Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Épica mongol

Xenguis Kan: o conquistador do mundo. A personalidade de Temuxín resultará altamente atractiva para o lector

George Orwell escribiu na novela 1984 que a historia a escriben os vencedores. Evidentemente, se sabían escribir. Por un desas circunstancias que aparentemente serían casuais, o mundo civilizado do conxunto euroasiático padeceu ataques insolitamente feroces desde as súas periferias cando comezaba a establecer un nivel de desenrolo. No caso europeo, por vía marítima e desde Escandinavia; no caso asiático, cos ataques chegados polas estepas centrais desde Mongolia. Daquela, as vítimas foron os relatores daquelas orxías de sangue.

Evidentemente, desde o seu punto de vista, os atacantes eran a personificación do mesmo diaño e cando escribiron as crónicas dos ataques, ignoraban case todo das orixes e mais os antecedentes dos agresores e das razóns que os levaron a empregar unha violencia inusitada para acadar uns obxectivos que as máis das veces non tiñan previsto. Así, se nos reinos cristiáns europeos era común a xaculatoria "De furore normandorum, liberanos Domine" cando foron atacados nos séculos IX e X, igual temor espertou no mundo musulmán e chinés douscentos anos despois a chegada dos mongois.

Cando os cronistas persas e turcos describiron os ataques sen piedade de Xenguis Kan cabe que, en tanto que vítimas, esaxerasen a súa brutalidade. Aínda así, a empresa do fundador do imperio mongol foi extraordinaria, só equiparable -se non superior- á dun dos grandes conquistadores históricos: Alexandre o Grande. Agora temos unha espléndida análise do que foi a vida e mais a obra do caudillo mongol, El Conquistador del Mundo, de René Grousset (Acantilado), publicada orixinalmente en 1944.

Grousset foi un gran especialista na historia de Oriente e membro da Academia Francesa. Con gran habelencia e coa amenidade necesaria, guía o lector polos avatares dos diversos clans mongois, polos seus costumes e a súa relación co medio: o deserto, a estepa e os bosques da taiga. Emprega a descrición xeográfica, as crónicas chinesas e persas (entre elas, a de Rashid ed-Din), a Historia secreta dos mongois (escrita en grafía uigur no século XIII) e a épica mongol de transmisión oral.

Máis alá da narración específica (necesaria, aínda que ás veces resulte árida) das relacións e dos conflitos entre os clans e reinos mongois, a personalidade de Temuxín -que tal era o nome de Xenguis Kan- resultará altamente atractiva para o lector. Aparentemente desprovisto de calor humano, sabía ouvir e procuraba entender, e situaba a coherencia persoal e mais a lealdade por riba de calquera outra virtude.

Cousa ata certo punto sorprendente se temos en conta que os mongois pasaban boa parte do seu tempo ocupados entre a gandería nómade e os conflitos armados con outros clans, motivados estes pola necesidade de matrimonios exogámicos e de procurar hexemonías coa obtención de botíns alleos (animais, metais preciosos, esclavos).

E outra circunstancia a salientar -que o aliñaría cos viquingos- é que cando os mongois atacaban unha cidade, a destruían porque -literalmente- non sabían que facer con ela unha vez obtido o botín. E se os primeiros eran magníficos navegantes, os segundos sabían todo dos cabalos e eran arqueiros expertos e disciplinados.

A poucos, Xenguis Kan aprendeu técnicas de asalto, adoptou a grafía uigur para a burocracia e aproveitou os artesáns chineses e turcos para que traballasen en Mongolia.

Cómpre coñecer estes antecedentes para entender porque un dos seus descendentes, Hulagu, o conquistador de Bagdad e Damasco, tiña empatía cara os cristiáns xa que a súa nai e a súa muller eran nestorianas. Circunstancia que o converteu en aliado (ou polo menos en non inimigo) dos cruzados do reino de Xerusalén no século XIII.

Compartir el artículo

stats