Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O home e mais a terra

Museo etnográfico de Quiroga (Lugo)

Torada enriba da burra para ser cortada polos serranchíns. // museo quiroga

Na planta baixa do Auditorio Municipal do concello lucense de Quiroga atópase o Museo Etnográfico impulsado polo Consistorio, inaugurado no ano 2007: un centro dedicado a recuperar, aglutinar, difundir e protexer o patrimonio cultural en todas as súas facetas. Repartido en 600 metros cadrados e dividido en diversas áreas temáticas (do viño ao aceite, da madeira ao mel ou o téxtil, entre outras), mostra oficios e actividades de outrora propios da comarca, como a elaboración artesanal do aceite. A visita supón un interesante percorrido pola historia, a arte, a xeografía e a cultura popular da Galicia tradicional.

A agricultura, o ferro, a madeira, o produto téxtil, o cal, a lousa, as festas, o medio natural?, todo o patrimonio desta zona pode verse no museo quirogués. Ademais acolle os decorados da película galega de animación O Apóstolo, inspirada en gran parte na arquitectura popular e as paisaxes desta comarca de montaña. Na sala dedicada á adega pode coñecerse todo o proceso do viño. A elaboración artesanal deste produto sempre formou parte da vida cotiá das súas xentes. As vides, da mesma forma que as oliveiras e os castiñeiros, intégranse nunha paisaxe singular chea de contrastes.

Noutra das seccións está instalada unha almazara completa e en perfecto estado de funcionamento. Considerando a orixinalidade e antigüidade do aceite de Quiroga, un dos retos do museo era contar nas súas instalacións coa maquinaria dun muíño. Conseguírono e aí están todas as pezas: a pía, a decantadora, os seiróns?, listas para o seu uso. Non se trata só da exposición de vellos elementos etnográficos, senón dun auténtico muíño preparado para entrar en acción e obter un produto artesanal cunha orixe que se remonta ao paso dos romanos por estas terras.

Noutro apartado recóllese a importancia da produción téxtil, con sona especial para as tecedeiras de Vieiros, na parroquia de Seara. A transformación da lá e o liño en fío e despois en roupa ou pezas de cama supoñía un proceso complexo e enxeñoso, fundamental no día a día da casa. En Quiroga pódese coñecer todo o traballo a través dun tear tradicional e outros obxectos.

Nas instalacións tampouco podía faltar un espazo dedicado ao proceso de secado da castaña e a súa evolución, o mesmo que o mel, cuxo sistema de produción mudou desde os ancestrais cortizos ata as modernas colmeas de alzas, aínda que non variou a calidade dun produto obtido grazas á gran diversidade de flora apícola coa que as abellas traballan nestas fermosas terras lucenses.

Outro dos apartados recrea á perfección unha lareira na que non falta ningún dos elementos necesarios para desenvolver a vida diaria. Era o lugar principal da casa rural, onde se pasaba a maior parte do tempo. É sitio no que se cociña e a familia xanta, recíbense visitas, fanse faladoiros, gárdanse as provisións, procúrase a calor do lume e onde se renovan os contos tradicionais. Entre as pezas importantes da cociña atópanse os asentos situados arredor da lareira, presididos polo escano con capacidade para varias persoas e reservado para os maiores. Bancos, mesas, cadeiras, armario con alzadeira, chineiro, arcón, artesa ou trespés, entre outros, completan o mobiliario da casa tradicional.

No museo recréase igualmente a dependencia de durmir con todos os seus obxectos: mesiña de noite, roupeiro ou berce. Tamén unha antiga fragua na que poden verse diversos obxectos fabricados polos ferreiros locais. Por outra banda os útiles de labranza -cunha ampla colección de arados- móstranse ao mesmo tempo que os instrumentos de carpintería que se empregaban para fabricalos. Son algúns dos moitos elementos de interese que encerra este espazo etnográfico que contén numerosas pezas que falan doutras épocas e de usos e costumes.

Espazo de película

  • O museo de Quiroga conta con elementos pouco frecuentes nun centro etnográfico. Trátase das maquetas para o decorado da película de animación O Apóstolo, de Fernando Cortizo. As características da arquitectura de montaña están perfectamente representadas para todos os que queiran coñecelas de forma pormenorizada. A ambientación do filme inspirouse en gran parte na arquitectura popular e as paisaxes da comarca.Ademais hai un amplo espazo dedicado á carpintería no que pode observarse todo o proceso, comezando pola tala da árbore. Unha vez caído o tronco, procedíase ao seu escuadrado co machado; tras obter as caras desexadas levantábase a torada enriba da burra, previamente marcada con liñas vermellas que sinalaban os distintos fíos polos que entraría a serra. A precisión era total, valéndose dun compás e dunha chumbada. Despois os dous serranchíns guiaban a serra, un enribaa da torada e outro abaixo. Ademais dos carpinteiros profesionais, aos que se encargaban as pezas de execución máis complexa, en todas as casas había un lugar destinado a arranxar os elementos de madeira do día a día, imprescindibles para os labores da familia. Existen outros apartados de interese neste centro etnográfico como o dedicado ao pendello, onde se gardaban os apeiros de labranza, desde o arado ao carro do país ou xugos.

Compartir el artículo

stats