que atopan na irmandade feminina a redención suxiren, porén, os avatares dun mesmo ideal, mensaxeiras funcionais dun discurso máis ético ca estético onde, unha vez máis, a apreciación dependerá das expectativas. Formalmente sinxelo, a base de frases curtas e diálogos, con primacía da acción sobre a deducción e do evidente sobre o suxerido, o alegato semella necesario mais, se cadra, literariamente pouco emotivo.

REIMÓNDEZ, María, En vías de extinción, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats