Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As pegadas da historia

A colección Videobrasil no MARCO

Obra exposta en Memorias imborrables.

Ao igual que moitos narradores, auténticos escrutadores da realidade social do pasado ou do seu tempo, os videocreadores escollidos na mostra Memorias imborrables. Unha mirada histórica á Colección Videobrasil -que presenta o MARCO en colaboración coa Associação Cultural Videobrasil e Sesc São Paulo- ofrecen unha serie de visións do pasado e do presente que se afastan de vez de calquera compracencia e de calquera retórica. Non hai sombra neles da procura dun locus patriae espiritual, ben pola contra o si se percibe é unha acentuada preocupación pola análise de factores sociais, levando a cabo distintas reflexións sobre a relación cos procesos históricos e/ou a súa contorna inmediata -natural e social- e polo tanto as súas obras manifestan un interese por captar en que medida este fenómenos poden ser obxecto de concrecións artísticas.

De por parte, a Historia foi moi frecuentemente materia central do ollar artístico até o punto de constituír un dos temas por excelencia na arte occidental practicamente desde a súa orixe, con dous grandes nucleos temáticos: a "historia da salvación", é dicir a temática relixiosa cristiá, que marca a nosa maneira de entender o mundo como un percorrido que ten un principio e un fin: alfa e omega; e a historia e mitoloxía antiga, o outro grande compoñente construtivo da nosa cultura.

O discurso elaborado polo comisario Agustín Pérez Rubio sen dúbida quere incidir nesta liña de lectura preocupada pola análise social, permitindo que as obras e artistas seleccionados conformen unha auténtica e peculiar cartografía histórica dun Sur Global que comprende países de Latinoamérica, Caribe, África, Oriente Medio, Europa do Leste, Sur e Sueste de Asia, e Oceanía e que se presenta como un espazo xeográfico, cultural e social, como ámbito dun contradiscurso frente ao Norte hexemónico da cultura europea e norteamericana, de xeito que case todos os creadores seleccionados manteñen nas súas obras unha tensión entre os temas representados ou analizados e a linguaxe artística utilizada.

A partir da inmersión neste complexo e variado universo, a selección realizada é conformada por 18 obras que, aínda que producidas en rexións e períodos diversos ao longo de trinta anos, todas elas teñen en común temas como a violencia de estado, as fronteiras políticas, e os prexuízos. Como exemplo A arca de Zo'e (1993) de Vicent Carelli e Dominique Gallois pode entenderse neste sentido como paradigmática ao dar voz a distintos grupos indíxenas brasileiros que reconstruen e dialogan sobre o seu pasado e presente, explicitando as insuficiencias dos nosos rexistros e análises e os perigos dunha retórica exenta de autenticos valores ligados aos protagonistas dos precesos de construción da memoria e de reflexión sobre o pasado, tema este que se pode detectar en bastantes pezas.

O mundo ambiguo, alusivo e irónico aparece nunha boa parte dos artistas presentes na mostra, que utilizan moitas veces a palabra, os títulos, como complemento para a comprensión das súas obras, como acontece con Projeto Pacífico (2010) de Jonathas de Andrade que reflexiona sobre a historia de Chile e Bolivia, coa perda da saída ao mar de Bolivia e a ditadura de Pinochet como pano de fondo.

Na mostra achamos aproximacións que nos transportan a reflexións sobre a globalización, a mundialización económica e do terror, as fendas do sistema que rexe os destinos do mundo... En definitiva, á constatación de que a violenta desorde na que estamos instalados, coas súas fracturas ideolóxicas, que é ben perceptíbel en todas as videocreacións, que responden á necesidade de pór en evidencia as estratexias de opresión.

Título: Memorias imborrables. Unha mirada histórica á Colección Videobrasil

Artistas: Akram Zaatari, Aurélio Michiles, Ayrson Heráclito & Danillo Barata, Bouchra Khalili, Carlos Motta, Coco Fusco, Dan Halter, Enio Staub, Jonathas de Andrade, León Ferrari & Ricardo Pons, Liu Wei, Luiz de Abreu, Mwangi Hutter, Rabih Mroué, Rosângela Rennó, Sebastian Diaz Morales, Vincent Carelli & Dominique Gallois, Walid Raad. Comisariado: Agustín Pérez Rubio. Realización: Associação Cultural Videobrasil e Sesc São Paulo. Local: MARCO, Vigo. Até o 7 de febreiro

Representación e ideoloxía

  • Cómpre salientar o rigor do traballo comisarial, de impecábel argumentación, que fai un achegamento á temática da relación do decurso histórico, a visualidade e a construción dun pensamento crítico cos modelos sociais dominantes, ofrecéndonos obras nas que estes motivos e preocupacións se poden percibir con enorme claridade. O carácter de análise que propón intenta desvendar os mecanismos de opresión que subxacen nas expresión e nas políticas informativas e de análise histórica. A mostra incide, pois, nun ámbito que no noso contexto está aínda pouco explorado ao menos co tratamento sintético e ao tempo aberto e complexo que se nos ofrece en Memorias imborrables. Unha mirada histórica á Colección Videobrasil, un título, por certo, que pretende remitir á ligazón, nada inxenua en moitos casos, entre as representacións, o ámbito xeográfico e mais a ideoloxía.

Compartir el artículo

stats