Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imposturas e impostores

No lado escuro da escrita

Imposturas e impostores

Probablemente, a circunstancia máis apaixonante da condición humana -e tal vez por iso, a máis desconcertante- é a ocultación á mantenta da propia identidade en favor doutra inventada. Con independencia de se esa alteración responde a un interese crematístico ou se esconde un pasado comprometedor, unha insatisfacción coa condición de seu ou se é, simplemente, vaidade.

Hai uns meses, apareceu El impostor (Random House Mondadori), unha "novela de non ficción arredor da figura de Enric Marco", segundo a define o seu autor, Javier Cercas. Recentemente, no festival Kosmópolis celebrado en Barcelona, en diálogo con Mathias Enard, reflexionaba sobre a necesidade que temos de que nos expliquen historias ben "adornadas", sen esquecer o pequeno Marco que todos levamos dentro.

Pero, se a escrita é, en palabras de Cercas, unha boa ferramenta para entender a escuridade do home, como tratou a literatura esta situación? Sen ánimo exhaustivo, podemos situar unha primeira impostura na orixe das letras europeas, cando Ulises chega a Ítaca e Atenea o viste de vagabundo para que non o recoñezan, ou no mito de Orestes, cando este fai crer en Micenas que morreu e entra secretamente no pazo para vingar o seu pai.

Xa chegados a tempos que podemos entender mellor, Molière debuxou o seu personaxe Tartufo (Tartuffe ou l'Imposteur), un hipócrita beato, para satirizar os falsos devotos que pretenden dominar os seus veciños. Nun rexistro semellante -o interese de poder ou de riqueza- e xa nos nosos días, cabería citar A impostora (2004) de Diane Perkins, novela romántica que narra o cambio de identidade dun home para tirar proveito da muller coa que se casou; Nosotros los impostores, de Lelia Marcos, sobre as mulleres que procuran un matrimonio vantaxoso; ou as obras de Enrique Vila-Matas Impostura e de Joaquín Leguina Impostores y otros artistas.

O escritor Javier Cercas.

A finais do século XIX houbo unha auténtica febre sobre as identidades suplantadas. Son exemplos a novela de horror decadente Os tres impostores (1895), do galés Arthur Machen, ou a obra de Bram Stoker Famosos impostores (1910), entre os cales aparecía a raíña Isabel I de Inglaterra, protagonista dunha lenda que sostiña que en realidade era un home (alcumado incluso "the Bob Bisley").

Este asunto do cambio de rol sexual foi, desde hai séculos, unha constante nesa literatura da impostura. Un travestismo que as máis das veces respondeu á necesidade de salvar a vida ou de acadar un estatus imposible para unha muller. Lembremos nese senso a tradición das "mulleres soldado", das cales a máis coñecida entre nós foi a vasca Catalina Erauso, alcumada "a monxa alférez", quen participo como soldado varón en diversas expedicións na conquista de Chile no século XVII; descuberta a súa condición, xa en idade avanzada, escribiu ou ditou a súa autobiografía. Pero non foi ata 1894 cando foi publicada polo poeta francés José María de Heredia, a partir da cal Thomas de Quincey escribiu The Nun Ensign (1908). Un tema semellante, co engadido de xerar dúbidas na identidade sexual do protagonista, Riobaldo verbo Diadorim, é o que articula a historia narrada en Grande sertão: Veredas (1956), de João Guimarães Rosa.

Tamén no mundo do cine temos exemplos diversos de imposturas. Lembremos, entre outros, as comedias To be or not to be (E. Lubitsch) e Some like it hot (de B. Wilder, entre nós "Con faldas y a lo loco") ou xa en clave dramática O gran impostor de Robert Mulligan, con Tony Curtis no papel principal. Ou xa nunha dimensión disparatada, esoutra comedia de Wilder Un, dous, tres, cando o representante de Coca&Cola en Berlín, C. R. MacNamara, ten que facer dun mozo da RDA un xenro de veras homologable para o seu director en Atlanta, cuxa filla quedou embarazada do alemán.

Elegantes frivolidades

Compartir el artículo

stats