Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Cando un poeta nos interesa, indagamos na súa obra"

Un grupo formado por músicos chegados do jazz que leva ao pentagrama poemas de autores galegos

- Como xurdiu a idea de facer un grupo como Xardín Desordenado?

-Xardín Desordenado é unha reunión de músicos que compartimos a paixón pola poesía. Comezamos Blas Segura e Santiago Ferragud -un canario e un medio levantino- de forma espontánea: a ambos nos veus gustar un poema de Pepe Cáccamo e, case a xeito de exercicio, musicámolo. A entusiasta resposta de Cáccamo fíxonos pensar que aquilo podía converterse nun proxecto. Logo fóronse incorporando outros músicos de distintas orixes, pero todos con experiencias no jazz. David Outumuro, profesor no Conservatorio de Pontevedra e compoñente de diversas bandas. Marlene Rodrigues, unha muller que chegou coa carga emotiva do fado, pero que tamén se formara na Escola de Jazz de Porto. A nosa última incorporación, Lorenzo Boo, tamén guitarrista de jazz... pero para Xardín resultou decisiva a incorporación de Isaac Garabatos un home que, ademais de gran guitarrista, é un produtor musical moi apreciado nos ambientes poéticos e que proporcionou coherencia sonora ás diversas composicións. El foi quen decidiu a utilización de cordas de nylon -mesmo para o baixo- que outorga á banda ese ambiente íntimo, de "salón de casa" que -cremos- tan ben lle senta aos poemas. Por último, quero resaltar o espazo físico no que celebramos as nosas reunións: unha bufarda na parroquia de Tirán; un lugar rodeado de campos, cun intricado camiño de acceso, e dende cuxas ventás se divisa a ría e esta cidade, tan fermosa dende a distancia. Particularmente estou convencido que esa localización ten unha influencia decisiva no talante do noso traballo

-Algunha explicación ao nome? Por que Xardín Desordenado?

-Dende o principio estivemos rodeados por palabras fermosas e imaxes sutís. "Xardín Desordenado" é unha expresión que utiliza Daniel Salgado no seu libro Os poemas de como se rompe todo. Elixímolo porque nos suxeriu ese trasfondo melancólico que con frecuencia produce a poesía e tamén porque eramos conscientes de que, ao non ser especialistas en literatura, as nosas seleccións serían forzosamente desordenadas.

-Supoño que haberá un proceso de selección previo aos poemas que deciden incorporar ao seu repertorio. Como se desenrola ese nobelo?

-O certo é que carecemos de método. Falamos con moitos poetas, dos que obtemos información. Por poñerche un par de exemplos: unha noite, camiñando polas rúas de Bos Aires xunto ao poeta Luis González Tosar, gozamos dunha instrutiva e útil conferencia literaria; noutra ocasión compartimos concerto con Yolanda Castaño e, nos camerinos, mantivemos con ela un clarificador intercambio de opinións acerca dos poetas da súa xeración. Agora son moitos os amigos que nos achegan libros, poemas, nomes. Pola nosa banda, dende o comezo do proxecto, lemos de modo máis "científico". Cando un poeta nos interesa, indagamos na súa obra, ata que un poema -ás veces un só verso- nos apunta que hai unha música implícita e que convén "petar no texto" ata que esa música asome. Sen que fose unha formulación de partida, ultimamente comprobamos que moitos dos poemas elixidos narran unha historia, ao contrario doutros máis abstractos, máis conceptuais; talvez intuïamos que os pomas narrativos encaixarían mellor no formato canción.

-Traballan sempre con poemas, ata o de agora, non musicados ou tamén entra nos seus plans facer novas adaptacións musicais de poemas aos que outros xa lle puxeorn musicas?

-Evitamos tratar textos que xa musicaron outros artistas. Se sucedeu algunha vez, sería porque descoñeciamos esa circunstancia. Mesmo cando confeccionamos un programa sobre Rosalía Castro, eliximos -e non foi doado tratándose dela- poemas inéditos canto a música.

-Hai quen di que hai poetas aos que resulta imposíbel poñerlles música . Téñense atopado con algún na súa procura de poemas musicalizábeis? E, pola contra, hai outros poetas que semella que escriben para ser musicados. Cales son os poetas galegos que reúnen ao seu xuízo renúen esta última característica?

-Máis que poetas fáciles ou difíciles para musicar, habería que falar de poemas ou de libros, xa que cada autor utiliza en cada obra diferentes modelos poéticos. Pero é certo que houbo poemas que, polo seu tamaño e distribución, parecían estar a esperar que nós escribísemos, ao lado dos versos, a nosa melodía. Estou a pensar en "Ternura" un poema de Manuel María ou en "Pedinche Luz Prestada" de Marica Campo (dous fermosos poemas de amor). Pero tamén compuxemos cancións, resumindo un libro completo. Sucedeu con Métodos para afogar un cisne no que Serxio Iglesias relata as vivencias nocturnas da súa xeración na Costa da Morte e que nós resumimos nun blues titulado "Os malos sen revólver" de apenas tres minutos.

-Musicalmente, Vdes. móvense en diversos estilos: bossa nova, jazz, blues?Unha das cuestión claves supoño que será elixir qué estilo musical lle vai a cada poema.

-Cando un poema nos atrae, o primeiro que intentamos é imaxinar o seu clima, as súas imaxes, e compoñer logo a súa banda sonora. Ás veces resulta arduo: en "Setembro", por exemplo, Marta Dacosta fai un inventario sentimental das mulleres da súa familia. O poema encantábanos pero as versións musicais que xurdían non nos satisfacían. Ata que unha noite, en Tirán, alguén imaxinou a Marta no corredor da súa infancia; e as mulleres ás que se refire o poema abrían sucesivas portas, para bailar con ela, ao longo dese corredor. Esa imaxe propiciou un ritmo en tres por catro, e a melodía xurdiu aquela mesma noite, con toda fluidez. En definitiva, a nosa pretensión é que os afeccionados de Xardín Desordenado escoiten, en cada caso, unha canción e só ao final formulen: "que texto máis bo... o mellor desta canción é o texto".

-Xa levan editado un disco con poetas (homes) e outro con poetas (mulleres). Cal é o próximo proxecto discográfico?

-Agora estamos absorbidos pola presentación de Aprendendo a ladrar, o CD que reúne 17 mulleres poetas, producido por Sul Producciones. Xa comezamos con presentacións en pequenos espazos e temos contratados para setembro concertos da banda completa en auditorios de Vigo, Compostela, A Coruña... esperamos poder levalo no que queda do ano a outros moitos lugares de Galicia. Logo comezaremos a gravación dun CD sobre poemas escritos para nenos. Estamos xa nunha das fases máis duras: temos, como nos sucede sempre, demasiadas composicións e hai que seleccionar só unhas cantas; é dicir, renunciar a outras.

Compartir el artículo

stats