Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A peza sexista

Discriminación no audiovisual

A actriz norteamericana Patricia Arquette.

"É o momento de ter o mesmo salario e os mesmos dereitos ca os homes". Iso dixo a actriz Patricia Arquette na gala dos Óscar. Non era a primeira vez que se falaba da brecha salarial en Hollywood. Gilliam Anderson, a axente Scully de Expediente X, revelara que o seu soldo era moi inferior ao do seu compañeiro David Duchovni. No Festival de Cannes de 2014, a presidenta do xurado, Jane Campion, subliñou a pervivencia do sexismo no cine. Tamén a actriz Cate Blanchet protestou polas diferenza salariais.

Os estudos realizados sobre o tema confirman o denunciado polas profesionais do sector. Os informes do Centro de Estudos da Muller no Cine e na TV da Universidade de San Diego mostran que a discriminación se mantén ano tras ano. Só o 7% das 250 películas mais taquilleiras de Estados Unidos no 2014 foron dirixidas por mulleres, que están por outra banda menos infrarrepresentadas en produción, onde son o 23%, e o 19% en produción executiva. Mais non pasan do 18% en edición, do 11% en guión e do 5% en dirección de fotografía.

En Galicia, a situación é semellante. A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, lembrou o pasado verán, na súa intervención nas xornadas "Mulleres en Acción", que acolleu a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que en España só o 7% dos directores, o 15% dos produtores e o 10% dos guionistas son mulleres. E que as mulleres supoñen un 40% dos empregados culturais, nunha tendencia decrecente entre 2010 e 2013, que no caso das actrices, é do 38,1% por cento e no caso das directoras de cine e teatro é do 36,6%.

É significativo, ao respecto, que segundo o informe "A muller na cultura galega", publicado no 2014, nos Premios AGAPI (1996-2001) e nos Mestre Mateo (entre 2003 e 2012), a porcentaxe de mulleres galardoadas foi do 6,7 % en dirección, do 14% en guión e do 16,7 % en montaxe, fronte ao 72,7 que representan en maquillaxe e perruquería e o 100% en deseño de vestiario. Ou que nas empresas do Clúster Audiovisual Galego, só o 28% dos cargos directivos estean ocupados por mulleres, malia termos bastantes mulleres produtoras.

Nas xornadas "Mulleres en Acción", a secretaria de Igualdade da Unión de Actores, Berta Ojea, asegurou que no audiovisual só o 20% das personaxes son femininas, ademais de representar "maioritariamente" os estereotipos do xénero patriarcais, feito que ao seu ver se relaciona coa escaseza de directoras e de autoras, -que supoñen o cinco por cento do total-. Ojea reclamou, desta maneira, o cumprimento da lei de igualdade e o condicionamento da concesión de subvencións públicas ás cotas de igualdade. Mais o dato proporcionado por Ojea non cadra co da Asociación de Mujeres Cineastas (CIMA), que sitúa a porcentaxe de mulleres protagonistas nun 36%.

Mais si coincide cos diversos coñecidos estudos a observación de Ojea sobre os clixés machistas aos que responden os papeis femininos. O primeiro informe mundial sobre personaxes femininas, encargado polo Instituto Geena Davis sobre Xénero nos Medios á Escola de Comunicación e Periodismo Annenberg da Universidade do Sur de California, revelou que menos da terceira parte dos personaxes con liñas de diálogo nas películas son mulleres ou que as mozas e mulleres teñen o dobre de posibilidades de apareceren hipersexualizadas. O test de Bechdel mide o grao de representación das mulleres no cine. Os requisitos para pasalo son que haxa polo menos dúas personaxes femininas, que estas falen entre si e que a conversa non trate sobre homes. E o cinema español suspéndeo, xa que segundo os datos de CIMA só o 28% das personaxes que falan nel son femininas.

Reflexo da sociedade

  • No mesmo encontro en Cangas, a actriz Mónica Camaño sinalou que o teatro "é un reflexo do mundo". Dunha sociedade que "perpetúa a distribución patriarcal do traballo", pois "quen ten o capital é, normalmente, un home", e aínda cando as mulleres son as donas do mesmo "podemos levar sorpresas". O paro, -indicou-, "bate máis nas mulleres". Hai "menos personaxes femininas" e menos "personaxes femininas de interese", pois moitas delas reproducen os roles tradicionais.No teatro, -engadiu Camaño-, a desigualdade pode ser menos grave, mais no audiovisual funciona unha auténtica "tiranía da beleza". Nese sentido, convidou as compañeiras, e a sociedade, a reflexionar sobre o feito de que "somos actrices, non modelos", pois a cultura tamén crea e mantén "modelos que van contra nós, e dos que acabamos sendo cómplices".A responsable da programación a Mostra de Cangas, María Armesto, instou as mulleres do audiovisual e do teatro a "deixar de ter vergoña", xa que cómpre, na súa opinión, "dicir: son tal, son unha boa profesional, sei traballar?". No cinema contemporáneo mundial, subliñou, o 28 por cento das personaxes femininas sofren violencia de xénero. Nun contexto no que a muller adoita ser representada como "a amante, a que está disposta a que lle batan, a que o estraga todo?".

Compartir el artículo

stats