Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Creativas musixas

Fantasía, humor e misterio unha obra que xoga arreo, e de aí a súa efectividade, co factor sorpresa

Creativas musixas

A resolución dun caso que lle encomenda o goberno australiano trae de cabeza a Etelvino Chouteiro, un detective que na súa condición de marsupial decide investigar que lles sucede aos nenos desa parte do mundo que non poden durmir. O motivo de semellante trastorno comezou en Brisbane, cidade costeira do leste do país, e alá van xefe e axudanta ver que sucede. As pesquisas lévanos dun lugar a outro ata que caen na conta de que a solución antóllase perigosa, pero deciden executala porque están seguros de que o risco paga a pena.

Dende o momento que parten de Europa comezan unha aventura que discorre entre a fantasía, o humor e o misterio case a partes iguais, porque o protagonista, afouto e decidido, non dubida en poñer en funcionamento os seus dotes detectivescos e visitar aquí e acolá canto suxeito e situación se lle ocorra.

Saben que os movementos non han ser doados, pero aínda así deciden mergullarse no mundo dos contos e, nunha sorte de xogo vivido, descubrir o que acontece, de modo que entre saltos e enxeño asistimos a un percorrido vital que prende a atención do lector polo suxesivo e debaratado do caso, pola extravagancia e orixinalidade da acción e pola destreza á hora de contar unha historia que mantén acesa a muxica da creatividade.

A evolución dos acontecementos anima unha historia que adoita termos reais para ficcionar retallos da vida, de tal forma que superpoñendo esceas e narracións vai construíndo Antonio Yáñez Casal un universo que cobra vida propia cando as coordenadas son a imaxinación e a ilusión como maneiras de evitar a rixidez das estruturas da realidade que, a miúdo, coarta o pensamento lateral propio dos nenos e que impide tomar camiños alternativos na resolución de problemas. É interesante desenvolver esta tendencia natural dos rapaces, que se bloquea coa idade, aprendendo a cuestionar as certezas, a desestruturar todo o que cremos coñecer á perfección para atopar as novas posibilidades de reacción que ofrece a imaxinación.

En O detective de Nullarbor explóranse camiños, elíxense personaxes e adóitanse fórmulas de actuación que xogan co factor sorpresa e por iso resultan tan efectivos se falamos en termos literarios. Pola súa parte, as ilustracións narrativas que realiza Dani Padrón interpretan e acompañan unha historia que cautiva dende o comezo e que remata con encanto.

Compartir el artículo

stats