Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"A protagonista desta novela acaba rebelándose contra o seu autor"

Manrique Fenández - autor da novela "Tres feridas"

Manrique Fernández. FOTO: ricardo grobas

- Até agora, a súa experiencia como escritor de literatura de ficción cinguíase a un libro de relatos, Crónicas de Embora

-En realidade xa publiquei, hai algúns anos, un libro de poemas narrativos nos que se relataban varias lendas de Ponteareas, titulado Ponteareas máxica, malia que a súa distribución foi moi local. Gústame escribir, e o que pretendo é non estar repetíndome sempre, senón facer cousas novas: contos, novelas, teatro, poesía... De feito, Tres feridas ten moi pouco que ver con Crónicas de Embora, que levaba unha liña máis clásica. Nese sentido, redactar unha novela era algo que tiña que pasar antes ou despois.

-Como naceu a trama argumental de Tres feridas

-A novela naceu, como nacen moitas cousas, por casualidade. Un día escribín un conto que contiña algúns elementos que me gustaban moito, pero que carecía de forza suficiente como para ter entidade propia, e pensei que, xa que non como conto, ben podería servir como inicio de algo máis grande. De maneira que retomei unha idea que tiña para unha obra de teatro que aínda estaba por definir en condicións, e comecei a darlle forma. A partir de aí, a historia foi crecendo até se converter no que é hoxe. Por certo, que aquel conto figura como primeiro capítulo da novela. En canto ao poema de Miguel Hernández, o certo é que xa estaba a piques de rematar a redacción e andaba dándolle voltas a un título, pero ningún me convencía. Un día atopei o poema fedellando por internet e, ao volver a lelo, antollóuseme que definía á perfección a miña historia, mesmo a súa estrutura. Vino moi claro e decidín colocalo como introdución e adoptar o título.

-Chama a atención o epílogo no que Vde. dá explicacións sobre as razóns dese final aberto. Por que decidiu incluír ese epílogo? Debemos considerar que tamén vén formar parte da propia novela?

-Claro que forma parte da novela, unha parte esencial. É un diálogo directo co lector e está colocado ao final porque aí é onde ten que estar. Recomendaríalle aos que teñen a teima de empezar a ler pola derradeira páxina que fagan unha excepción para poder entender ben o final que propoño. O certo é que a idea que tiña inicialmente de Elina, o personaxe principal, era moi diferente da que aparece no libro, tal e como explico nese epílogo, pero foi como se o personaxe se apoderase de min e fose tomando o control da historia pouco a pouco até facer desaparecer o autor; apropiouse do relato cunha forza desmedida e decidiu que o final non podía ser o que eu lle tiña preparado. Coido que todo está ben explicado nese epílogo.

-Nese epílogo, por certo, fala Vde. do impacto que lle causou a novela de Sánchez Ferlosio, El Jarama

-Quen teña a tentación de pensar que ese epílogo non é máis que un recurso literario, xa lle digo dende o principio que non: o que se explica é real e aconteceu tal e como se conta. A referencia ao Jarama, de Sánchez Ferlosio, pode axudar a entender as decisións tomadas respecto do final da novela. E a pesar de que considero o relato de Ferlosio un magnífico traballo, non podo dicir que sexa un dos meus autores máis influíntes. De certo non sabería dar unha lista de autores porque son bastante ecléctico nas miñas lecturas e sempre ando á procura de historias que me sorprendan, dende os clásicos até autores máis próximos no tempo, como Stefan Zweig ou Kafka. Sorpréndeme moito a naturalidade coa que Jorge Ibargüengoitia descompón as estruturas clásicas da novela, ou a fina ironía de Oscar Wilde. Gústame moitísimo a literatura que se está facendo nos últimos anos en Galicia e admiro a habilidade narrativa de Marcos Calveiro, a delicadeza e elegancia de Chelo Suárez, a tenrura poderosa de María Solar... Pero son só un par de nomes entre tantos outros.

-Tres feridas

-Como dixen máis arriba, a miña idea é a de non delimitar o traballo e facer cousas diferentes. Prefiro deixarme influir en cada momento polo que considere máis axeitado. Non quero estar escribindo unha e outra vez a mesma novela, prefiro investigar novas vías narrativas, novos personaxes, novas historias... Porque, no fondo, a escrita non é máis que iso: coñecerse a un mesmo un pouco máis percorrendo determinados camiños.

-Tamén seguirá sendo o galego o seu xeito de expresarse literariamente ou non descarta escribir en castelán?

-Eu nunca descarto nada, pero a miña preferencia é sempre o galego. É a lingua que máis me identifica e na que escribo con máis naturalidade, na que me sinto máis cómodo para expresar o que levo dentro. No galego hai determinados xiros lingüísticos que non se poden encontrar noutras linguas, hai unha dozura no léxico, un celme versátil e gorentoso, unha expresividade case lisérxica... Tendo todo iso ao meu dispór, que necesidade teño de buscar outra lingua?

-Aínda que xa non traballa no xornalismo de xeito cotián, hai pegadas da linguaxe e dos estilos xornalísiticos no seu xeito de escribir ou, cando fai literatura, procura afastarse das "técnicas de xornal"?

-O xornalismo non o teño abandonado e de cando en vez publico algunhas colaboracións en distintos medios, pero as linguaxes empregadas son moi diferentes. No xornalismo tes que ser directo e contar o que acontece, sen florituras; na literatura podes permitirte certos luxos que nun xornal están vedados, construir frases buscando unha querencia determinada, un certo aire que axude a ambientar o que relatas. Poderiamos dicir que o xornalismo, polo manexo da lingua, pode ser unha boa escola para a literatura, sempre e cando se manteña aquela vella máxima de "aprender para, unha vez aprendido, esquecelo todo e volver aempezar".

-Tamén é Vde. un home achegado á música. Nesta novela imos atopar algún indicio dos seus coñecementos musicais?

-A música forma parte esencial da miña vida dende sempre e, dunha maneira ou doutra, está presente nos meus textos aínda que non se vexa a primeira vista. Son o xerente da Fundación Rogelio Groba e teño colaborado moito co compositor, mesmo como letrista, pero a miña visión da música vai alén da chamada "clásica". No caso concreto desta novela, hai un capítulo no que Elina asiste a un concerto dun grupo local en Camariñas, que mistura o blues coas cantigas tradicionais galegas; é algo que tamén se corresponde cunha experiencia real vivida por min hai moitos anos.

-Onde atopa maior liberdade creativa: na música o una literatura?

?Son dúas maneiras distintas de comunicación e cada unha delas ten as súas limitacións e, ao tempo, a súa propia liberdade creativa. Cando un ten algo que dicir, o medio que escolla é o de menos: o importante é o que hai por detrás da palabra, o pentagrama ou o trazo pictórico.

Compartir el artículo

stats