Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espellos de China

A moda entre Oriente e Occidente: a caligrafía chinesa, con valor estético formal, fascinou os modistos

O Metropolitan Museum de Nova York dedica unha exposición ás relacións entre Oriente e Occidente na moda. Baixo o título China a través do espello, expóñense no museo entorno a cento e corenta traxes de alta costura e deseño de vangarda de aires chineses xunto a obxectos de arte e téxtiles antigos de procedencia oriental. Andrew Bolton, comisario da mostra, debulla o que latexa no ideario da mesma: todo xira arredor da fantasía oriental ou orientalismo; o conxunto de visións idílicas creadas polos occidentais interpretando estéticas orientais; isto é, un tipo de pastiche ou amálgama plástica, baseada na alteridade subordinada. É dicir, a invención dun escenario de ficción baseado na distorsión do orixinal por licenzas poéticas. Trátase, daquela, dunha visión a través do espello, como no conto de Alicia de Lewis Carroll, onde a realidade é difusa, coas cousas do revés, pero encantadoras.

A porcelana branca con debuxos azuis é un dos ámbitos onde transcorre a fascinación por Oriente dende o século XVI. Tal foi o gusto por esta manufactura que foi imitada en Meissen, Delft e Worcester. Era típica a paisaxe en medallón do salgueiro, con pagoda, ponte e tres personaxes camiñando con apeiros. Este estampado é recolleito por modistos como Roberto Cavalli, para crear vestidos de fantasía oriental.

Vestido de Valentino

A seda é outra manufactura que esperta fascinación en Occidente dende os romanos. A maior peculiaridade no eido da moda é a existencia dunha produción para o mercado interno chinés e outra para a exportación. Na segunda, os motivos de imprimación chinesa son ad hoc para o gusto occidental. Diríamos que eran motivos chineses máis chineses que os dos propios chineses!

Yves Saint Laurent, na súa colección de alta costura de outono inverno 1977, fixo unha homenaxe a un tempo de elegancia e riqueza de lenda oriental. Mesturando aires mongois de Gengis Kan co estilo imperial da dinastía Qing do século XIX, tecidos brocados, chapeus cónicos, xoias de xade, estampados mariños, ombreiros pagoda... serviron para crear un amálgama estética posmoderna. Daquela apareceu no mercado o perfume "Opium". Dende os anos vinte, os modistos trasladaron a fascinación oriental aos seus perfumes. Paul Poiret creou "Nuit de Chine". Jean Patou, editou "Joy". Roger & Gallet, comercializaron "Le Jade". As Callot Soeurs, comercializaron "La fille du roi de Chine". Modistos e perfumes, todos eles presentes na mostra.

A caligrafía en China, ten valor estético formal e poético literal. Fascinou asemade os modistos; na mostra hai dous modelos de Christian Dior e Gabrielle Chanel estampados con caligrafía chinesa. A cor vermella é sinal de identidade de China. Tanto nos mobles Ming como na bandeira, aparece esta cor. A casa de alta costura Valentino, na súa colección "Manifesto" de 2013, fixo unha presentación integral en variantes de vermello. Esta cor tiña sido dende os anos sesenta sinal do modisto, e así aparece na mostra. Outros préstamos na fantasía oriental son os vestidos mesmos. O traxe imperial Manchú, con estampado de morcegos,nubeiros, ondas, montañas e dragóns, tómase prestado entre outros por Tom Ford. O qipao, con silueta pegada ao corpo, ombreiros curtos e escote lateral con botóns, emprégase, entre outros, por John Galliano. O traxe Mao, representación da República Popular Chinesa, abstráese por diversos creadores uniformando Occidente.

Vestindo divas

  • A mostra do Metropolitan non oculta un interese por unha visión cinematográfica ou dramatizada do que se percibe como oriental. Os occidentais facemos composición de lugar dunha China milenaria por medio de arquetipos hipertrofiados conxelados no celuloide. A actriz dos anos trina, de orixe chinesa e nacida en Estados Unidos, Anna May Wong, aparece na mostra como una das modelos do estilo oriental: unha especie de muller fatal, ou fráxil, sofisticada e envolta en sedas, maquillaxes, perrucas e xoias.Outra actriz da época é Hu Die, quen aparece nas revistas de moda occidentais como icona de estilo oriental, levando unas afrancesadas variacións do qipao.A deseñadora Guo Pei toma, da súa parte, elementos occidentais para facer modelos orientais na actualidade. Na mostra aparece un traxe con crinolina inspirada en Napoleón III, pero con forma de flor do loto. Os seus vestidos teñen as horas de traballo infinito dunha época imperial chinesa ou austro-húngara. Unha moda anacrónica, pero que centra o ollo dos medios de comunicación. Non por menos, o difundido traxe amarelo con cola catedralicia que levou a cantante Rihanna na inauguración de "China a través do espello" é un deseño de Guo Pei.

Compartir el artículo

stats