Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Políticas do corpo

Martha Araújo: Hábito/Habitante

Unha das accións realizadas nos anos 80, e que se expón agora na mostra. // PM8

Martha Araújo (Maceió, Brasil, 1943) é unha artista dun traballo performativo moi autorreflexivo e que entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto político-cultural, incidindo na escisión persoal como fonte de creatividade. Para ese propósito a artista segue estratexias de produción artística performativas entendéndoas como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión as estruturas xerárquicas, apostando pola resistencia fronte a un contexto político opresivo e ditatorial. Na obra de Araújo a expresión da violencia é froito dunha actitude reflexiva na que o importante é patentizar a vontade de liberdade fronte a violencia do poder, diseccionando os seus mecanismos de opresión. Esta denuncia da violencia faise inserindo obxectos cotiáns (roupas) alterados con ironía e sentido crítico.

O traballo de Martha Araújo parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo e o corpo, complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto procesual da obra, ben representado nas pezas e fotografías da mostra viguesa na Galería PM 8, con ese fluxo entre o interior -no que está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e exterior -no que se subliña o que está exposto ao público-. Está dualidade está representada dunha forma sinxela e ao tempo expresiva por medio deses traxes tensos e dotados de forte carga simbólica. En relación con eles o corpo é entendido na dupla concepción de soporte e resorte para a acción. Estamos, pois, perante un traballo que permite establecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica e crítica.

Martha Araújo sitúanos fronte a un tipo de traballo -realizado na década dos oitenta- que parte dunha idea de análise da realidade social e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade opresiva, o visceral e o conceptual, obviamente coa denuncia dos tempos da ditadura brasileira, todo realizado cunha potencia peformativa que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión.

A precepción desde o eu, tamén físico, preside as "roupas" de Hábito/ Habitante convertendo estes vestidos en elementos de transmisión que se fan donos do individuo que se atreve a activalos. Son pezas catárticas percibidas como sombras estáticas até o momento en que se tornan vivas, cando a persoa que se achega a elas sente a "urxencia" de experimentar estas obras poderosas e cargadas de significado. Ao encontrarmos a roupa prisioneira, pendurada no muro, sentimos o pulo de liberar o vestido. Cando o performer se fai dono da prenda os seus sentidos son potenciados e ao se tratar de liberar do muro manifesta a intensa carga simbólica da acción.

Deste xeito a artista afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático.

Mais en medio dese desacougo e desa reflexión, o corpo aparece como explícito trerritorio para a análise sobre a tradición e o presente. Coas súas prendas a artista activa un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo co corpo, instrumento que libera o traballo da súa reclusión ao rachar os límites de barreiras invisíbeis, sendo este o seu xeito de engulir e dixerir os discursos tópicos sobre a política e sobre o corpo, expulsándoos, para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Título: Martha Araújo. Hábito/habitante

Artista: Martha Araújo

Local: Galería PM8, Rúa Pablo Morillo, 8, baixo, Vigo

Até o 10 de decembro de 2015

Primeira individual europea

  • Hábito/Habitante é a primeira exposición individual de Martha Araújo en Europa. Entre as súas últimas exposicións cómpre salientar a Bienal de Cuenca, Ecuador; A singular form en Seccesion, Viena, Austria, ou o seu máis recente proxecto individual en Para um corpo pleno de vazios na Galeria Jaqueline Martins, São Paulo, Brasil. Alén diso, a artista participará o vindeiro mes de novembro na mostra Resistance Performed - Aesthetic Strategies under Repressive Systems in Latin America no Migros Museum de Zúric, Suíza. O centro desta exposición serán as posicións históricas que deron testemuño do modo en que se manifestou a resistencia aos sistemas políticos represivos e ditatoriais en Latinoamérica desde 1960, moitas veces poñendo en risco as súas propias vidas. Entre outros estarán presentes e.g. 3Nós3, Elías Adasme, Lenora de Barros, Paulo Bruscky, Antonio Dias, León Ferrari, Gastão de Magalhães, Anna Maria Maiolino, Cildo Meireles, Luis Pazos, Horacio Zabala e Yeguas del Apocalipsis.

Compartir el artículo

stats