Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cor que medra e organiza

O mural de Antón Pulido en Peniche (Vigo)

Diferentes perspectivas da "porosidade" atinxida polo artista.

O urbano é un ámbito complexo no que se refire á intevención artística. Neste territorio de conflito, a esperanza está máis que nunca na obra do creador, na súa apropiación deste novo espazo e na marcada vontade referencial que a obra de arte consiga erguer. Unha obra que pode e debe chegar a se converter en parte indisociábel da paisaxe e conseguir unha "porosidade", por empregarmos un concepto utilizado por Walter Benjamin e Asja Lacis a propósito da cidade italiana de Nápoles, un lugar en que percibían que as cousas estaban permanentemente des-colocadas mais tamén un universo en que se fusionaba o público e o privado dotando de sentido o tecido urbano e humano.

Cómpre lembrarmos que perdido o carácter conmemorativo, dominante até comezos do pasado século, aínda que presente en décadas posteriores, o papel da pintura e da escultura no espazo público acaba por se constituír nun problema, mesmo non resolto de vez no noso tempo. As opcións construtivas -unhas das máis activas nas buscas máis radicais- tentaron resolvelo cunha vontade de integración na vida real, no mundo cotián, procurando que substituíse o que antes fora visión espiritual pura, idealismo e concepto. Para conseguilo optaron por unha configuración elemental, traballando con valores como precisión, claridade, apertura de novos espazos e xeometría suspensa, coa finalidade de erixir, como dicía o escultor ruso Vladimir Tatlin, "materiais, volumes e construcións en fundamento"; un artista, por certo, que co seu xeometrismo quería reflectir a ética revolucionaria soviética -logo esmagada pola burocracia stalinista-.

Desta vontade xurdiu, en diferentes contextos e ao longo de décadas, un tipo de muralismo -e tamén de escultura- que ten moito de intervención arquitectónica e que poderiamos definir como instalacións ambientais e utilitarias polo desexo explícito de ligazón coa paisaxe e de reafirmación dun espazo colectivo.

O mural realizado recentemente por Antón Pulido en Vigo, concretamente en Peniche, logra esa porosidade, partindo dunha clara vontade ambiental e utilitaria resolvendo un espazo especialmente desestruturado urbanisticamente e resólveo de xeito brillante cunha linguaxe que continúa a obra máis recente do pintor que se liga ás procuras dunha parte das correntes abstractas desenvolvidas durante as últimas décadas. O artista pensa o espazo e realiza un novo tratamento espacial partindo do seu estilo máis recente, esmiuzando, analizando e relacionando de diferentes xeitos as diferentes partes representadas -moi marcadas pola horizontalidade e verticalidade- para conectalas máis intensamente co espazo circundante.

Antón Pulido opta na súa obra por unha abstracción de forte rigor plástico -cunha execución e un afondamento nos procesos de elaboración formal- mais ao servizo dunha idea, no seu caso case podemos falar dun ideal, ideal acentuadamente lúdico, nesta ocasión reforzado polo feito de elaborar un espazo que ten unha finalidade de lecer e unha ligazón estreita co urbano, conseguindo que un punto de conexión de dúas rúas especialmente degradado renaza cheo de intensa vitalidade.

A pintura de Pulido combina un estruturado rigor conceptual cun élan poético, un pulo vital que traspasa o que en principio podería ser unha evanescente referencia icónica ou mesmo paisaxística, mais que coa intensidade da súa pulsión acaba por conformar unha realidade moito máis complexa e suxestiva. Este mural parte dunha actitude que é todo un programa e que ten como norte a defensa da arte, da súa vontade de transcendencia e da súa capacidade de comunicación e de emoción, case poderiamos dicir, do seu valor terapéutico contra a banalidade.

Mestre da liña

  • Pulido preséntase nesta obra como un mestre da liña curva, da cor brillante que constrúe o espazo e afirma as calidades vivaces e vitalistas por medio de amplas extensións de cores planas que serven para unha simplificación dos motivos representados, que conectan coas súas recentes "kermesses" que xa tiñan unha perceptíbel vontade muralística. O sentido lúdico, cun punto matissiano, dota a obra dun ar atemporal, moi adecuado para un ámbito urbano que pretende crear un espazo amábel, un locus amoenus no seu sentido máis literal. O mundo que representa é o da alegría da vida, cunha inequívoca aposta vitalista. A arte é, pois, alegría de vivir ao servizo dunha finalidade pública, que mellora un concreto ámbito de sociabilidade. Pulido leva, xa que logo, á rúa o seu estilo cheo de enerxía e forza cromática.Estamos perante unha obra que adopta de posición estética que se podería entender simplemente ao servizo duha relación inmediata coa realidade do espazo urbano, mais que no seu caso serve para unha procura diferente na que a modulación de liñas e cores é o vehículo para a transmisión dunha pulsión interior, un aspecto non tan simple ao se tratar dunha obra de considerábel tamaño e que ten que conseguir un diálogo espacial co contexto urbano, algo plenamente logrado nesta ocasión.

Compartir el artículo

stats