Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A modernidade de Cunqueiro

Das interconexións da lírica galega

Álvaro Cunqueiro (1911-1981).

"Dise que os renovadores da poesía galega foron Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro e Arcadio López Casanova, que si o foron, pero ninguén fala de que Cunqueiro había anos que facía poesía moderna, a partir de Pound, de Rilke ou de Eliot. A Cunqueiro hai que reivindicalo como narrador e como poeta, porque foi o primeiro en renovar a poesía galega do século XX". Así o dixo a catedrática Camiño Noia nunha entrevista arredor do seu libro Álvaro Cunqueiro. Trinta poemas, recentemente publicado polo PEN Clube de Galicia na súa colección "Arte de Trobar".

Camiño Noia uniuse así ás voces que teñen reclamado unha maior atención para a obra poética deste autor, que durante moito tempo permaneceu, dalgunha maneira, eclipsada pola súa narrativa. E non só iso. "Os manuais despachan o tema dicindo que era un poeta culturalista, intertextual, con elementos neotrobadorescos?", explica esta profesora, que o considera a Cunqueiro "un dos poetas modernistas da literatura galega".

Alén de etiquetas que poden "enchernos de prexuízos", o tamén profesor Manuel Forcadela conflúe con Noia ao indicar que "Cunqueiro é o nexo entre Manuel Antonio e os tempos actuais". De feito, -explica-, "a seguinte conexión é Ferrín, que é quen descobre a súa poesía cando Cunqueiro era unha persoa odiada porque fora falanxista e por facer libros de 'realismo evasivo', que é outra mostra do sensentido das etiquetas. Pois Ferrín non se basa en Celso Emilio Ferreiro, que era o que se esperaría. Básase en Cunqueiro, cando nin a esquerda nin o nacionalismo contaban con el". Nun artigo na revista Grial, Claudio Rodríguez Fer sinalaba esta mesma conexión, ao comentar que non fora Cunqueiro o único "fascinado" por Manuel Antonio, senón que tamén Ferrín recollera a súa pegada en Con pólvora e magnolias.

O escritor Xabier Cordal amósase de acordo en que "o referente nacional do Cunqueiro mozo vangardista é Manuel Antonio", do que aprende "antes ca nada unha actitude, a da independencia creadora. Salvando o periodo da lírica caudillista, de ínfima cualidade, Cunqueiro permanecerá ata a morte fiel a si mesmo, deostado por uns, incómodo para outros a pesar da obvia complicidade que lle dispensará o Réxime". Por outra banda, -engade-, "o camiño escuro polo que o vangardista se transforma na voz última, sen dúbida a do poeta maior que acabou sendo, ten moita menos importancia ca o resultado. Outros autores seguiron vías paralelas transitando (se nos atemos ás nomeclaturas) pola confesionalidade, polo conservadurismo ou mesmo pola reacción, e non parece casual que algún dos que citamos sexan grandes referentes de madurez: Borges, Ezra Pound e T.S. Eliot, sobre todo Eliot".

Noia revindica en especial, precisamente, a poesía de madurez de Cunqueiro. Cordal discrepa, porén, da súa interpretación como un poeta "moderno", pois sitúao máis ben en certo discurso posmoderno. "Se por modernidade entendemos o sentido estrito"-sinala-, "isto é, o ideal republicano, a cidadanía, o progresismo etc., Cunqueiro nunca pretendeu ser moderno. Na realidade iría máis alá (como corresponde a un autor do século XX), máis perto do que funda Hölderlin e afastado na práctica do esencialismo. O último Cunqueiro, e referímonos en todo momento do creador, non da caricatura de ideólogo que suxiren as súas columnas ou as súas declaracións públicas, sitúase nas antípodas do pensamento totalitario". Dito doutra maneira, "a súa modernidade (contemporaneidade) estribaría na reivindicación da medida do humano fronte a calquera outro mapa que a violentase. Fóra da linguaxe, núcleo da condición humana, fóra da creatividade que a mesma linguaxe evoca, non habería nada que pagase a pena".

O problema das etiquetas

Compartir el artículo

stats