Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fútbol e cinema

Unha sedución imposible

Cartel do documental sobre Cristiano Ronaldo, dirixido por Tara Pimia (2014).

Se atendemos ao nacemento e á expansión do fútbol, podemos atopar varias similitudes coa industria cinematográfica que, porén, non implican un matrimonio feliz entre ambos os espectáculos; máis ben todo o contrario, como certifica a inexistencia dalgún filme futbolístico que cope as listas das películas máis estimadas da historia. Fútbol e cine non se seducen mutuamente. Todo isto, a pesar de que ambas as representacións contaron co mesmo tipo de público na súa orixe -clase proletaria-, e tamén nos tempos actuais, onde a súa aceptación é transversal a todas as capas sociais. Difundido alén das Illas Británicas polos mariñeiros, o fútbol foi un espectáculo que axiña botou fortes raíces entre as clases populares de todo o mundo -agás nos Estados Unidos- fronte ao rugby, máis achegado á burguesía -esta división, disipada hoxe, aínda segue a ser visible en Sudáfrica, antiga colonia inglesa: o fútbol é practicado maioritariamente pola poboación negra mentres que o rugby é o deporte máis prezado pola minoría branca. Nos primeiros anos, o cine tamén padeceu a desconsideración da burguesía, máis apegada ao elitismo da escena teatral.

Daquela, se o público é o mesmo, por que ambos espectáculos non acaban de amosar unha convivencia máis fraternal? Unha destas razóns podería estar, por moito que compartan unha duración similar, na estrutura narrativa. Mentres o cine responde a un esquema aristótelico -presentación, nó, desenlace- o fútbol quebranta este modelo porque calquera lance do partido poder ser esencial e constituír un clímax que no cine se reserva sempre para o tramo final. De feito, e aínda que resulte paradoxal, os marcadores baixos do fútbol supoñen a gran virtude deste deporte, porque a posibilidade de que a acción fundamental poida acontecer en calquera momento cobre de interese e emoción todo o relato. Sabemos que a explosión de éxtase dun gol marcado no primeiro minuto non pode ser superada por unha canastra de baloncesto nese mesmo arranque de partido.

Pelé nun fotograma de Escape to victory.

Outro dos motivos deste fracaso matrimonial reside no efecto de verosimilitude. A ampla cultura visual do espectador de fútbol convérteo nun crítico implacable fronte a artificiosidade das recreacións cinematográficos, sobre todo nos últimos tempos grazas á superutilización das cámaras televisivas capaces de ofrecer múltiples puntos de vista. Calquera seareiro do balompé comprenderá estas palabras vendo como Silvester Stallone intenta deter un penalti na película Escape to victory ("Evasión o victoria" entre nós), dirixida por John Huston no solpor da súa carreira, baseada nunha historia real protagonizada por xogadores do Dinamo de Kiev durante a ocupación nazi de Ucrania. Por moito que a película intentase cubrir de veracidade as escenas de xogo con xogadores profesionais -Pelé, Ardiles, Bobby Moore-, o resultado final non deixa de ser, por momentos, ridículo.

Tampouco axuda moito que o fútbol sexa un deporte colectivo, por máis que a prensa deportiva insista en reverenciar uns futbolistas por riba doutros. Os procesos de identificación e proxección que seducen a un espectador cinematográfico funcionan sobre todo coa individualización do protagonista que, se o trasladamos ao cine hollywoodiense, se perfíla aínda máis grazas á mitoloxía americana do ascenso individual ata a gloria desde as capas máis humildes da sociedade. Por esta razón, o cine acolleu moito mellor as películas de boxeo que de fútbol.

Deste xeito, non é casual que sexa o cine documental, e non o de ficción, quen procura os últimos achegamentos ao fútbol, seguindo o ronsel da reportaxe, da crónica xornalística, porque o deporte rei semella ser un espectáculo para a televisión, para a narración en directo, e non para a reconstrución fílmica.

Haxiografías fílmicas

Compartir el artículo

stats