Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos de FARO

FARO DA CULTURAFotogramas de Leo Caldas

A praia dos afogados na gran pantalla

Domingo Villar.

A partir do vindeiro 9 de outubro, poderemos ver de novo ao actor Carmelo Gómez, nado en Sahagún (León),emulando o acento galego -como hai anos xa fixera no papel dun narco no filme Agallas (Andrés Luque Pérez e Samuel Martín Mateos, 2009)-: desta vez para encarnar a Leo Caldas, o inspector protagonista de La playa de los ahogados (Gerardo Herrero, 2015), adaptación cinematográfica da novela negra do mesmo título escrita por Domingo Villar, quen tamén participou na elaboración do guión. A devandita novela supón a segunda entrega da saga protagonizada polo inspector galego tras Ollos de auga e á espera da chegada de Cruces de pedra ás librerías, a que será a súa terceira obra.

O xénero policíaco non se caracterizou pola súa proliferación nas letras de noso. Hai quen atopa a súa xénese en Carlos G. Reigosa -Crime en Compostela- nunha data, en termos históricos, moi recente: 1984. A razón desta escaseza podémola atopar no embrión do propio xénero que nace a finais do século XVIII, no período de consolidación do capitalismo tras o estoupido e o triunfo da revolución industrial. É entón cando as cidades comezan a instaurarse como centros neurálxicos da vida contemporánea, un espazo na que a burguesía vai consolidando o seu poder económico. Dito doutro modo, consolídase o mundo urbano fronte ao rural. Coas cidades chegan tamén as forzas de orde pública, o alumeado, as zonas residenciais...; é dicir, aspectos que inciden na conquista por parte da clase burguesa dunha alta dose de seguridade. Deste xeito, cando o muro que ampara esa sensación semella derrubarse, prodúcese un estado de ansiedade colectiva que reclama un proceso destinado a restaurar as certidumes perdidas. Desa convulsión que orixina un crime acaecido nun ámbito a priori libre de calquera perigo, tirarán proveito os escritores da novela negra que buscaban acaparar a atención do maior número de lectores posibles. De aí que a literatura detectivesca clásica situase o asasinato na mansión dunha familia adiñeirada -algo que segue a acontecer nas series televisivas herdeiras deste xénero-, porque saben como nós que, por exemplo, un homicidio na casa dos marqueses de Urquijo aínda hoxe en día estremece, mentres que un crime nas favelas brasileiras probablemente nin sequera sexa investigado.

En definitiva, a novela negra é un xénero cuxas coordenadas espaciais son eminentemente urbanas. Velaí que a súa aparición na literatura galega, que case sempre se moveu nun ámbito rural, tivera lugar en datas tan recentes. Con todo, pese a que A praia dos afogados estea ambientada na cidade de Vigo, a súa localización concrétase sobre todo en pequenos núcleos periféricos que aínda conservan a substancia rural. Hai unha especie de desprazamento urbano-rural que, no ámbito cinematográfico, na mesma industria española, tamén levou a cabo Alberto Rodríguez con acerto en La isla mínima. Por esta razón, a transposición cinematográfica, abofé, utilizará o espazo rural-mariñeiro como un elemento capital da trama, capaz de matizar á acción, aos personaxes e ás verbas.

Ademais, a intromisión no rural galego supón toparse de fociños coa superstición galaica, todo un reto para calquera investigador que, á forza, está obrigado a facer uso do racionalismo á hora de esclarecer o crime. Unha das grandes virtudes de Domingo Villar consiste, precisamente, en tirar partido do enraizamento que ten en Galicia a visión sobrenatural dos feitos e mesturalo co proceso racional que se leva a cabo durante a investigación. Neste punto, acada un valor adicional a figura do axudante de Leo Caldas, Rafael Estévez (interpretado na película polo actor Antonio Garrido), natural de Aragón, que supón unha óptica distanciadora respecto dos tópicos que atangue á forma de ser e de padecer dos galegos.

Compartir el artículo

stats