Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A utilidade do inútil

Neoliberalismo, cultura e ensino da filosofía

A filosofía: un coñecemento sempre necesario.

"A lóxica dos beneficios mina os alicerces das institucións (escolas, universidades, centros de investigación, museos, bibliotecas, arquivos) e das disciplinas (humanísticas e científicas) cuxo valor debería identificarse co saber en si mesmo, independentemente da capacidade de produciren ganancias inmediatas ou beneficios prácticos". Con palabras coma estas comeza o manifesto A utilidade do inútil, do profesor Nuccio Ordine, unha obra que está a acadar un gran impacto no mercado libreiro europeo e que Kalandraka vén de traducir ao galego.

O propio autor visitou Compostela para presentar este libro, no que reivindica a "utilidade dos saberes inútiles" fronte ao "utilitarismo dominante" que, ao seu ver, está a "matar" as disciplinas humanísticas e a educación. As citas de clásicos da literatura e do pensamento constitúen un dos alicerces de A utilidade do inútil, que apunta co seu contido a unha cuestión de actualidade como é a progresiva supresión da materia da filosofía no ensino secundario, que foi un dos temas tratados no mesmo lugar na que se celebrou a intervención de Ordine, a Facultade de Filosofía, no I Encontro Galego de Nov@s Pensador@s.

"A LOMCE o que fai basicamente é reducir a asignatura a unha opción, sobre todo en 2ª de bacharelato", explicou o profesor Javier Turnes neste encontro. "Isto vai xerar unha gran competencia entre os departamentos dada a gran optatividade que formula a lei e unha imponderable perda de entidade académica da materia", engadiu. Iván Rodríguez achegou a perspectiva dos estudantes de Filosofía da Universidade de Santiago. "O Grao xa está no punto de mira da Xunta polo número baixo de matriculados e egresados que ten. E en vez analizar isto como un síntoma dun problema estrutural e coxuntural da facultade e poñer empeño e ferramentas en solucionalo, tómase como unha excusa para cuestionar a necesidade de ter unha facultade de filosofía en Galiza", subliñou.

Jacobo López situou, pola súa banda, neste mesmo encontro, a LOMCE no contexto do triunfo do "Estado neoliberal" fronte ao Estado de benestar. "Aínda que as reformas educativas que se veñen desenvolvendo desde mediados dos anos oitenta en moitos países occidentais, incluíndo as reformas educativas españolas, pretenden satisfacer demandas dos lobbies defensores do neoliberalismo, sen dúbida a LOMCE, recentemente aprobada, constitúe un exemplo acabado da inoculación de principios neoliberais á educación escolar", sinalou. Trátase, -indicou-, de artellar un xeito de produción da subxectividade arredor do eixo "do si mesmo que debe constituírse en xestor da súa propia existencia e formación", co obxectivo de "alentar a maximización da competitividade", favorecer o control social por parte do Estado e unha "estratificación social baseada na meritocracia", responsabilizando os individuos do seu propio fracaso e obviando as "condicións socio-políticas que están na orixe das diferenzas".

Mais o encontro de Santiago serviu tamén para debater sobre filosofías de fóra da institución, en proxectos como a Universidade Cromática. "Os problemas de xestión da "cultura" na Costa da Morte son obvios: desaxustes e faltas de implicación por parte dos poderes públicos de forma continuada. A partir de aquí, deste reclamo pola sabedoría primitiva xunto cun afán polo coñecemento sobre historia, filosofía, política e arte, nace a Universidade Cromática na Costa da Morte", subliñou Mon Búa. "Esta necesidade de organización e encontros vencellados á teoría e ao coñecemento compartido nunha realidade semellante levounos a xuntarnos do modo máis humano para recoñecer ante nós a realidade marítima, peixeira e norteña que nos ateigaba", engadiu.

Comunidades acéfalas

  • Proxecto Derriba, -que organizou o Encontro de Nov@s Pensador@s-, realiza actividades como a "produción de textos de investigación filosófica, crítica cultural, produción e edición dunha revista de pensamento filosófico contemporáneo e de diversas monografías sobre pensadores relevantes da nosa contemporaneidade, organización e produción de obradoiros, cursos, xornadas e congresos filosóficos e culturais ao redor do pensamento contemporáneo" e defínese como "a comunidade dos que non teñen comunidade. Comunidade acéfala porque se forma polo conxunto de aqueles que comparten a non pertenza", segundo sinalou Abraham Rubín. "O ir alén do concepto de comunidade clásico implica asumir que a comunidade non pode en ningún caso pecharse en si mesma. Así mesmo non é orixe de si mesma nin ten unha finalidade última", matizou.Tanto Universidade Cromática como Proxecto Derriba móvense en coordenadas opostas ao discurso neoliberal que, segundo Nuccio Ordine ou Jacobo López, dominan o ensino, tanto a nivel de do currículo como no ámbito da gobernanza escolar e das relacións entre os distintos axentes que poboan a escola. E, como lembra Ordine no seu libro, citando a George Steiner, un "ensino de mala calidade é, case literalmente, un asasinato e, metaforicamente, un pecado".

Compartir el artículo

stats