Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fantasía en galego

Dunha atraente escolma

Fantasía en galego

Ramón Caride é un dos autores máis destacados en narrativa breve da actual literatura galega. As súas recompilacións de relatos, dez desde o seu debut como narrador no ano 1990, diferéncianse por algunhas marcas, como tal, a calidade da súa escrita ou eses desenlaces inesperados e alleos a toda lóxica que sorprenden os lectores. Urco Editora ofrécenos arestora unha escolma dos relatos fantásticos do escritor nado en Cea. O mesmo autor, nun apéndice aclaratorio da mesma, fai unha demarcación da súa escrita breve a través de dúas grandes vías: a narrativa realista de serie negra ou criminal e aqueloutra que recolle relatos nos que sobrancea a tendencia fantástica, para o autor unha forma alternativa da realidade, tanxente ou interconectada co real. Unha matización que se acerca á definición de literatura fantástica que no seu día fixo o gran teórico da mesma, T. Todorov. Xa que logo, o lector pode ter a seguridade de que nesta escolma de relatos, urdidos polo autor coa fantasía e fóra de receitarios, non atopará maxia nin fantasía heroica, tan frecuentes arestora nos bestsellers da literatura fantástica. Ás avesas, o que achará é a dura realidade cotiá que reincide monotonamente cada día, alterada soamente polos pesadelos dos soños, alleos a toda lóxica.

Ou as contradicións entre ciencia experimental e crenzas irracionais nun dos relatos de natureza paracientífica. Tamén paxaros negros que caen fulminados por alustros, soños, pesadelos, antigos crimes e certas doses de metaliteratura. A última fotografía do terror e da barbarie absolutos que non son virtuais e que estremecen a todo o mundo. Ou unha fuxida do cotián, o abrollar do arrepío e da tensión paranoica por culpa dun elevador que non se detén.

Relatos nos que a fantasía se viste de terror pola presenza do anómalo en forma de ataques crecentes dun ente viscoso. Outros, como "Discontinuaidade", escrito con pinceladas kafkianas que converten o absurdo en algo real, mais preñado dun abraio incomprensible. A irracionalidade fai así mesmo acto de presenza en "Plástico": a infantilización dun home que compra compulsivamente coleccións de indios de plástico. Noutros o autor mestura nostalxia e violencia: o terrorista que, mentres espera para facer o seu traballo con amosal e metralla, lembra os contos que ateigaron de fantasía a súa adolescencia e xuventude. A amalgama de imaxinación e ciencia no penúltimo relato: unha ciencia sen conciencia, capaz de escapulirse do control humano, para acabar cos problemas de sobrepoboación no Terceiro Mundo. En fin, no relato que pon cabo á escolma, atopamos un verdadeiro cadoiro de fantasía, non exenta de simbolismo: o Camiño que o protagonista -un xamán- percorre nun soño atravesa para sempre a terra do seu pobo cara á cidade amurallada, con portas de prata para proseguir logo cara ao ocaso.

Textos pois logo dunha ampla variedade temática que conforman unha atraente escolma de ficción imaxinativa. Historias ateigadas de trama e tamén dun certo ton fatalista. As máis delas conteñen no seu desenvolvemento formas alternativas da realidade. Algunhas que suturan fantasía con avances tecno-científicos, bátennos con verdadeiros interrogantes éticos. En todas elas o autor preme o ritmo narrativo en moi poucas páxinas e acada ese remates paradoxais, inesperados, especialidade da escrita contista de Ramón Caride que teñen a virtude de avivar a atención lectora.

CARIDE, Ramón, Flash-Black 13, Urco Editora, Santiago de Compostela, 2014, 12 ?

Compartir el artículo

stats