Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Drogas para a arte

De malditos e de románticos. O consumo de substancias alteradoras da conciencia é tan vella como a vida humana

San Francisco nos 60: no centro do movemento hippy.

O consumo de substancias alteradoras da conciencia é tan vella como a vida humana. Moitas delas tiveron unha dimensión relixiosa xa desde os tempos das crenzas chamánicas. Coa aparición das cidades, entre nós a inxestión de drogas ficou limitada ao alcol. Foi co desenvolvemento da química, en coincidencia coa frustración individual do Romantismo (o spleen que Baudelaire definiu), cando comezou o consumo de psicótropos, moitas veces en compañía de bebidas de forte gradación alcólica.

Poetas como Baudelaire, Poe, Rimbaud ou Verlaine fixeron da inxestión de drogas parte da súa personalidade. Tal consumo adquiriu, a ollos do público, unha condición de malditismo tolerado. Os pintores expresionistas e os seus seguidores de vangarda honraron a memoria dos consumidores de bebidas espirituosas. Lembremos os cadros dedicados ao axenxo e aos bebedores de asente feitos por Degas, Toulouse-Lautrec, Van Gogh, Manet, Béraud, Oliva ou Picasso.

Como o alcol, tiñan condición legal drogas como a morfina. Coñecido o opio desde moi antigo, a súa biosíntese en 1805 facilitou o seu consumo como analxésico, se ben axiña foi usado como vía para a evasión da conciencia. Foron moitos os intelectuais e artistas que a consumiron (R. L. Stevenson, F. Nietzsche, E. Piaf ou B. Lugosi) ou incluso personaxes de ficción como Sherlock Holmes.

A industria farmacéutica sintetizou a heroína como substitutivo da morfina pero a facilidade para caer na súa adicción motivou a súa ilegalización: nos Estados Unidos nos anos 20 do século pasado, en coincidencia coa prohibición do alcol. Tal circunstancia provocou, segundo o xornalista escocés Johann Hari (ex adicto), que o comercio da heroína pasase dos médicos e das farmacias a bandas mafiosas que tentaron o control das ventas incluso coa violencia.

Ese baleiro foi ocupado por drogas derivadas do cáñamo (haxix e marihuana). Esta planta era empregada desde ben antigo (incluso no ámbito doméstico para axudar a durmir posta debaixo da almofada). Os seus consumidores foron os sectores populares mentres que os ricos -con capacidade económica- podían seguir a consumir cocaína, menos agresiva que a heroína.

A popularización e mitificación da maría chegou da man do movemento hippy e dos músicos xamaicanos de reggae. A heroína (pola acción de bandas criminais que promoveron o seu comercio desde Asia) foi compañeira de moitos músicos de rock e de punk e provocou vítimas de sona, como Janis Joplin, Jimmy Hendrix ou Sid Vicious (nunha lista que sería infinita).

Pero tamén de moitos outros consumidores anónimos das periferias das nosas cidades naqueles anos setenta e oitenta, cando a violencia para roubar e pagar as doses (case sempre adulteradas) era moeda corrente. E moitos dos heroinómanos que non sucumbiron á sobredose, foron vítimas da sida, contaxiada por compartir xiringas.

A iso engadíronse as primeiras drogas de síntese artificial, como o LSD (fronte ao cal, os cigarros de marihuana dos Beatles ou Bob Dylan eran case de inocencia). Este ácido encetou a psicodelia, unha nova maneira de ver a realidade para expresala nas artes plásticas ou na música. Unha manifestación que a causa da activación do subconsciente, emparentou co onirismo dos surrealistas. Algúns músicos que participaron dela foron The Doors, Cream, Grateful Daed ou Genesis.

Pero ante a situación de alarma que tal situación provocou, houbo músicos que clamaron contra a escravitude das drogas, especialmente a heroína, vendidas como arma de liberdade. Entre nós, Miguel Ríos compuxo "Un caballo llamado muerte" (Los viejos rockeros nunca mueren, 1979) e Medina Azahara publicou "No montes ese caballo" (Árabe, 1995).

Compartir el artículo

stats