Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Conmovedor relato

Con elevada e poética beleza

Conmovedor relato

Un feixe de cartas de amor e un álbum de fotografías son os elementos vertebradores da narración que temos entre mans, a primeira novela de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950), prolífico poeta que, a pesar de achegarse nalgunha ocasión á prosa narrativa, nunca se aproximara á ficción literaria como agora o fai n'As últimas galerías, que Editorial Galaxia ofrece para o deleite dos lectores. Cáccamo escolle un elemento biográfico, a enfermidade que a súa nai padece, o alzheimer, como base para artellar a súa novela.

Amalia vive interna nunha residencia xeriátrica debido a que sofre un proceso de consunción senil irremediable. Duro relato, entón, o que propón o autor, que parte dese suceso adverso íntimo para crear esta novela de evocación na que se reconstrúe toda unha vida. O protagonista e narrador da mesma, fillo de Amalia e Ramón, acompaña o lector nun percorrido intrigante e enigmático sobre a vida deste matrimonio, a partir do que queda da memoria restrinxida da nai, nun fermoso e emocionante exercicio evocativo. Todo isto recreado nos espazos vitais desta familia, nun Vigo marcado pola guerra, a posguerra e a represión franquista.

A fendida e gretada memoria de Amalia, que de cando en vez reactiva alguna das súas conexións nerviosas en breves instantes de lucidez, dá pé a que o seu fillo vaia coñecendo de primeira man a verdadeira historia de amor dos seus pais, que superaron unha chea de contratempos e malandanzas que el descoñecía. Testemuños orais que se van alternando na narración como os de Marisa, amiga de Amalia, e Fidalgo, ex compañeiro de traballo de Ramón, unidos ás fotografías, -que estimulan en ocasións a mente da enferma-, ás cartas que Amalia e Ramón se cruzaron entre marzo e agosto do 1945 -ás que ten acceso o narrador cun gran sentimento de culpa e pudor, pois supón para el unha violación da intimidade e desa correspondencia confidencial -e ao caderno que se reproduce ao final -revelador en todos os sentidos- conforman os diversos materiais mediante os que o lector, e o propio fillo, reconstrúen toda a historia familiar.

Non pode pasar inadvertida esta novela, pois ademais de ser unha narración cunha estrutura orixinal e moi ben entretecida, de que nada renxe no desenvolvemento da trama e do poético emprego da lingua e da palabra -dunha elevada e poética beleza formal, como non podía ser doutra forma- é unha historia conmovedora que toca directamente os nosos corazóns dende o comezo ata a fin. Un magnífico traballo o de Álvarez Cáccamo, que esperemos, non deixe de lado a prosa ficcional.

ÁLVAREZ CÁCCAMO, X. Mª, As últimas galerías, Ed. Galaxia, Vigo, 2015, PVP. 16?

Compartir el artículo

stats