Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio terreiro en perigo

O forte de Santiago de Aytona de Salvaterra de Miño

Superposición do debuxo do forte (1646).

Corría o ano 1646 cando o enxeñeiro militar Juan Ruiz de Quecedo debuxaba o "Plano del Fuerte de Santiago de Aytona y sus alrededores", que se conserva no arquivo de Simancas e que coñecemos, como tantas outras cousas, grazas ao inmenso labor investigador de Jaime Garrido. O forte levantouse no contexto das guerras de fronteira que enfrontaron á Coroa Española co Reino de Portugal entre 1640 e 1668, o que explica a construción dunha serie de fortificacións "á moderna" a ambas beiras do Miño, isto é, seguindo as técnicas que popularizaron enxeñeiros franceses como o Marqués de Vauban. O forte de Aytona, situado nun outeiro a 82 metros sobre o nivel do mar, con pleno dominio visual sobre o pai dos ríos galegos e a fortaleza de Salvaterra (a 32 de altura), pretendía evitar que as tropas lusas puidesen penetrar con facilidade no val do Tea.

A súa construción concibiuse un ano antes do seu deseño, en 1645, cando o Capitán Xeral de Galicia, o Marqués de Aytona, escribiu unha carta dirixida á Corte de Felipe IV na que solicitaba autorización para sitiar a praza militar de Salvaterra, ocupada polo exército luso entre 1643 e 1659. O seu plan incluía a construción dun gran forte terreiro a 1.100 m. ao norte da monumental fortaleza granítica que construíran os portugueses á beira do río, e que inutilizaría a posición inimiga:

"El quartel de Fornelos deve sacarse y en su lugar hazer a tiro de mosquete de Salvatierra un fuerte Real muy bueno con quinientos hombres de un puesto que ay para ello muy aproposito y entre este fuerte y el río hazer una torre de piedra con Salvatierra"

Este forte abaluartado, levantado con terra apisoada, non era unha peza militar illada, senón que formaba parte dun sistema defensivo levantado para controlar a Fortaleza de Salvaterra, e que se completa cunha serie de fortificacións, entre elas o complexo de Fillaboa, a atalaia de San Paulo de Porto e o Forte da Estrela, todas elas case que desaparecidas pero caracterizadas grazas aos traballos de Jaime Garrido e Rebeca Blanco.

A construción do forte de Aytona foi ordenada polo capitán xeneral de Galicia D. Guillén Ramón de Moncada, Marqués de Aytona, que o consagrou ao apóstolo Santiago. O plano orixinal define unha planta en forma de estrela, que permite a distribución das milicias arredor dun patio de armas central de 4.900 m2. Ávila y La Cueva (1852) relata o contexto militar no que se decide construír o forte:

"... pero lo que si efectuaron fue construir á muy corta distancia dela plaza perdida pr. la parte de arriba y dentro delos terminos de la misma parroquia de Salvatierra un Castillo con quatro Caballeros y muchas fortificaciones qe. le constituyeron fuerte y capaz de 1.500 hombres el qual costó 400 mil ducados, como al tiempo gobernaba Galicia el Marques de Aitona tomó el castillo el nombre de Aitona con la advocación de Santiago".

O forte de Aytona tamén tivo unha importante participación no asedio de Monção, ocupado polos galegos o 7 de febreiro de 1659. A obra foi realizada durante o ano 1646 nun tempo récord por D. Pedro de Muzabal que, segundo Soraluce Blond (1985), tiña experiencia como axudante de tenente de Mestre de Campo Xeral "en Milán y en otros lugares de la Península". O mesmo autor descríbeo así:

"El fuerte se compone de un recinto o ciudadela cuadrada con cuatro baluartes, cortinas, foso, y dependencias interiores y una gran plaza de armas central. Estaba rodeado de un segundo recinto amurallado exterior (hoxe totalmente desaparecido), de planta muy irregular, con baluartes, semibaluartes y puntas rodeados de un foso. En esta defensa exterior había cabida para los campamentos de cuatro Tercios y ocho Milicias"

Unha vez que os galegos recuperaron a praza forte de Salvaterra no ano 1659, os mandos militares ordenaron destruír a maior parte das fortificacións do sistema, a fin de que non servisen de apoio loxístico a unha eventual incursión lusa, o que explica que Santiago de Aytona chegase ata nós nun moi deficiente estado de conservación.

Sen protección legal

  • O planeamento municipal de Salvaterra de Miño, aprobado no ano 1994, clasifica erroneamente a paraxe do Castelo, nome popular que recibe o ámbito no que se levanta o forte de Santiago de Aytona, como solo residencial e solo común respectivamente,o que explica que o sector oeste do forte (en especial o baluarte NW ou de San Guillén) fose mutilado para sempre pola plantación dunha viña e a construción dunha vivenda unifamiliar, que arrasou por completo o foxo e parte de dous baluartes do monumento.Na actualidade o forte sofre un deterioro progresivo a causa do acceso frecuente de maquinaria pesada, que se introduce nel para talar e estibar a madeira, coa conseguinte alteración das estruturas defensivas (glacis, escarpa, foxo, adarve?). Xa que logo urxe dotar de protección legal específica no planeamento municipal ao forte de Aytona, clasificando o solo sobre o que se asenta como Solo Rústico de Especial Protección do Patrimonio Cultural, reservando este espazo para a creación dunha zona verde de uso público que garanta a protección e recuperación do monumento, en definitiva, a conservación dunha parte esencial da memoria de Salvaterra de Miño, do Condado e de Galicia.

Compartir el artículo

stats