Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rarezas coñecidas e por coñecer

Museo das curiosidades de Romeu (Mirandela)

Peza exposta.

Xa o deixou escrito Saramago na súa Viaxe a Portugal: en Romeu hai un museo. Moi preto de Mirandela, na parroquia de Jerusalém do Romeu, existe unha colección moi singular: "Alí hai de todo, como en botica" -escribe o Nobel- automóbiles de dona Elvira, carruaxes e arreos, receptores e radios de galena, cítaras, caixas de música, pianolas, reloxos, teléfonos dos primeiros que se viron, algúns traxes, fotografías...; en fin, un tesouro pintoresco de pequenos obxectos que fan sorrir. Son os antepasados toscos das tecnoloxías novas que nos van convertendo en usuarios e ignorantes. O viaxeiro, cando sae, encóllese de ombreiros, pero dá as grazas á familia Menéres, que foi a da idea. Sempre se aprende algo".

E en efecto hai moito que aprender neste museo de longa historia familiar promovido polos fundadores da propia Quinta do Romeu na que se sitúa, dedicados desde 1874 á produción de viño, aceite e cortiza, hoxe dentro dos parámetros da agricultura biolóxica, con parte dos terreos integrados na Rede Natura 2000.

A colección e o tecido industrial creado no século XIX é froito do esforzo emprendedor de Clemente Menéres, emigrante a Brasil con 16 anos, que regresou a Portugal para asentar no Porto e dedicarse a negocios de exportación. En 1874 adquiriu en Romeu grandes extensións de terreo e bosques de sobreiras para a explotación da cortiza, que ata a data que chegou non tiñan moito valor. Ademais desenvolveu a vide e a oliveira na zona, transformando unha terra erma nun importante centro agrícola. Os seus descendentes seguiron dando impulso á Quinta do Romeu, sendo Manuel Menéres o creador do Museo de Curiosidades no que se expoñen pezas únicas coleccionadas a través dos tempos polos membros da saga. No espazo pódense ver desde os antigos automóbiles Ford -o máis vello é un T de 1909- a coches de cabalos, bicicletas e biciclos. Poden coñecerse tamén as primeiras máquinas fotográficas, de cinema, reloxos de todo tipo, máquinas de coser ou pezas de lagares de viño e de aceite, aparte de obxectos e documentos do século XIX, algúns referentes á fundación da vella Casa Agrícola transformada en museo. Romeu, xunto con Vila Verdinho e Vale de Couço é unha coqueta aldea rodeada dunha paisaxe de sobreiras, castiñeiros e flores. Ademais a restauración da casa deulle nova vida.

Ao entrar sorprende o que encerra a que, aparentemente, non semella máis que unha sólida e fermosa vivenda rural: teléfonos de 1895, antigos proxectores de cinema, gramolas, unha "jukebox" de 1896 -unha das máis antigas do mundo, din-, un primitivo camión de bombeiros, vellas caixas de aceite decoradas á man?, ademais de numerosos testemuños da vida rural da localidade e da rexión. É un lugar repleto de historia e de historias, máis aínda se na visita está presente algún dos membros da saga familiar, todos coñecedores do pasado de cada unha das pezas que alí se atopan. Son obxectos con décadas de existencia, moitos só coñecidos por velos no cinema, en series de televisión ou en casa dos avós. A visita de sala en sala encerra todo un cúmulo de sorpresas.

A propia aldea parece saída dun libro de contos, ligada para sempre ao apelido Menéres dos seus benefactores. O peculiar nome da súa parroquia, que integra ademais de Romeu outras dúas aldeas, débese á Orde de San Xoán de Xerusalén, que en época medieval tivo unha dependencia nestas terras. Á parte de por o seu museo, Romeu é coñecida polo seu patrimonio -igrexas, cruceiros-, pola súa antiga estación de tren e polo afamado restaurante María Rita, que forma parte da quinta. Existe tamén un santuario dedicado a Nossa Senhora de Jerusalém, construído a petición dunha pastora á que se lle apareceu a Virxe. Trátase dun fermoso templo, cun lago e belas paisaxes.

A Cidade Xardín

  • Romeu atópase a menos de quince kilómetros de Mirandela, a cidade-xardín, tal como é coñecida. O culto á flor e ao verde invadiu hai tempo todos os espazos desta urbe situada a beiras do Tua, onde un gran parque fluvial no que non falta un rechamante chafariz que emerxe do río é o punto de encontro de todos os habitantes. Terra de longa historia, conta cun nutrido patrimonio como o Palacio dos Távora -hoxe sede da Cámara Municipal-, que ocupa o espazo onde antigamente se situaba o castelo. Das vellas murallas quedan en pé a Porta de Santo Antonio, que dá paso a outros monumentos de interese como a igrexa parroquial do século XVIII, a longa e impoñente ponte sobre o Tua -con 20 arcos asimétricos, declarado Monumento Nacional- ou o santuario da nosa Señora do Amparo.Na cidade tamén é posible visitar o Museo Municipal Armindo Teixeira Lopes, ubicado no Centro Cultural, que alberga obras de arte contemporánea, fundamentalmente do século XX, na súa maioría portuguesa. A colección está composta por preto de 500 pezas que abarcan principalmente pintura, gravado, debuxo e escultura, ademáis dalgunhas mostras de fotografía e medallística. Os herdeiros do artista plástico mirandelense Armindo Teixeira Lopes doaron un importante legado que se atopa neste espazo e que constitúe o seu fondo permanente.

Compartir el artículo

stats