Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As pegadas do medo

Un espectáculo de Teatro do Atlántico

Un momento na representación d´O principio de Arquímedes.

"Todos estamos asustados". Son as palabras últimas de Ana, cando pais, nais, nenas e nenos, usuarios da piscina que ela dirixe, comezan a lanzar pedras contra as fiestras, encolerizados ante un caso suposto de abusos sexuais. Mais seguramente non sexan as pedras o único motivo de preocupación de Ana, senón a complexa situación que se xera cando medo e seguridade van da man, como propón Josep María Miró, autor do texto magnífico sobre o que Xulio Lago crea este non menos interesante espectáculo titulado O principio de Arquímedes, con tradución de Afonso Becerra.

Arquímedes de Siracusa, que viviu entre o trescentos e o douscentos antes da nosa era, foi aquel físico e filósofo que botou a correr polas rúas medio nu e berrando "Eureka" ao descubrir un principio famoso, que explicaría nun libro do que contamos cunha versión italiana de 1822, Trattato delle cose che stanno sul liquido. O tal principio non só ten aplicacións no campo da hidrostática e da mecánica de fluídos, senón en cousas máis vinculadas coas dinámicas sociais, pois cando a un corpo social se lle aplica unha determinada forza, o corpo reacciona en función da dita forza, aínda que a tal reacción non sempre é proporcional, sobre todo cando é alentada de forma hiperbólica e mesmo interesada por círculos que manipulan a opinión pública. Nace así o efecto bola de neve.

Pois en efecto, a causa de que un grupo enfurecido de persoas se plante diante dun edificio armadas con pedras, non é outra que aquilo que unha meniña lle dixo a súa nai en relación a un suposto bico (nos beizos?) que un monitor de natación lle tería dado a un pequerrecho cando este bota a chorar porque se sinte inseguro na auga. En pouco menos dun día desátase con inusitada forza un caso suposto de paidofilia e pederastia.

Que hai de certo en toda esa historia? Unha das virtudes do espectáculo, que se asenta nunha liña narrativa en clave leninista (Un paso adiante, dous pasos atrás, 1904), radica en que a historia se vai reconstruíndo de maneira que resulta moi difícil establecer certezas mesmo de forma aproximada, o que supón unha condena explícita do pensamento binario (bos e malos) e unha reflexión necesaria en torno á escala de grises. Ese mozote inocente e un pouco lareta, ese Xurxo, é realmente un pederasta? Atendendo aos feitos que coñecemos, non podemos chegar a unha conclusión, nin cabe tomar partido, que é o que e veces de nos demanda de forma inmediata. O caso Ferrer Guardia, pedagogo anarquista fusilado en 1909, é un bo exemplo dos graves erros que se poden cometer cando a paixón nubra a razón.

Tamén se mostra o difícil que pode resultar analizar cunha certa frialdade e claridade de xuízo, problemáticas que, debido á súa gravidade e ao seu impacto vital ou emocional, nos últimos anos se teñen convertido en poderoso engado mediático. Aparece así no horizonte de persoas que traballan con persoas, un conxunto de escenas temidas ante as que unha persoa, mesmo sendo totalmente inocente ante calquera xuízo que se lle poida facer, perde todas as defensas que poida ter porque sabe que a bola de neve acabará por engulila e sepultala.

Este espectáculo de Teatro do Atlántico, ben deseñado, ben dirixido e ben interpretado, ten especial relevancia no momento actual, cando o gusto por emitir xuízos sen apenas contar cos elementos básicos para facer unha análise mínima e contrastada dos feitos, se ten convertido en deporte nacional, nun país que non coñece límites, nin quere saber dos mesmos.

Na fin da peza, o xentilicio de Barcelona é Sagrada Familia mentres que Almería aparece como capital de Asturias. Un espectáculo que fala de seguridade, de afectos, de valores, e da necesidade de facerlle fronte a calquera tipo de barbarie, desde a paidofilia aos xuízos paralelos.

Homofobia

  • O espectáculo ten moitos matices, fai pensar e dá que pensar. En torno ao rol da muller na familia, por exemplo, pois queda claro que as mulleres teñen un rol instrumental (levar, recoller, traer?) mentres os homes son os que toman as decisións, os que presentan as reclamacións, guerreiros protectores da prole; así, será o pai, o que nunca foi á piscina recoller o cativo, o que finalmente se presente a protestar polo suposto abuso ao fillo.E por todo el transita ese pouso enorme de homofobia que padece a nación española enteira, de Reus a Rosal de la Frontera. Cando na piscina se formula a queixa sobre un bico suposto, a clave está en determinar se o monitor é gai, pois de selo esa condición acabaría resolvendo o problema, en tanto neste país homosexualidade equivale a perversión. Por iso era tan importante educar para unha cidadanía asentada da diversidade, na diferenza, e nos afectos.Davide, o pai indignado ante un feito improbable, acusa a Ana de non entender nada ao non ter fillos, pero Ana mostraralle, contra o final, a importancia dos afectos, e os problemas derivados da súa negación. Pois os afectos e a educación sentimental, en suma, son as mellores ferramentas contra a morte, contra todas as atrocidades e contra calquera barbarie; son garantías de diversidade e riqueza ética e moral que abren portas e armarios.

Compartir el artículo

stats