Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Redes de difusión

O libro na Internet e nos medios de comunicación

Xosé Manuel Pereiro.

Nun contexto de tendencia á regresión na atención prestada á cultura por parte dos medios de comunicación, a presenza do libro tende a medrar na rede. Mais, pode internet "salvar" a literatura en galego? Esta foi unha das cuestións que se trataron no XI Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores. Unha das creadoras da revista de tendencias Disquecool, Raquel C. Pinto, subliñou que, na súa opinión, "a literatura galega ten un serio problema de imaxe. Precisa que a fagan sexi, divertida, que a convertan en cool".

Nese sentido, as novas tecnoloxías poderían ser boas aliadas. O nacemento da revista dixital especializada en literatura infantil e xuvenil Criaturas, que se presentou no Culturgal, é unha das últimas novidades que se produciron no país en canto a difusión das nosas letras a través da rede. Mais existe, nese sentido, un movemento que xa viña de atrás. Desaparecidas cabeceiras como Vieiros, así como seccións e/ou suplementos culturais da prensa en papel que tiñan o seu reflexo en internet, blogs como o Criticalia de Armando Requeixo, o Novenoites de Francisco Martínez Bouzas, o Brétemas de Manuel Bragado ou O porto dos escravos de Mario Regueira uníronse a plataformas colectivas como Fervenzas Literarias, Letra en Obras, Trafegando Ronseis ou Biosbardia para atender unha demanda de información sobre libros que existe, malia non ser masiva.

Espazos nos que conflúe a literatura co xornalismo como Un país en lata de Fran P. Lorenzo, axendas como VivirnaCoruña, webs de distintas entidades -como a da Asociación de Escritores e Escritores en Lingua Galega- axudan a completar esta oferta. Malia todo, ao ver do xornalista César Lorenzo Gil, -de Biosbardia-, "a información sobre libros na internet é deficiente e parcial". Agás excepcións como culturagalega.org, -a web cultural do Consello da Cultura-, a maioría das iniciativas susténtanse ademais no voluntarismo. Por outra banda, -asegurou-, "os xornais dixitais nacidos tras a profunda crise que varreu a prensa en galego anterior ao 2008 renunciaron a unha sección de cultura estable, organizada, construída con ferramentas xornalísticas", debido á súa "precariedade involuntaria".

A este respecto, a xornalista Carme Vidal, de Sermos Galiza, reivindicou un maior espazo para o libro nos medios xeralistas e subliñou que "o peso da cultura galega responde á liña editorial", como mostran tamén proxectos como Praza Pública ou Galicia Confidencial. O director de culturagalega.org, Manolo Gago, subliñou que "os contidos culturais de ámbito galego supoñen apenas o 22 % dos ofrecidos polos medios galegos".

Nacho Alonso, de Fervenzas Literarias, lembrou pola súa banda que dun espazo case ermo no 2006-2007, -no que pouco máis había que o cartafol de libros de Vieiros; Lg3, o portal de literatura do Consello da Cultura Galega; BIVIR da Asociación de Tradutores Galegos; a Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña e algúns blogs-, pasouse ao crecemento destes e de "páxinas web de autoras, autores, de ilustradores e incluso de obras literarias". Ademais, "as editoriais decatáronse da importancia de estar na rede; organismos e institucións, colectivos e asociacións literarias abríronse á internet; fundacións de escritoras e de escritores; librarías; bibliotecas; portais literarios; webs dedicadas á literatura popular e oral; lectoras e lectores; e críticos literarios teñen actualmente unha presenza maioritaria na rede. A destacar do mesmo xeito son as ducias e ducias de blogs de bibliotecas de centros de ensino de Galicia", apuntou, ou se cadra os dos equipos de normalización lingüística.

A cooperación necesaria

  • O xornalista Camilo Franco chamou, pola súa banda, á responsabilidade compartida dos axentes do sector. A pregunta non é só, -indicou-, "que poden facer os medios pola cultura galega?", senón "que pode facer a cultura galega polos medios?". O tamén escritor e periodista de El Progreso Santiago Jaureguízar referiuse, en confluencia con el, á necesidade de procurar novas alianzas entre editores e xornalistas. Noutro sentido, o codirector da revista Luzes Xosé Manuel Pereiro agoirou que "o xornalismo impreso do futuro será cultural ou non será", pois "todo xornalismo debía estar mechado de cultura".No encontro tamén participaron os xornalistas Ana Romaní, queb debullou a súa longa experiencia de vinte e cinco anos á fronte do Diario Cultural da Radio Galega; Kiko Novoa, que se referiu á presenza do libro no programa Galicia por diante; Henrique Sanfiz, de Radio Fene e Radiofusión, e Xesús Fraga, que mencionou a "atomización, a brevidade da lectura actual" como factores que obrigan a repensar o modelo. Dentro da programación da TVG habería que mencionar espazos como Zig Zag. Finalmente, cabe destacar que suprimido o Luzes nas páxinas de El País dedicadas a Galicia e pechados Xornal de Galicia e Galicia Hoxe, na actualidade, o FARO DA CULTURA de FARO DE VIGO vén ser un dos poucos suplementos culturais que quedan na prensa en papel galega, ademais de conformar o único deles que aposta polo monolingüismo en galego.

Compartir el artículo

stats