Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na Casa do Romano

O Centro Cultural de Gres (Vila de Cruces)

O Museo Etnográfico do Centro Cultural de Gres, chamado Manuel Reimóndez Portela, conta con case cincocentas pezas.

De Xosé Neira Vilas escribiuse, e escríbese, moito; pero díxose (dise) menos quizais respecto do importante labor desenvolvido pola Fundación que leva o seu nome. Aloxada na propia casa natal do escritor, a Fundación Neira Vilas desenvolve un extraordinario empeño de difusión cultural no medio rural. Á súa actividade suma a do museo etnográfico Manuel Reimóndez Portela, que mostra o día a día da Galicia de outrora. A institución, cuxa sede é o Centro Cultural da parroquia de Gres, onde viu a luz o ilustre literato, sitúase na Casa do Romano, unha antiga vivenda campesiña de comezos do século XVIII que en tempos foi pousada de peregrinos xacobeos do Camiño Portugués. É probablemente a única entidade do seu tipo na Galicia rural. Funciona como casa de cultura e todos os servizos son gratuítos. Ademais de sala de actos e a biblioteca que leva o nome de Anisia Miranda -esposa do escritor, falecida en 2009-, conta co Museo Etnográfico Manuel Reimóndez Portela que, cos seus case cincocentas pezas, ilustra o día a día da Galicia doutrora.

O propio Neira Vilas conta a orixe da fundación e a significativa tarefa que realiza. "Eu vivía en Cuba e viña a Galicia case todos os anos. Na viaxe de 1990 donei a miña casa natal á Xunta de Galicia, coa condición de que fose restaurada e se crease nela unha biblioteca pública. A donación foi aceptada. Designaron para levar adiante o proxecto ao arquitecto César Portela. Na Xunta dispuxeron construír outro novo edificio á beira desa antiga casa. En 1991 propuxéronme crear unha Fundación co meu nome. Iso supoñía que eu debería organizar e animar esa nova entidade, e foi cando acordamos Anisia Miranda (a miña muller) e mais eu radicarnos definitivamente en Galicia. Radicámonos en xullo de 1992. En 1994 ocupamos unha parte do novo edificio como vivenda e traballamos intensamente para encamiñar a Fundación, xa inaugurada. Fomos enriquecendo a biblioteca e o museo etnográfico e comezamos as actividades culturais na Sala de Actos. Dende 1999 convocamos anualmente, en anos alternos, os premios Arume de poesía para nenos e Estornela de teatro tamén para nenos".

A Fundación que preserva o legado do escritor non só xoga un papel destacado como centro difusor da cultura no medio rural, mesmo está a servir de modelo para extrapolar esta maneira de proceder a outras áreas. Supón un magnífico logro que unha entidade destas características funcione a distancia dos núcleos urbanos, fomentando coa súa actividade o aprecio á contorna e ao propio, máis aínda nun lugar como Gres, que conta cun fermoso medio natural e un nutrido patrimonio material.

Fala o ilustre literato do museo etnográfico da fundación, "ao que lle puxemos o nome dun médico moi popular na comarca, Manuel Reimóndez Portela, tamén antropólogo, etnógrafo e moitas cousas máis. En realidade o noso museo é como un apéndice da biblioteca e ten desde logo un sentido didáctico. Os nenos que acoden a ler ou para levar libros, moi pouco saben das ferramentas que utilizaban os seus avós campesiños, nin coñecen o proceso do liño, nin do viño, etc. O museo é como un complemento dos coñecementos que adquiren nos libros e mediante referencia familiar. Inaugurouse coa biblioteca, en 1994".

Ata hoxe conta con 460 obxectos, algúns procedentes da propia saga familiar. "Algunhas son pezas de familia, como as ferramentas de carpintería que pertenceron ao meu pai, e pezas de roupa de gala da miña nai e da miña avoa, de hai arredor dun século. O maior aporte foron doazóns de persoas desta comarca de Deza e de máis lonxe, por exemplo de Malpica, que nos trouxeron avíos de pesca mariños", explica o escritor.

O museo é reflexo de como era a vida diaria dunha familia campesiña galega. "Diso trátase" -refire Xosé Neira Vilas-. "De saber como vivían, como traballaban os nosos devanceiros, sobre todo no campo. Cales eran os seus hábitos de vida, que ferramentas utilizaban. Ademais dos avíos de pesca, temos unha roda de afiador de hai uns 170 anos e os medios fundamentais de navegación dun barco mercante. Temos así mesmo algún instrumento musical moi antigo e a parte de abaixo dun muíño que correspondeu á cultura castrexa".

Ateigado de historia

  • O nome de Gres xa se mencionaba en 1116. É unha parroquia fluvial pois nela conflúen os ríos Deza e Ulla. Neste último hai un grupo de ínsuas-carballeiras, unidas por pontellas e pasais, que conforman unha singular área recreativa. Preto está a Ponte Ledesma, de oito arcos, construída no século XVI sobre outra anterior de posible orixe romana. A croa do Castromouzo é coma unha atalaia do val: un val amplo, suave, de coidados labradíos e viñedos no que asentan a igrexa parroquial (que ten de patrón a Santiago), a capela do Carme, as casonas da Torre e de Vista de Leis e o pazo, que pertenceu ao marquesado da Algara de Gres, da familia Calderón.Nestas terras de antigos señoríos, Gres foi unha importante encrucillada. No seu entorno tiñan vida os mosteiros de Camanzo, Piloño, Brandariz, Carboeiro, Ledesma, Ansemil, San Xoán da Cova... E tamén o castelo de Cira, do século XII, onde chegou a estar prisioneiro o arcebispo Xelmírez por orde da raíña Dona Urraca. É un recanto para descubrir, agarimado por dous ríos e cinguido por un horizonte de vizosos piñeiros, que fora asento do camiño real de Santiago a Lugo.

Compartir el artículo

stats